
- Santiago, Teo, Ferrol, Ribeira, Vilalba, Chantada, Alfoz, Dodro e A Pobra do Caramiñal acollen os últimos contos dunha edición que celebrou a narración oral como ferramenta de conexión e memoria
- A clausura oficial estará a cargo de Celso Fernández Sanmartín e o seu espectáculo ‘Contara’ en Santiago de Compostela
- Historias viaxeiras, voces singulares e encontros únicos marcarán a xornada de peche dun festival que demostra que a tradición oral está máis viva ca nunca
- Toda a programación pódese consultar en festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica pon o ramo á súa edición 2025 este sábado 5 de xullo cunha xornada que promete emoción, identidade e memoria compartida. Dúas funcións en Santiago de Compostela e unha en Teo marcarán o peche dun certame que, ao longo de días intensos, espallou a palabra viva por múltiples escenarios, conectando públicos de todas as idades coa forza da narración oral.
Ponte Narrativa entre o País Vasco e Galicia
A mañá en Santiago arrincará ás 12.30 h no Museo do Pobo Galego cunha proposta para público familiar a partir de 5 anos: Historias de ida e volta, da contadora Larraitz Urruzola, vasca de orixe e galega de corazón. Cunha maleta cargada de contos viaxeiros, Urruzola ofrece un espectáculo que transita entre dúas culturas irmás, tecendo pontes entre a tradición oral vasca e a galega con humor, tenrura e moita imaxinación. A través de relatos populares, mitos ancestrais e tradicións compartidas, Larraitz constrúe unha ponte narrativa onde o humor, a tenrura e a cosmovisión feminista teñen un papel protagonista. Un espectáculo cheo de raíces e alas, pensado para sorprender, emocionar e facer reflexionar tanto a pequenos como a maiores.
A verdade nas historias pequenas
Xa pola noite, será a clausura oficial do festival ás 21.00 horas, no CSC A Rocha, con Celso Fernández Sanmartín que estreará Contara, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega á Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.
Memoria, pracer e rebeldía
En Teo, tamén ás 21.00 h, a aldea de Penelas (Cacheiras) converterase nun escenario ao aire libre co espectáculo Vicio houbo sempre de Atenea García, unha voz destacada da escena galega actual. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!”, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.
Atlántica despídese cun sábado cheo de historias
Pero alén de Santiago e Teo, o sábado o Festival Atlántica espállase tamén por toda Galicia cunha xornada intensa e descentralizada, levando a narración oral a espazos naturais, patrimoniais e rurais cargados de identidade. En Chantada, ás 18.00 h, o inconfundible Anxo Moure ofrecerá en Garabelos (Mariz) as súas Historias para coidar a terra, unha proposta familiar que mestura ecoloxía e imaxinación para cultivar conciencia desde a infancia. Xa pola noite, ás 21.00 h, sete concellos acollerán espectáculos para público adulto: desde as Novas historias de filandar do zamorano Don Guti no máxico Castro de Posmarcos da Pobra do Caramiñal, ata a proposta de Carmen Conde (O que non estaba escrito) en Alfoz, pasando pola narración directa e mordaz de Quico Cadaval (Autoestradas e corredoiras) na eira de Dodro, ou os Patios de luz de Su Garrido Pombo en Ferrol, que mesturan palabra e música. En Ribeira, Miguel Gouveia e Aida Cobas unirán linguas e culturas con Vénme ao bico un conto, mentres en Vilalba, o italiano Simone Negrin ofrecerá Fare le corna, un espectáculo cargado de humor e identidade en castelán e galego. Un serán diverso, polifónico e vibrante que amosa o espírito atlántico na súa máxima expresión.
Vermú de contos: peche oficioso
A clausura oficiosa e festiva deste XIII Festival Atlántica será o domingo, 6 de xullo, co tradicional Vermú de contos que xunta aos artistas e o público a redor dun xantar colectivo onde uns e outros están convidados a compartir historias (A Estrada, lugar de Riobó, a partir das 13 h).
Con estas propostas, o Festival Atlántica despídese ata o vindeiro ano reafirmando o seu compromiso coa diversidade de voces, a memoria oral e a emoción compartida. Historias de aquí e de acolá, contadas ao vivo, que seguirán a resoar máis aló do último aplauso.
O XIII Festival Atlántica é posible grazas ao patrocinio da Xunta de Cultura e da Deputación da Coruña e ao apoio dos concellos de Santiago de Compostela, Ferrol, Teo, Alfoz, Caldas de Reis, Dodro, Mugardos, Outes, Pazos de Borbén, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Vilalba, Vimianzo e a Fundación Pública Camilo José Cela. Toda a información está dispoñible na web www.festivalatlantica.gal.



FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
- +INFO: http://festivalatlantica.gal