• A compañía liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro presenta a súa última creación no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo a estudantes de secundaria do 2 ao 11 de abril, ás 11.30 horas, cun proceso de mediación que inclúe coloquios posfunción
  • Con Alta costura, un espectáculo de teatro visual sobre a industria ‘fast fashion’,Elefante Elegante convida a reflexionar sobre o consumo de roupa actual
  • A estrea absoluta de Alta costura para público xeral será no Auditorio Cine Alovi das Pontes o sábado 24 de maio


A compañía de teatro físico Elefante Elegante aborda o fenómeno da industria “fast fashion” coa súa última creación, Alta costura. Esta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha obra de teatro visual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. Alta costura, con dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa.

O Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, en Culledero, acolle esta semana e a próxima (os días 2, 3, 4, 7, 8, 9, 10 e 11 de abril), ás 11.30 h, funcións escolares de Alta costura. Unha vez finalizado o espectáculo, a compañía ofrecerá coloquios posfunción onde se recollerán e intercambiarán opinións co alumnado de 3ª e 4º de secundaria do IES Rego deTrabe e do IES Eduardo Blanco Amor. Precisamente, os estudantes deste último centro participaron no proceso de mediación da obra, acompañando de preto todo o proceso creativo.

Con estas funcións escolares, Elefante Elegante remata a súa residencia artística no concello de Culleredo, coprodutor de Alta costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Xa en maio, a partir do día 18, a compañía desenvolverá unha semana de residencia técnica no Auditorio Cine Alovi das Pontes. A estrea absoluta de Alta costura, con público xeral, terá lugar, precisamente, neste espazo, o sábado 24 de maio, ás 20.00 horas. As entradas poñeranse proximamente á venda.

Alta costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes. Nesta nova creación Elefante Elegante convida a reflexionar sobre as consecuencias dos nosos hábitos de consumo de roupa desde unha óptica non exenta de humor, unha constante en todas as obras da compañía.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

A compañía, que este ano celebra 25 anos de actividade, foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro en Bélxica, onde permanecería ata 2007, data da súa instalación en Galicia. Na actualidade, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, na Coruña, onde é compañía residente. As súas obras xa percorreron boa parte da xeografía española e tamén escenarios de Italia, Portugal, Alemaña e Colombia. Elefante Elegante atesoura varios premios María Casares, sendo o máis recente o recibido no 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

ALTA COSTURA | Novo espectáculo de Elefante Elegante

PREESTREA (funcións escolares con alumnado do IES Rego de Trabe e IES Eduardo Blanco Amor)
2, 3, 4, 7, 8, 9, 10 e 11 de abril | 11.30 h | Edificio de Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo)

ESTREA
Sábado 24 maio | 20.00 h | Auditorio Cine Alovi (As Pontes) | Entradas proximamente á venda

20250402-NP-Alta-costura-preestrea-Elefante-Elegante