A comarca do Barbanza converterase nun dos epicentros da palabra viva grazas á nova edición do Festival Atlántica, que levará sete espectáculos gratuítos de narración oral a Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira entre o 28 de xuño e o 11 de xullo. A programación, pensada maioritariamente para público adulto, combina tradición, música, memoria e humor, con voces chegadas de Galicia, Portugal, Aragón e Canarias. Con estas propostas, o Festival Atlántica consolídase como unha cita imprescindible no Barbanza co poder da oralidade, celebrando a diversidade de voces e o vínculo co territorio a través das historias.
Outes: historias entre mares e lavadoiros
A programación comezará o sábado 28 de xuño ás 20.30 h no Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña con Meu mar, un espectáculo de narración oral no que se atopan dúas beiras e dúas voces: a canaria Laura Escuela e o galego Caxoto. Xuntas emprenden unha travesía poética e emocional na que o mar deixa de ser só escenario para se converter en memoria, ponte e espello. Entre contos, salitre e vento, os dous narradores tecen relatos que flúen coma as mareas, cruzando fronteiras e celebrando a oralidade como territorio común. Meu mar é unha homenaxe á identidade compartida e á forza das historias contadas dende a raíz, pero sempre dispostas ao encontro.
O venres 11 de xullo, tamén ás 20.30 h, a Terraza do Náutico no Freixo acollerá Lavandeiras, unha proposta chea de poesía e música de Vero Rilo e Santi Cribeiro (Galicia), que revisita as historias e cantos das mulleres que lavaban nos regatos. Unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.
A Pobra do Caramiñal: tradición e memoria en espazos únicos
A actividade comezará o xoves 3 de xullo ás 21.00 h no Cine Elma con Artiloxios, do artista aragonés Oswaldo Pai, unha combinación de contacontos, poesía e dispositivos robóticos para público infantil (+8 anos) e adultos. Oswaldo Pai trae ao Festival Atlántica un espectáculo para todos os públicos que transforma a poesía nun xogo sensorial cheo de inventiva e humor. Artiloxios é unha festa de versos e artefactos: máquinas caseiras e marabillosas que fan soar os poemas, acenden a imaxinación e fan rir.
Entre engrenaxes e palabras aparecen o grafitófono, o susurrófono ou o ascensor ascensonórico, dispositivos únicos que acompañan a lectura de textos de autores como Gloria Fuertes, Lorca, Maria Elena Walsh ou Gerardo Diego, entre outros. Un espectáculo lúdico e sorprendente que esperta a curiosidade e celebra a poesía como unha experiencia viva, chea de ritmo, misterio e inventos imposibles.
O venres 4 de xullo, tamén ás 21.00 h, os Xardíns do Pazo do Couto serán o escenario de Vicio houbo sempre, da actriz e narradora. A narradora dá voz ás mulleres que viviron —e gozaron— fóra do relato oficial. A partir de conversas con maiores de máis de 85 anos, constrúe un espectáculo íntimo e poderoso no que o pracer, a sexualidade e a liberdade se contan sen vergoña e con moito humor. A frase que abre o espectáculo, “Vicio houbo sempre, grazas a Dios!”, marca o ton dunha proposta que rompe silencios e recupera historias de vida contadas dende as marxes, sen censura nin moralismos. Un exercicio de memoria feminista que reivindica os corpos, os desexos e a forza das palabras que non cadraban co que se esperaba delas. Porque tamén hai revolución en falar de sexo despois dos oitenta.
O ciclo na Pobra pecharase o sábado 5 de xullo ás 21.00 h no Castro de Posmarcos cunha sesión moi especial: Novas historias de filandar de José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’ (Zamora), un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. ‘Don Guti’ regresa ao universo das súas vellas sabias cun novo xiro narrativo. Novas historias de filandar mergúllase na memoria das mulleres que cosían, mataban porco, enchían chourizos ou contaban contos ao carón do lume, para construír un espectáculo cheo de retranca, irreverencia e verdade.
