
- Ferrol acollerá seis espectáculos entre os días 3 e 5 de xullo, incluíndo un roteiro en barco pola ría e contadas de artistas internacionais como Inés Álvarez ou Simone Negrin
- Mugardos recunca como sede cunha programación que inclúe unha proposta sobre a memoria das lavandeiras e un espectáculo co foco na tradición oral zamorana
- Todas as activades son gratuítas pero para os roteiros cómpre realizar inscrición previa
- Esta edición inspírase nos sanandresiños de Teixido como símbolo de protección e memoria
- Toda a programación pódese consultar na web festivalatlantica.gal
O Festival Atlántica regresa un ano máis a Ferrolterra cunha programación que consolida esta comarca como un dos epicentros da narración oral en Galicia. Entre os días 3 e 5 de xullo, Ferrol e Mugardos serán escenario de contos, músicas e roteiros narrados cun total de oito propostas gratuítas dirixidas tanto a público infantil como adulto.
Precisamente en Ferrol a programación foi presentada esta semana por José Antonio Ponte Far, concelleiro de Cultura, e Soledad Felloza, directora de Atlántica. O programa ferrolá arrincará o xoves 3 de xullo co espectáculo familiar Un neno, un can, un gato e un pito da valenciana Paula Carbonell, ás 12.00 h no Centro Cívico de Canido. Unha sesión chea de imaxinación, ritmo e tenrura, onde as palabras xogan co público e cada historia convida a rir, sorprenderse e soñar. Ideal para compartir en familia e deixar que a fantasía nos leve da man.
Esa mesma tarde, ás 19.00 h, terá lugar o roteiro Ferrol na historia: a súa igrexa de San Xiao, guiado pola historiadora ferrolá Margarita Sánchez. Grazas á súa voz experta, os participantes terán a oportunidade de entender non só un edificio, senón o espírito dunha época que fixo de Ferrol unha cidade clave na historia de Galicia. Aínda quedan prazas para esta actividade pero cómpre realizar a inscrición previa na web atlantica.gal.
Ás 20.30 h, tamén no Centro Cívico de Canido, o público poderá gozar do espectáculo Polos camiños do norte: unha ponte de contos entre tres terras celtas da contadora Inés Álvarez Villa, que trae desde Escocia un fío narrativo que une ese país conn Irlanda e Asturias, tres terras célticas irmáns que comparten lendas, emocións e memorias. Contos tradicionais e vivencias persoais entrelázanse para construír unha ponte de palabras capaz de atravesar fronteiras, tempos e silencios. Porque contar tamén é recoñecerse no outro, celebrar o común e manter acesa a chama do que nos une.
O venres 4 de xullo, ás 11.00 h, o historiador Guillermo Llorca guiará o roteiro en barco O porto ilustrado, partindo do porto de Curuxeiras. Esta é a terceira proposta de Llorca no marco de Atlántica e desta volta conxuga patrimonio, paisaxe e historia, porque coñecer o porto é entender a alma dunha cidade atlántica. A actividade esgotou as súas prazas ao pouco de ser anunciada nas redes sociais pero a boa acollida animou á organización do festival a ampliar prazas que xa están dispoñibles desde hoxe, mércores 25, na web de Atlántica.
Xa pola noite, ás 20.30 h, Simone Negrin, unitaliano con alma galega, mesturará humor e superstición en Fare le corna, un espectáculo para adultos que se presentará tamén no Centro Cívico de Canido. O público gozará cunha escolma de contos para espantar a mala sorte… á italiana. Historias disparatadas e entrañables que xiran arredor da sorte —a boa, a mala e a que depende de quen conta— nunha sesión que mestura teatro, narración e moita complicidade co público. Porque, como dicía o gran Peppino De Filippo: “Non è vero… ma ci credo!”.
A programación ferrolá pecharase o sábado 5 de xullo cun concerto narrado moi especial: Patios de luz de Su Garrido Pombo (21.00 h, Baluarte de Canido). Trátase dun espectáculo íntimo e emocionante que nos convida a percorrer as curvas da memoria que levan da aldea á cidade… e de volta. É a historia das nosas avoas, das veciñas que marcharon, das hortas que quedaron atrás, dos patios onde latexa a vida que non sae na foto.
Mugardos, historias que cantan á memoria
Pola súa banda, Mugardos repite como sede do festival con dúas funcións no Centro de Interpretación de Caldoval, ambas ás 21.00 h. O xoves 3 de xullo, Vero Rilo e Santi Cribeiro presentarán Lavandeiras, unha emotiva viaxe polas historias de mulleres e a súa relación co traballo, a memoria e a identidade. Mulleres que de xeonllos, coas mans na auga e os pensamentos a ferver, lavaban roupa… e tamén feridas. En Lavandeiras, Rilo e Cribeiro poñen voz e música a esas historias silenciadas que fluíron polos regatos e polos tempos. Un ritual escénico para cantar o que se calou e para tender, ao sol da xustiza poética, as historias de mulleres que lavaron máis que roupa.
Ao día seguinte, o venres 4, será a quenda de Novas historias de filandar, do recoñecido narrador José Luis Gutiérrez ‘Don Guti’, un tributo ás voces anónimas do rural zamorano. Contos que veñen das cociñas acesas, das leiras traballadas, dos seráns compartidos e das voces anciás que gardaban o mundo enteiro nunha historia. Neste espectáculo, o romance e a tradición oral entrelázanse coma fíos nun tear antigo, fiando lembranzas, saberes e emocións. É unha homenaxe sentida a quen contou antes ca nós, a quen nos legou contos como quen deixa un pan na mesa. Un acto de gratitude e de resistencia fronte ao esquecemento, que nos convida a regresar a ese tempo no que a palabra dun vello era necesaria.
Palabra viva como amuleto
Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica 2025 pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia. Os sanandresiños de Teixido, pequenas figuras votivas cargadas de desexos e significados, inspiran a imaxe desta décimo terceira edición do festival.
A presenza de Atlántica en Ferrolterra é posible grazas á financiación da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña, ao patrocinio dos concellos de Ferrol e Mugardos e á colaboración da Asociación Veciñal de Canido e do Centro de Interpretación de Caldoval. Ferrolterra forma parte das máis de 27 localidades galegas e portuguesas que este ano acollen o festival. Toda a información está dispoñible na web: www.festivalatlantica.gal.








FESTIVAL ATLÁNTICA
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
+INFO: http://festivalatlantica.gal
20250625-NP-Atlantica-2025-en-FerrolterraDOSSIER FESTIVAL ATLÁNTICA 2025 (FERROLTERRA)
FERROLTERRA-2025-Dossier-FA_compressed