POR SORPRESA, SEN FRASES REPETIDAS NIN RETROUSO E REFLEXIONANDO SOBRE A INDUSTRIA MUSICAL ACTUAL, ASÍ É O NOVO SINXELO DE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta volta con forza cun novo e sorpresivo sinxelo. Sen anuncios estridentes e promoción, o rapeiro publica 100 Frases, un novo tema no que critica a situación da industria musical máis mainstream, e no que non conta con retrousos nin versos repetidos. Facendo propio o título, a canción componse de 100 frases, nun exercicio do rapeiro por estimular a súa versatilidade e destreza na escritura.

Nun beat creado por Peter Petrowski, o seu produtor durante esta etapa musical, afastado deses sons máis clásicos de rap que caracterizaron o comezo da súa andaina, Hugo mergúllase para reflexionar nas moitas cousas que están mal hoxe en día nunha industria que, segundo o rapeiro, antepón a promoción antes que a propia música. O tema, ademais conta con este novo selo persoal do proxecto, que son as guitarras de Arón Ferreiro (AROI). Xuntos buscan facer música e nada máis que iso. Traballar por publicar a súa música porque lles gusta, non por fama ou recoñecemento.

Este novo tema, xunto co lanzamento do EP de versión acústicas que publicou fai escasas semanas, supón a constatación do bo facer do rapeiro, que está experimentando un desenvolvemento expoñencial do seu proxecto. Tras encher tres das primeiras datas de presentación do seu novo disco, Hugo está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver ao rapeiro en directo serán o 17 de maio en Ferrol (Centro Social Artábria), 6 de xuño en Redondela (Festival Millo Verde), entre o 5 e o 6 de setembro en Salvaterra do Miño (Festival da Poeasía no Condado) e entre o 11 e o 14 de setembro en Vilaxoán (Festival Revenidas).

XIRA O NOSO TEMPO

17/05 · Centro Social Artábria · Ferrol

06/06 · Millo Verde · Redondela

05-06/09 · Festival da Poesía no Condado · Salvaterra do Miño

11-14/09 · Revenidas · Vilaxoán

MÁIS SOBRE HUGO GUEZETA

Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.

As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.

O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempo acumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e importantes do ano.

Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.