Galería fotográfica da actuación De Ninghures na Sala Capitol

A Sala Capitol transformouse a noite deste pasado mércores nunha auténtica Feira para gozar da estrea do novo disco de De Ninghures.

Sobre o escenario, os 7 multiinstrumentistas estiveron acompañados por Juan de Dios, Anxo Pintos, De Vacas, Ortiga e Fillas de Cassandra. Un dos momentos máis especiais da noite aconteceu ao principio da noite, cando De Ninghures, De Vacas e Anxo Pintos renderon homenaxe a un dos referentes da banda: Berrogüeto.

*Autoría das imaxes: Lorenzo Negueruela

Mondra presenta “Teño caldo quente”, o segundo avance do seu novo álbum

Mondra ten “caldo quente” e ofrece unha cunca para quen o queira probar

Teño caldo quente é o segundo avance do novo álbum do cantareiro e bailador, un tema evocador e retranqueiro que presenta de cheo a esencia musical do disco, producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz


Mondra presenta Teño caldo quente, o segundo prato do seu novo álbum, un traballo que verá a luz no mes de maio. “Teño caldo quente, quérelo probar?” pregunta o artista ao inicio desta evocadora e retranqueira peza que o público vai poder degustar nas plataformas dixitais a partir das 00.00 horas deste venres, 14 de marzo

Teño caldo quente é a segunda creación que Mondra dá a coñecer do que será o seu novo disco. O tema, que presenta unha sonoridade orgánica, fresca e contemporánea, influída por formas e timbres que caracterizan a tradición oral galega, presenta de cheo a esencia musical dun álbum producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz. 

Nesta ocasión, Mondra acompáñase dunha chea de comensais para gozar desta enchenta musical. Lucas de Centi ao vibráfono; María Prado, Paula López e Xiana Naval aos ventos; Andrés Real ao contrabaixo; e Xulia Sánchez e Artur Puga ás percusións sentan á mesa para probaren un caldo que “ule que arrecende” e que, como canta insinuante o bailador, “non lle fai mal a ninguén”. 

O lanzamento de Teño caldo quente complétase cunha proposta audiovisual codirixida por Adela Otero e mais o propio artista, quen tamén coproduce o video canda o estudio elmembrillo. Trátase da segunda das pezas visuais que conformarán o relato musical conxunto do novo álbum de Mondra. A súa dirección creativa global lidéraa Zeltia Iglesias, con quen xa traballou en ARDĒN. O videoclip poderase ver tamén este 14 de marzo na súa canle de VEVO.

Mondra

Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou candidaturas aos XXIII Premios Mestre Mateo polas pezas audiovisuais que acompañan os temas Marimondra Quererse ben, dirixidos polo propio Mondra. 

Na primavera do 2025 Mondra lanzará o seu segundo traballo discográfico, do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e este novo Teño caldo quente.  


Pregarda Teño caldo quente nas plataformas dixitais

Este venres, 14 de marzo, Amoebo presenta o seu novo álbum, “Escándalo no escuro”, en directo na Sala Garufa Club

A partir das 22.00h, Amoebo promete un concerto de alta voltaxe e moito baile para presentar na Coruña os temas do seu segundo traballo discográfico, que viu a luz o pasado 7 de marzo

A banda estará arroupada por una boa selección de artistas emerxentes galegos­, que darán renda solta aos sons máis divertidos para non deixar de bailar: da música urbana de hydn ao pop denso, fresco e urxente de Capital Voskov; do funk e a retroelectrónica de French Riviera ao pop urbano e sen tapuxos de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria

As últimas entradas para o concerto están dispoñibles a través de Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

Escándalo no escuro éun dobre álbum con 14 cancións nas que Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros, a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo e dor


Amoebo, unha das propostas máis deshinibidas da escena emerxente galega do momento, presentará ao vivo o seu próximo traballo discográfico na Sala Garufa Club da Coruña este venres 14 de marzo. Esta será a posta de largo de Escándalo no escuro, un dobre LP que viu a luz o pasado 7 de marzo. No concerto, Amoebo estará arroupado por una boa selección de artistas emerxentes galegos, que darán renda solta aos sons máis divertidos e bailables.

