arderse é o terceiro dos catro fascículos do EP Hibernarse, epicentro do novo proxecto multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo
Hibernarse é o resultado dun proceso de traballo fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro, logo de dous anos de crecemento como grupo e de maduración persoal e discursiva
Neste sinxelo, Fillas de Cassandra convida a buscar un espazo de calma “nun mundo que impón a velocidade e a produtividade como valores supremos”
Ata que punto estamos a vivir a nosa propia vida ou simplemente seguindo os reloxos dos demais? Velaquí o lugar do que parte arderse, o último sinxelo de FIllas de Cassandra. O terceiro fascículo do seu novo EP, Hibernarse, conta desta volta coa colaboración doutro dúo galego: Caamaño&Ameixeiras. O tema xa está dispoñible, desde hoxe, en todas as plataformas dixitais.
A construción social do tempo segue a ser o eixe central sobre o que xira Hibernarse, o novo proxecto multiformato de Fillas de Cassandra. Se no primeiro fascículo o tema homónimo criticaba a falta de pausa necesaria para o desenvolvemento creativo e, no segundo, a fragmentación do tempo a causa da guerra, nesta peza as viguesas tratan a imposición social de “vivir cada instante coma se fose o último” e cuestionan a alienación provocada a partir dos ritmos marcados polo sistema e a “falsa” produtividade, no lugar de gozar “dunha percepción máis libre e propia do paso do tempo”.
Así, versos como “Nos vosos reloxos non me podo ver” ou “Nun pulso co pulso, quen tería gañado?” poñen de manifesto a desconexión entre a vivencia persoal do tempo e os marcos estritos que a sociedade establece. Ao fío, Fillas de Cassandra emprega os conceptos do lume e da combustión para subliñar esa tensión. Neste sentido, a sentenza ”Árdeme o eixo, árdeme o carro, arde o que fun, o que son, o pasado” apunta á necesidade de romper coas imposicións temporais “para recuperar un tempo propio, o tempo vivido e como queremos vivir o tempo que nos queda.”
A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, e que propón unha constante sensación de fuxida cara a adiante a través dos bucles melódicos, conta coa colaboración de Caamaño&Ameixeiras, con quen constrúen unha paisaxe sonora en constante transformación. Diferentes ambientes e escenarios musicais sucédense inexorablemente e dialogan entre si.
O violín de Antía Ameixeiras, fráxil e etéreo nun inicio, convértese en ritmo, percusión e pandeireta, mentres o acordeón de Sabela Caamaño viaxa dende o preciosismo máis delicado ata sonoridades mecánicas que dialogan á perfección coa electrónica proposta por Fillas de Cassandra. Xuntas, xogan coas tímbricas tradicionais dos seus instrumentos acústicos, pero tamén as levan ao límite, combinando sons amables con outros máis ásperos e ferintes.
Fortemente arraigadas á música de raíz, Caamaño&Ameixeiras achéganlle á canción terra e pouso; e a carón do dúo vigués crean un son que viaxa entre o íntimo e o visceral. Entre o incómodo e o pracenteiro. Entre o magnético e o salvaxe. Coma todo o que arde.
Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempoa través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dá a coñecer cada sete días ata o xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poida descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
O FESTIVAL TERÁ LUGAR NO PARQUE DO PASATEMPO DE BETANZOS O 4 E 5 DE XULLO
Comeza a andaina dun novo festival en Galicia. Cunha proposta moi diferente no musical aos festivais populares de hoxe en día, confórmase o novo festival de referencia para o público do rock e metal alternativo, o Fumega Fest. Este anuncio vén acompañado das datas de celebración do festival, que terá lugar entre os días 4 e 5 de xullo. Ubicado no histórico Parque do Pasatempo de Betanzos, declarado Ben de Interese Cultural, este novo evento acollerá a algunhas das mellores bandas de Europa de stoner, psych, space rock ou post metal, ocupando un espazo ata agora orfo en territorio galego e estatal. Os artistas e as entradas verán a luz nos próximos días, segundo avanza a organización.
Fumega Fest nace para ser unha referencia estatal nos festivais destes xéneros, que teñen unha grande acollida arredor de Europa ou mesmo de Portugal. Neste sentido, o festival mírase no espello de outros xa consolidados como o Roadburn, Desert Fest (con edicións en catro cidades europeas e en Nova York), Sonic Blast ou DunaJam coa intención de facerse un oco dentro do circuíto de festivais da música rock e metal alternativo en Europa.
Fumega Fest é un festival promovido pola promotora PlayPlan, encargados de festivais como BIGSOUND Pontevedra, SonRías Baixas ou Festival do Pasatempo, así como das carreiras de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Vimbio, Sabela ou Hugo Guezeta. O evento conta coa colaboración institucional do concello de Betanzos e o patrocinio de El Águila.
A Banda Do Poeta (Coímbra, Portugal) ofrecerá o seu segundo concerto en Galicia, será na Arca da Noe en Vilar de Santos, o sábado 5 de abril ás 22:30h.
A Banda Do Poeta é un grupo de pop con cançións propias e con versións de músicas, que aparecen na vida do grupo e na historia de Portugal e de Galicia. En xuño de 2024 presentan o EP “Redimensão” o seu primeiro traballo de estudio e con temas propios nun concerto en Coímbra. Na actualidade preparan novos temas e novos concertos nos dous lados da fronteira.
O artista galego Juan Carballo funda A BANDA DO POETA en Coímbra
ABDP nace polo vínculo de Juan Carballo coa cidade de Coímbra e o seu entorno musical, que decide fundar nesta cidade este proxecto para gravar cancións e facer concertos cun poeta a liderar unha banda.