Nesta nova e esperada entrega, o narrador dálle voz ao seu alter ego máis canalla, tabernario e provocador, e lánzase a contar —sen filtros— esas historias de antes que aínda nos revolven por dentro e nos fan morrer de risa. Un festín oral que convida a escoitar coma se fósemos de novo cativos á beira da cociña, coa pota ao lume e unha xerra de viño enriba da mesa. Porque ás veces, a verdadeira revolución é deixarse tocar pola memoria.
Ribeira: espazos singulares para a palabra
O venres 4 de xullo ás 21.00 h, o Lavadoiro de Penisqueira será o escenario de Contara, do poeta e narrador Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Coa súa voz serena, ‘Celsiño’ achega ao Festival Atlántica un espectáculo que non busca o ruído nin a sorpresa, senón a verdade que agroma nas palabras herdadas. En Contara, o narrador lalinés toma historias do mundo rural e dálle corpo nunha proposta íntima e profunda. Non hai artificio nin présa: só o ritmo da memoria, o humor calado e a poesía da fala popular. Celso escoitou moito e agora ofrece ese tesouro en forma de contos que parecen pequenos, pero gardan dentro a vida enteira. Contara é un exercicio de escoita compartida, unha homenaxe á tradición oral e unha defensa da palabra como semente que cómpre coidar.
Ao día seguinte, o sábado 5 de xullo tamén ás 21.00 h, o Piñeiral da Corna en Palmeira acollerá Vénme ao bico un conto, unha sesión para adultos de Miguel Gouveia (Portugal) que estará acompañado por Aida Cobas (Galicia), unha das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do festival.
Neste espectáculo, pura delicadeza oral, a palabra brota fresca e limpa, coma a auga que nace nunha fonte. Un instante de encontro onde quen conta e quen escoita tecen xuntos un espazo de pausa, beleza e complicidade. A través de historias cotiás e universais, Gouveia e Cobas constrúen un tempo de intimidade no que imaxinación e emoción camiñan da man. Porque contar é tamén dar sentido, recuperar a esperanza e lembrar que as historias —ditas no momento xusto— poden ser un refuxio, unha revelación ou simplemente unha caricia no pensamento.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica no Barnaza é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e aos patrocinio dos concellos de Outes, A Pobra do Caramiñal e Ribeira. O Barbanza forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
FOTO ARTISTAS: Laura Escuela, Caxoto, Vero Rilo e Santi Cribeiro, Oswaldo Pai, Atenea García, José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’, Celso Fernández Sanmartín, Miguel Gouveia e Aida Cobas
TROULA, LA ODA A LA FIESTA DE VIMBIO EN COLABORACIÓN CON NADIE GONZÁLEZ, VE LA LUZ
A banda Vimbio volta con nova música co lanzamento de Troula, o seu novo sinxelo en colaboración coa rapeira viguesa Nadie González. Baixo o contexto da calor do verán xa enriba, este inesperado xunte converxe baixo ritmos latinos nunha auténtica celebración das festas. Mesturando o rap co reggaeton e o metal, Vimbio e Nadie González sorprenden cun tema que xa se postula como candidato a canción do verán en Galicia, e que transita polas distintas fases dunha troula que se descontrola. As ganas de festa e bo rollo marcan esta canción, que xa está dispoñible en todas as plataformas. Troula, gravada en LUFS Studio coa mestura e masterización de Damian Mo, vén acompañada dun videoclip dirixido por IzanMG que foi filmado no Centro Cultural de Ribadetea, en Ponteareas.
A xuntanza de Vimbio e Nadie González agocha tras de si unha curiosa historia. Antes desta colaboración, e mesmo antes de que a formación se fundara baixo o nome de Vimbio, houbo contactos para que a propia Nadie González fora a voz do grupo, feito que non se chegou a concretar. Tras estas primeiras conversas, quedou pendente unha colaboración entre ambos de cara a un futuro, que hoxe queda materializado en Troula.
