
- arderse é o terceiro dos catro fascículos do EP Hibernarse, epicentro do novo proxecto multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo
- Hibernarse é o resultado dun proceso de traballo fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro, logo de dous anos de crecemento como grupo e de maduración persoal e discursiva
- Neste sinxelo, Fillas de Cassandra convida a buscar un espazo de calma “nun mundo que impón a velocidade e a produtividade como valores supremos”
Ata que punto estamos a vivir a nosa propia vida ou simplemente seguindo os reloxos dos demais? Velaquí o lugar do que parte arderse, o último sinxelo de FIllas de Cassandra. O terceiro fascículo do seu novo EP, Hibernarse, conta desta volta coa colaboración doutro dúo galego: Caamaño&Ameixeiras. O tema xa está dispoñible, desde hoxe, en todas as plataformas dixitais.
A construción social do tempo segue a ser o eixe central sobre o que xira Hibernarse, o novo proxecto multiformato de Fillas de Cassandra. Se no primeiro fascículo o tema homónimo criticaba a falta de pausa necesaria para o desenvolvemento creativo e, no segundo, a fragmentación do tempo a causa da guerra, nesta peza as viguesas tratan a imposición social de “vivir cada instante coma se fose o último” e cuestionan a alienación provocada a partir dos ritmos marcados polo sistema e a “falsa” produtividade, no lugar de gozar “dunha percepción máis libre e propia do paso do tempo”.
Así, versos como “Nos vosos reloxos non me podo ver” ou “Nun pulso co pulso, quen tería gañado?” poñen de manifesto a desconexión entre a vivencia persoal do tempo e os marcos estritos que a sociedade establece. Ao fío, Fillas de Cassandra emprega os conceptos do lume e da combustión para subliñar esa tensión. Neste sentido, a sentenza ”Árdeme o eixo, árdeme o carro, arde o que fun, o que son, o pasado” apunta á necesidade de romper coas imposicións temporais “para recuperar un tempo propio, o tempo vivido e como queremos vivir o tempo que nos queda.”
A peza, producida por Greta Ch’aska, Mumbai Moon e Fillas de Cassandra, e que propón unha constante sensación de fuxida cara a adiante a través dos bucles melódicos, conta coa colaboración de Caamaño&Ameixeiras, con quen constrúen unha paisaxe sonora en constante transformación. Diferentes ambientes e escenarios musicais sucédense inexorablemente e dialogan entre si.
O violín de Antía Ameixeiras, fráxil e etéreo nun inicio, convértese en ritmo, percusión e pandeireta, mentres o acordeón de Sabela Caamaño viaxa dende o preciosismo máis delicado ata sonoridades mecánicas que dialogan á perfección coa electrónica proposta por Fillas de Cassandra. Xuntas, xogan coas tímbricas tradicionais dos seus instrumentos acústicos, pero tamén as levan ao límite, combinando sons amables con outros máis ásperos e ferintes.
Fortemente arraigadas á música de raíz, Caamaño&Ameixeiras achéganlle á canción terra e pouso; e a carón do dúo vigués crean un son que viaxa entre o íntimo e o visceral. Entre o incómodo e o pracenteiro. Entre o magnético e o salvaxe. Coma todo o que arde.

Hibernarse, o universo multiformato de Fillas de Cassandra
Hibernarse é o novo proxecto híbrido, multiformato e singular no que Fillas de Cassandra reflexiona sobre o concepto do tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo desta proposta componse dun EP de catro temas que o dúo dá a coñecer cada sete días ata o xoves 10 de abril. Será daquela cando o público poida descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte, e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.
Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, Fillas de Cassandra pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais.
Escoita arderse https://links.altafonte.com/arderse