
- É a canción de apertura do disco e reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza
- ‘E se queres’ pódese escoitar nas principais plataformas dixitais e chega cun videoclip dirixido por Sara Traba
- A peza adapta o arrolo ‘Durme meu filliño’ do arquivo de Alan Lomax e conta con arranxos de Hevi e FAIA
E se queres, o primeiro sinxelo de Alvela, o novo disco de FAIA, xa está dispoñible desde hoxe, martes 18 de marzo, nas principais plataformas dixitais. É a canción de apertura do disco e constitúese como un chamamento, un convite a deixarse levar pola escoita. E se queres reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza e acompáñase dun vídeo dirixido por Sara Traba: unha ollada poética dende a amizade que dialoga sutilmente coa música. A peza é unha adaptación dun arrolo tradicional, Durme meu filliño, do arquivo de Alan Lomax en Soutoxuste, onde se experimenta coa sonoridade da gravación de campo, coa repetición e coa calidez da voz.
E se queres é o primeiro petisco de Alvela, álbum que verá a luz no mes de abril. Nel albíscanse as liñas mestras dos dez temas que integran este traballo, complexo e sutil, que transita paseniño pola experiencia da maternidade, pola memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer.
No esperado novo traballo de FAIA atoparemos arrolos como este E se queres, mais tamén romances e outras cantigas tradicionais revisitadas e acompañadas unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
Alvela está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo.
VIDEOCLIP | https://youtu.be/vcjRdVp8bqc
ESCOITA ‘E SE QUERES’ | https://open.spotify.com/album/3oZigGsYG71E0o9vGeJ5de?si=Gq3H1irxQhSjpSBdPayVQA