Dende Vimbio destacan o gusto que foi traballar coa rapeira viguesa, coa que existe especial complicidade. Dende o comezo ambos tiñan case sempre a mesma forma de ver as cousas, e nos momentos nos que faltaba consenso entre ambos a propia Nadie acababa aportando algunha boa idea que decantaba a balanza e desatascaba a situación na produción.
Tras o lanzamento de Insisto, Mayday, Bombas Incendiarias, Comeza o xogo, Eu non quero traballare o EPAo Vivo Rock in Río Tea 2024, o grupo liderado por Álex Arnoso, unha das voces protagonistas de SonDaRúa, mantén o carácter prolífico e versátil nas súas producións, sorprendendo co seu son e abrindo a porta á conxunción de xéneros pouco traballados na escena. Esta aposta xa está a ser recoñecida, sendo fai escasas semanas nomeados como unha das tres bandas finalistas nosPremios Narf, organizados pola Deputación da Coruña.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.
Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, a banda levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.
CAMPONARAI, O NOVO SINXELO DE SABELA QUE NOS TRANSPORTA AO LUGAR ONDE CONECTAS POR PRIMEIRA VEZ CON ALGUÉN
ESTE TEMA EXERCE DE TERCEIRO ADIANTO DO SEU NOVO EP, PREVISTO PARA ESTE 2025
Sabela volta con forza publicando o seu novo sinxelo, Camponarai, terceiro adianto do que será o seu próximo traballo discográfico. Nel, a artista galega xoga cunha lenda popular contada na zona da Mariña lucense, convertendo Camponarai nese lugar onde conectas por primeira vez cunha persoa especial. Novamente, Sabela opta por achegarse á posta en valor desas pequenas cousas que rodean a vida rural, nunha reivindicación en contra da desconexión co campo que se vive nos últimos tempos. Con este novo tema, a galega propón unha viaxe íntima e sensorial sobre unha base de electrónica minimalista, apelando á memoria emocional, o desexo e á propia esencia dos sentimentos.
Camponarai é, ademais, a primeira produción en solitario de Sabela. Tras co-producir, xunto ao recoñecido produtor Ed Is Dead, os dous primeiros adiantos deste EP que verá a luz este mesmo ano, a artista segue a ampliar horizontes musicais, cun proceso de composición e produción propio de todo o tema. Ela mesma destaca que este proceso foi rápido, coma o sentimento que xera esa conexión. Pola contra, á hora de darlle forma dende a produción requiriu máis tempo, xa que o tema non busca axustarse aos moldes establecidos da produción musical actual, senón respectar esa sensación sobre a que xira o concepto de Camponarai, e construír en base a ela.
Sabela experimenta un momento doce arredor da súa música. Tras a gran acollida dos primeiros adiantos, Hi, My love e Eu espero aquí, así como das dúas extensas xiras por salas de España e Galicia, a artista recolle os froitos do traballo feito en forma de recoñecementos, recibindo o Premio Martín Códax da Música na categoría de Pop e Indie. A artista encara desta forma un ano no que se publicará o seu tan esperado traballo discográfico en forma de EP.
Este tema conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Industrias Culturais.
MÁIS SOBRE SABELA
Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan centos de miles de reproducións, conquistando con grandes xiras en directo importantes salas ao longo de España e de Galicia, así como festivais da talla de O Son do Camiño,SonRías Baixas,Festival do Pasatempo ou Festival Noroeste. Con todo isto, durante este mesmo ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, Eu Espero Aquí e o propio Camponarai son xa os seus tresprimeiros sinxelos.
A artista galega soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable,aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Camponarai, último sinxelo de Sabela, precede a temas como Hi, My Love ou Eu Espero Aquí,que veñen de obter grandes números de escoitas e recoñecemento entre o público. Este éxito non pasou desapercibido, sendo galardoada co Premio Martín Códax da Música 2025 na categoría de Pop e Indie.