Juan Carballo é un artista que flutua entre o mundo literario e o musical. Ademais de publicar poemarios e discos, realiza concertos e recitais. Posúe unha voz propia e unha traxectoria con numerosas publicacións e xiras nos últimos anos en Galicia e Portugal.
ABDP son: Francisco Ferreira: Violino, guitarra eléctrica Juan Carballo: Poeta, Voz Henrique Santiago: Bateria Luís Serrano: Guitarra eléctrica e acústica Sílvia Bento: Contrabaixo
O Auditorio de Galicia acollerá, na tarde do 17 de maio, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país e que contará coa participación de figuras como Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez, as tocadoras de Chaín
As autoras Paula Carballeira, Olga Novo, Ánxela Lema e Nuria de Vil mais a xornalista Pilar García Rego acompañarán o encontro como relatoras da xornada; da que se desprenderá unha nova publicación a partir das conversas e debates
O encontro pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar no serán do Día das Letras Galegas entre as 20 e as 22 horas
A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema As tocadoras como transmisoras da lingua galega, o grupo abordará o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. O encontro, no que se sucederán as conversas e mesas redondas, abre hoxe o período de inscrición (gratuíta) no portal web www.somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas.
A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro para dar voz ás mulleres pandeireteiras de Galicia para debater ao redor do rol esencial das tocadoras na transmisión da lingua e das falas das aldeas, unha idea que se desenvolverá mediante conversas e mesas redondas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma desde ese lugar de enunciación serán liñas que se traten nun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora.
Os primeiros diálogos da xornada do 17 de maio contarán coa moderación da xornalista da TVG Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) e coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez.
Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana serán as moderadoras das catro mesas nas que, entre outras cuestións, se debaterá a presenza de contidos relacionados coas pandeireteiras na educación obrigatoria, a influencia das mestras de pandeireta nas persoas castelán falantes, a transmisión dos trazos dialectais das zonas nas que se fan as recollidas das pezas, ou mesmo o grao de responsabilidade que teñen as persoas que actualmente están en escena con respecto á lingua e do simbolismo do uso da mesma nos espazos escénicos.
Tal e como aconteceu na primeira edición destas xornadas (decembro de 2021, en Carballo), das conclusións das conversas e das mesas redondas elaborarase unha publicación. As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil, quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes. O documento, ademais, tamén contará coas achegas da xornalista Pilar García Rego. Tralo peche do encontro, ás 20.00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia.
SOMOS PANDEIRETEIRAS
Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024.
Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega.
II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS
Data: 17 de maio de 2025 Hora: 16.00h a 20.00h (encontro) e 20.00h a 22.00h (foliada) Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria de Vil, Olga Novo, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego.
A compañía liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro presenta a súa última creación no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo a estudantes de secundaria do 2 ao 11 de abril, ás 11.30 horas, cun proceso de mediación que inclúe coloquios posfunción
Con Alta costura, un espectáculo de teatro visual sobre a industria ‘fast fashion’,Elefante Elegante convida a reflexionar sobre o consumo de roupa actual
A estrea absoluta de Alta costura para público xeral será no Auditorio Cine Alovi das Pontes o sábado 24 de maio
A compañía de teatro físicoElefante Elegante aborda o fenómeno da industria “fast fashion” coa súa última creación, Alta costura. Esta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha obra de teatro visual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. Alta costura, con dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa.
O Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, en Culledero, acolle esta semana e a próxima (os días 2, 3, 4, 7, 8, 9, 10 e 11 de abril), ás 11.30 h, funcións escolares de Alta costura. Unha vez finalizado o espectáculo, a compañía ofrecerá coloquios posfunción onde se recollerán e intercambiarán opinións co alumnado de 3ª e 4º de secundaria do IES Rego deTrabe e do IES Eduardo Blanco Amor. Precisamente, os estudantes deste último centro participaron no proceso de mediación da obra, acompañando de preto todo o proceso creativo.
Con estas funcións escolares, Elefante Elegante remata a súa residencia artística no concello de Culleredo, coprodutor de Alta costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Xa en maio, a partir do día 18, a compañía desenvolverá unha semana de residencia técnica no Auditorio Cine Alovi das Pontes. A estrea absoluta de Alta costura, con público xeral, terá lugar, precisamente, neste espazo, o sábado 24 de maio, ás 20.00 horas. As entradas poñeranse proximamente á venda.
Alta costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes. Nesta nova creación Elefante Elegante convida a reflexionar sobre as consecuencias dos nosos hábitos de consumo de roupa desde unha óptica non exenta de humor, unha constante en todas as obras da compañía.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
A compañía, que este ano celebra 25 anos de actividade, foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro en Bélxica, onde permanecería ata 2007, data da súa instalación en Galicia. Na actualidade, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, na Coruña, onde é compañía residente. As súas obras xa percorreron boa parte da xeografía española e tamén escenarios de Italia, Portugal, Alemaña e Colombia. Elefante Elegante atesoura varios premios María Casares, sendo o máis recente o recibido no 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.
ALTA COSTURA | Novo espectáculo de Elefante Elegante
PREESTREA (funcións escolares con alumnado do IES Rego de Trabe e IES Eduardo Blanco Amor) 2, 3, 4, 7, 8, 9, 10 e 11 de abril | 11.30 h | Edificio de Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo)
ESTREA Sábado 24 maio | 20.00 h | Auditorio Cine Alovi (As Pontes) | Entradas proximamente á venda