
- Carme Varela, Quico Cadaval, Carolina Arabia, Carmen Conde, Miguel Gouveia e moitos máis protagonizan un día cheo de emocións e narración viva
- Os CSC centran a actividade do festival con funcións no Aurelio Aguirre, Bando e Laraño e mais un na Escola Semente para o seu campamento
- Alén de Santiago e Teo, Atlántica tamén estará en Ferrol, Mugardos, Dodro, Cedeira, Vilalba, Betanzos, Caldas de Reis, Cuntis, A Capela, Pazos de Borbén, Sanxenxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal
- Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica continúa a súa viaxe polos camiños da oralidade cunha intensa xornada este venres, 4 de xullo, que espallará contos, memorias e emocións para públicos de todas as idades en Santiago de Compostela e Teo.
A xornada comezará cedo, ás 10.30 h, nas rúas compostelás coa exitosa andaina narrada para adultos A pegada de Castelao, guiada por Carme Varela e Quico Cadaval. Esta actividade é a segunda edición que se desenvolve logo de esgotarse todas as prazas da primeira nun tempo récord. A pegada de Castelao é máis que un roteiro, é unha viaxe á alma dunha cidade e ao recordo dun dos seus inquilinos máis ilustres. Un encontro entre historia e teatro de rúa, onde a memoria latexa nas esquinas e Castelao regresa, por un intre, ao lugar que tanto lle deu.
A programación matinal continúa en diversos centros socioculturais de Santiago cunha oferta ampla e diversa pensada para os máis pequechos. Ás 11.00 h, na Escola Semente, o portugués Miguel Gouveia levará ás crianzas do campamento as súas historias co espectáculo Esquecín como se chama e outras historias que non lembro. Ás 12.00 h, tres escenarios simultáneos encheranse de contos para públicos infantís e familiares. No CSC Aurelio Aguirre, Inés Álvarez Villa traerá as lendas dunha Escocia de conto. No CSC de Bando, Loreto Socorro ofrecerá o divertido Crocodilo, directamente desde Canarias. E no CSC de Laraño, Paula Carbonell presentará os seus Divinos animais nunha viaxe desde Valencia.
Cando a música une especies
Xa pola tarde, a palabra segue a encher Compostela de emocións. Ás 19.00 h, no Museo do Pobo Galego, a arxentina Carolina Arabia compartirá co público adulto De cantos e animais, un fascinante percorrido oral e sensorial por culturas que cantan aos animais para convivir con eles. Desde as chairas de Colombia e Venezuela ata os campos de Bután ou as montañas de Marrocos, a voz humana dialoga coa natureza nun idioma ancestral feito de melodías e intuición.
Durante oito anos de viaxes e escoita atenta, Arabia recompilou historias, cantos e saberes que testemuñan unha relación íntima e esquecida entre humanos e animais: cántase para minguar a soidade, para muxir, para arar, para guiar ou simplemente para estar. As frautas imitan os sons das criaturas, os instrumentos están feitos co que a terra ofrece, e a música convértese nun vínculo de entendemento máis aló das palabras. De cantos e animais opera como un exercicio de memoria viva das culturas rurais e un convite a preguntarnos se, algunha vez, compartimos con outras especies un mesmo idioma. E se ese idioma común non era, quizais, o verdadeiro paraíso.
Homenaxe ás vidas anónimas
A xornada pecharase con forza nos Xardíns do CSC Maruxa Coralia, ás 21.00 h, co espectáculo galego O que non estaba escrito de Carmen Conde, unha oportunidade para mergullarse nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Cun estilo que mestura realidade e delirio, Conde presentará unha escolma de relatos onde o cotián e o extraordinario conviven sen fronteiras. Unha proposta para público adulto que celebra as vidas anónimas e os contos improbables, devolvéndoos á palabra viva coa súa marca persoal. Carmen Conde estará acompaña por unha das voces emerxentes da narración oral do pais: Aida Cobas. Ademais, o espectáculo contará con interpretación en lingua de signos para garantir a accesibilidade.
Historias inesquecibles en Teo
En Teo, tamén será un día cheo de historias que comezará ás 12.00 h no CEIP de Ramallosa (Lucí) onde Aida Cobas levará a súa Fada do saco verde ao campamento de verán e ao público infantil e familiar. Ás 21.00 h, a Antiga Escola de Nenas de Oza acollerá o contacontos Vénme ao bico un conto do portugués Miguel Gouveia, unha proposta para público adulto que celebra o acto de contar e escoitar como unha forma de entender o mundo, reconstruílo e soñalo de novo.



FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
- +INFO: http://festivalatlantica.gal
FOTO PORTADA | De esq a dereita: Carme Varela, Quico Cadaval, Miguel Gouveia, Inés Álvarez, Loreto Socorro, Paula Carbonell, Carolina Arabia, Carmen Conde e Aida Cobas