O programa de intercambio cultural, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Agadic, celebrarase do 12 de setembro ao 26 de outubro baixo o lema Sementar, coidar, xermolar e incorpora A Rioxa como sexto territorio
As compañías Chévere, Paula Quintas Cía. e Pérez e Fernández representarán a Galicia no Itinerario Constelacións
Sementar, coidar, xermolar. Así sintetiza a súa historia Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas no que participan compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi, Navarra e A Rioxa. Na súa sétima edición, que se celebrará do 12 de setembro ao 26 de outubro, o Itinerario Constelacións contará con 18 compañías que ofrecerán espectáculos e actividades en escenarios situados polos distintos territorios que conforman o proxecto. En 2025, ademais da xa anunciada incorporación da escena rioxana, o programa estrea FOCOS, unha proposta de actividades de dinamización sectorial e promoción exterior dun dos territorios participantes, e que nesta primeira edición protagonizará Cantabria, que hoxe acolleu a presentación oficial do CEN.
Os 18 espectáculos que formarán parte do Itinerario Constelacións, eixe central do CEN, foron seleccionados por seis comisións profesionais independentes de axentes do sector, unha en cada comunidade implicada, co obxectivo de que o programa mostre parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas, producións para público adulto e familiar, de teatro, danza e artes do movemento e novo circo.
Asúi, nesta sétima edición, Galicia intervirá no intercambio cultural de CEN da man do Grupo Chévere, Premio Nacional de Teatro 2014, que xirará con Hellen Keller, a muller marabilla?; Paula Quintas Cía., co seu espectáculo Multiperspectivas#3, e Pérez& Fernández, que estreará fóra do país, e en castelán, Nanay de la China.
Pola súa banda, Asturias achegará o traballo de Guayominí Producións, que presentará Hamlet; Zig Zag Danza, que xirará con Postais rotas; e La Roca Producciones, que participará con Zozobra. Cantabria amosará o traballo de El Tejo Producciones con El jardín de las posibilidades; Ábrego Teatro con Soñando a Lorca; e Escena Miriñaque, Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade 2024, xirará con tÁ.
No caso de Euskadi, seleccionáronse El dilema del corcho, de Tartean Teatro; Pausa, de niMú; e Progreso, de Olatz Gorrotxategi. Precisamente estes dous últimos espectáculos estrearanse fóra do País Vasco grazas ao CEN. Pola súa banda, Navarra ofrecerá Halley, de Led Silhouette; Una mera curiosidad, de Producciones Maestras e Yúgen, de La Banda Teatro Circo. Por último, A Rioxa estrea a súa participación nesta sétima edicion do CEN coas compañías El Perro Azul e o seu Globe Story; Chamán Producciones con Oveja perdida ven sobre mis hombros que hoy no solo tu pastor soy sino pasto también; e Sapo Producciones con Te regalo el sol.
SEMENTAR, COIDAR, XERMOLAR
Nesta sétima edición, Camiño Escena Norte elixe un lema Sementar, coidar, xermolar, que relaciona o proxecto co concepto de sementeira e natureza; ideas que suma a outras que promoverá desde a primeira edición, como sustentabilidade, paisaxe, camiño e resistencia. Da mesma maneira, CEN segue neste 2025 o proceso de sementar entre os públicos a súa paixón polas artes escénicas, coidando o proxecto desde o seu nacemento para que floreza en todos os territorios, mesmo nas condicións máis desfavorables, e ata o seu encontro coas espectadoras e cos espectadores.
ESTREA DE FOCOS: FOCO CANTABRIA
Unha das novidades desta edición é a creación dos FOCOS, conxunto de iniciativas que dinamizarán a actividade cada ano nun territorio diferente, e desta quenda será Cantabria. FOCO CANTABRIA conterá un coidado programa de actividades, desde accións de promoción do sector escénico cántabro ata o Encontro Habitación Peregrina PRO, que pasa a ser un programa itinerante -o espazo profesional celebrouse de 200 a 2024 en Lugo- que se celebrará no Palacio de Festivais de Cantabria (Santander) do 16 ao 18 de setembro. A inscrición para este encontro abrirase no mes de xullo.
