TROULA, LA ODA A LA FIESTA DE VIMBIO EN COLABORACIÓN CON NADIE GONZÁLEZ, VE LA LUZ

A banda Vimbio volta con nova música co lanzamento de Troula, o seu novo sinxelo en colaboración coa rapeira viguesa Nadie González. Baixo o contexto da calor do verán xa enriba, este inesperado xunte converxe baixo ritmos latinos nunha auténtica celebración das festas. Mesturando o rap co reggaeton e o metal, Vimbio e Nadie González sorprenden cun tema que xa se postula como candidato a canción do verán en Galicia, e que transita polas distintas fases dunha troula que se descontrola. As ganas de festa e bo rollo marcan esta canción, que xa está dispoñible en todas as plataformas. Troula, gravada en LUFS Studio coa mestura e masterización de Damian Mo, vén acompañada dun videoclip dirixido por IzanMG  que foi filmado no Centro Cultural de Ribadetea, en Ponteareas.

A xuntanza de Vimbio e Nadie González agocha tras de si unha curiosa historia. Antes desta colaboración, e mesmo antes de que a formación se fundara baixo o nome de Vimbio, houbo contactos para que a propia Nadie González fora a voz do grupo, feito que non se chegou a concretar. Tras estas primeiras conversas, quedou pendente unha colaboración entre ambos de cara a un futuro, que hoxe queda materializado en Troula.

Dende Vimbio destacan o gusto que foi traballar coa rapeira viguesa, coa que existe especial complicidade. Dende o comezo ambos tiñan case sempre a mesma forma de ver as cousas, e nos momentos nos que faltaba consenso entre ambos a propia Nadie acababa aportando algunha boa idea que decantaba a balanza e desatascaba a situación na produción.

Tras o lanzamento de Insisto, Mayday, Bombas Incendiarias, Comeza o xogo, Eu non quero traballare o EP Ao Vivo Rock in Río Tea 2024, o grupo liderado por Álex Arnoso, unha das voces protagonistas de SonDaRúa, mantén o carácter prolífico e versátil nas súas producións, sorprendendo co seu son e abrindo a porta á conxunción de xéneros pouco traballados na escena. Esta aposta xa está a ser recoñecida, sendo fai escasas semanas nomeados como unha das tres bandas finalistas nos Premios Narf, organizados pola Deputación da Coruña.

MÁIS SOBRE VIMBIO

Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer  xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.

Vimbio é o aire fresco que precisaba a escena metal. Cun potente directo no que o grupo mestura os dous grandes xéneros que o caracterizan, o rap e o metal, a banda levará a súa contundencia e diversión por salas e festivais neste 2025.