Os FOCOS tamén determinarán a autoría do cartel e a imaxe de cada edición do CEN. Este ano a deseñadora cántabra Isabel de la Sierra asina a imaxe que acompañará a programación. A proposta visual foi construída a partir do lemaSementar, coidar, xermolar. Para a deseñadora, “representa como o teatro non só se contempla, senón que se vive, sente e transforma. Con esta imaxe mostramos o teatro desde dentro: a arte escénica atravésanos, seméntase na alma e florece como memoria viva. Así acontece en cada paso do CEN: é unha floración interior provocada pola arte escénica, que atravesa cada territorio e cada espectador“.
Cada unha das catro versións do cartel mostra unha figura humana distinta, reforzando a riqueza e diversidade cultural de CEN. De la Sierra explícao así: “As súas flores e escenas teatrais transfórmanse para reflectir a identidade e singularidade cultural de cada territorio, reforzando a riqueza e diversidade do Camiño Escena Norte. Cores vivas, siluetas teatrais e unha estrutura vertical achegan á imaxe un carácter contemporáneo, expresivo e memorable. É unha proposta visual que transmite maxia, emoción e transformación. Unha mirada que xermola porque foi tocada pola escena”.
CATÁLOGO DE ESPECTÁCULOS RECOMENDADOS CEN 2025
O Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte é unha das ferramentas que promove CEN. Trátase dun selo de calidade que serve de promoción e apoio á distribución das propostas das compañías fóra da súa contorna habitual. É o caso da utilidade que supón, por exemplo, para as programadoras dos demais territorios CEN, mais tamén para os do resto do Estado.
Tanto este Catálogo coma a programación do Itinerario Constelacións utilizan un sistema de selección de espectáculos baseado en comisións territoriais. Un total de 30 expertas traballaron de maneira colexiada e, por medio dun proceso de selección transparente e garantista, realizouse unha clasificación da que saíron os 36 espectáculos que conforman neste 2025 o Catálogo de Espectáculos Recomendados Camiño Escena Norte. Deses 36, seis por comunidade, saíron os 18 espectáculos mencionados anteriormente e que xirarán este ano nas Itinerario Constelacións.
ORGANIZACIÓN
CEN é unha iniciativa promovida polas asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas ESCENA GALEGA (Galicia), ESCENASTURIAS (Asturias), ACEPAE (Cantabria), ESKENA (Euskadi), ESNA (Navarra) e AESCENA (A Rioxa). Todas elas, unidas, conforman a supraentidade Camiño Escena Norte Agrupación de Interese Económico, creada especificamente para o desenvolvemento, xestión e produción do proxecto.
CEN conta co apoio económico de gobernos e institucións das seis comunidades implicadas: Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Goberno do Principado de Asturias; Goberno de Cantabria; Goberno Vasco; Deputación Foral de Araba, Deputación Foral de Bizkaia; Deputación Foral de Gipuzkoa; Goberno de Navarra, Gobierno de La Rioja e Ministerio de Cultura. Colabora tamén a Deputación Provincial de Lugo e Vegalsa-Eroski mantense como patrocinador oficial. Ademais, Camiño Escena Norte conta nesta edición coa colaboración especial da Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la Juventud.
Ferrol acollerá seis espectáculos entre os días 3 e 5 de xullo, incluíndo un roteiro en barco pola ría e contadas de artistas internacionais como Inés Álvarez ou Simone Negrin
Mugardos recunca como sede cunha programación que inclúe unha proposta sobre a memoria das lavandeiras e un espectáculo co foco na tradición oral zamorana
Todas as activades son gratuítas pero para os roteiros cómpre realizar inscrición previa
Esta edición inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
O Festival Atlántica regresa un ano máis a Ferrolterra cunha programación que consolida esta comarca como un dos epicentros da narración oral en Galicia. Entre os días 3 e 5 de xullo, Ferrol e Mugardos serán escenario de contos, músicas e roteiros narrados cun total de oito propostas gratuítas dirixidas tanto a público infantil como adulto.
Precisamente en Ferrol a programación foi presentada esta semana por José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura, e Soledad Felloza, directora de Atlántica. O programa ferrolá arrincará o xoves 3 de xullo co espectáculo familiar Un neno, un can, un gato e un pito da valenciana Paula Carbonell, ás 12.00 h no Centro Cívico de Canido. Unha sesión chea de imaxinación, ritmo e tenrura, onde as palabras xogan co público e cada historia convida a rir, sorprenderse e soñar. Ideal para compartir en familia e deixar que a fantasía nos leve da man.
Esa mesma tarde, ás 19.00 h, terá lugar o roteiro Ferrol na historia: a súa igrexa de San Xiao, guiado pola historiadora ferrolá Margarita Sánchez. Grazas á súa voz experta, os participantes terán a oportunidade de entender non só un edificio, senón o espírito dunha época que fixo de Ferrol unha cidade clave na historia de Galicia. Aínda quedan prazas para esta actividade pero cómpre realizar a inscrición previa na web atlantica.gal.
Ás 20.30 h, tamén no Centro Cívico de Canido, o público poderá gozar do espectáculo Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país conn Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une.
O venres 4 de xullo, ás 11.00 h, o historiador Guillermo Llorca guiará o roteiro en barco O porto ilustrado, partindo do porto de Curuxeiras. Esta é a terceira proposta de Llorca no marco de Atlántica e desta volta conxuga patrimonio, paisaxe e historia, porque coñecer o porto é entender a alma dunha cidade atlántica. A actividade esgotou as súas prazas ao pouco de ser anunciada nas redes sociais pero a boa acollida animou á organización do festival a ampliar prazas que xa están dispoñibles desde hoxe, mércores 25, na web de Atlántica.
Xa pola noite, ás 20.30 h, Simone Negrin, unitaliano con alma galega, mesturará humor e superstición en Fare le corna, un espectáculo para adultos que se presentará tamén no Centro Cívico de Canido. O público gozará cunha escolma de contos para espantar a mala sorte… á italiana. Historias disparatadas e entrañables que xiran arredor da sorte —a boa, a mala e a que depende de quen conta— nunha sesión que mestura teatro, narración e moita complicidade co público. Porque, como dicía o gran Peppino De Filippo: “Non è vero… ma ci credo!”.
A programación ferrolá pecharase o sábado 5 de xullo cun concerto narrado moi especial: Patios de luz de Su Garrido Pombo (21.00 h, Baluarte de Canido). Trátase dun espectáculo íntimo e emocionante que nos convida a percorrer as curvas da memoria que levan da aldea á cidade… e de volta. É a historia das nosas avoas, das veciñas que marcharon, das hortas que quedaron atrás, dos patios onde latexa a vida que non sae na foto.
Mugardos, historias que cantan á memoria
Pola súa banda, Mugardos repite como sede do festival con dúas funcións no Centro de Interpretación de Caldoval, ambas ás 21.00 h. O xoves 3 de xullo, Vero Rilo e Santi Cribeiro presentarán Lavandeiras, unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.
Ao día seguinte, o venres 4, será a quenda de Novas historias de filandar, do recoñecido narrador José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’, un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. Contos que veñen das cociñas acesas, das leiras traballadas, dos seráns compartidos e das voces anciás que gardaban o mundo enteiro nunha historia. Neste espectáculo, o romance e a tradición oral entrelázanse coma fíos nun tear antigo, fiando lembranzas, saberes e emocións. É unha homenaxe sentida a quen contou antes ca nós, a quen nos legou contos como quen deixa un pan na mesa. Un acto de gratitude e de resistencia fronte ao esquecemento, que nos convida a regresar a ese tempo no que a palabra dun vello era necesaria.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Ferrolterra é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos concellos de Ferrol e Mugardos e á colaboración da Asociación Veciñal de Canido e do Centro de Interpretación de Caldoval. Ferrolterra forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.
FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.