French Riviera encherá a Garufa cunha divertida viaxe ao anos 80 a golpe de funk e retroelectrónica, para dar paso á fantasía, o fogo e a escuridade da música urbana de hydn e o seu dark pop electrónico con influencias de rnb e outros sons. Pola súa banda, a potencia vocal de Alfonso, de Capital Voskov, chegará para dar boa mostra do seu pop denso, con coidadas texturas do indie e a urxencia do pop. Tampouco faltarán á cita o divertido pop urbano de Filloas e o enérxico e intenso indie en galego de Mayra, de Leria.

Así, o venres 14 de marzo, a partir das 22.00h na Sala Garufa, Amoebo promete un directo de alta voltaxe e moito baile para presentar este ambicioso dobre álbum, con 14 novas cancións que chegarán a golpe de provocación, escuridade, sexo, paixón, ansia, medo ou dor. En Escándalo no escuro, Amoebo explora os ritmos máis urbanos, mesturados co pop dos 2000, dando paso, tamén, aos sons máis rockeiros.

As últimas entradas para o directo están xa dispoñibles a través da plataforma Entradium:

https://entradium.com/events/amoebo-presentacion-escandalo-no-escuro-sala-garufa

AMOEBO, UNHA BANDA EMERXENTE SEN TAPUXOS

Amoebo estableceuse como unha das propostas máis destacadas da escena musical emerxente galega. Co seu primeiro LP Cada vez mellor, producido por David Fernández, o artista consolidou un son que combina pop-funk e electrónica con influencias urbanas. A súa música, cargada de ironía e desinhibición, aborda temas de amor non romántico, liberdade de expresión e celebración da vida.

O verán de 2024 veu cargado de traballo para Amoebo, quen presentou o seu show en  escenarios galegos de referencia como O Son do Camiño, o Atlantic Pride, o Festival de la Luz, o Atardecer no Gaiás ou o Surfing the Lérez. Tamén apareceu en recoñecidos estudios de televisión, como o mítico Luar, da TVG; o primeiro programa drag en galego, Raíña-me, da plataforma dixital A Galega; ou no Especial Fin de  Ano da TVG, onde compartiu cun público entregado o seu sinxelo SQ.

Amoebo foi unha das bandas seleccionadas para formar parte da aceleradora musical Son Emerxente de Fundación Paideia. Nela traballou con profesionais da industria galega como Patricia Hermida, Juan de Dios, Xaime Miranda, NONONON Lab ou The Office Comunicación. Esta aprendizaxe sobre o sector axudou a levar o proxecto ao seguinte nivel, para lazar o seu ambicioso novo álbum, Escándalo no escuro, en marzo de 2025. 

20250313-NP-Amoebo-AXENDA-Garufa

Convocatoria do VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025

Na imaxe: a concelleira de Cultura Mónica González, o vicealcalde de Vilalba Modesto Renda, a concelleira de Promoción da Lingua Mª Xosé Fernández e Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ


O Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ, convoca o VII Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2025 conforme ás seguintes

BASES (Descargar PDF)

Autorización para menores (Descargar PDF)

Fillas de Cassandra inicia a creación dun novo traxe con ‘Hibernarse’, un EP multiformato que verá a luz por fascículos a partir do 20 de marzo

O dúo reflexiona sobre o concepto do tempo e a súa construción social a través dun proxecto híbrido e singular, nun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais

O primeiro avance, que dá nome ao traballo discográfico, poderase escoitar nas principais plataformas dixitais a partir do xoves 20

María SOA e Sara Faro convidan ao público a tecer con elas, semanalmente, os retallos que conforman o universo Hibernarse, que se desvelará por completo o 10 de abril e cuxo formato físico se poderá reservar na páxina web de Altafonte

Fillas de Cassandra presenta esta primaveraHibernarse, un proxecto híbrido, multiformato e singular no que o dúo reflexiona sobre o concepto de tempo a través de diferentes prismas e disciplinas artísticas. O núcleo deste universo componse dun EP cuxa primeira entrega se poderá escoitar o vindeiro xoves 20 de marzo, a partir das 00.00 horas, nas principais plataformas dixitais.

Hibernarse é o resultado dun proceso de maduración musical e discursiva fiado paseniño e con esmero por María SOA e Sara Faro. Logo de dous anos de crecemento como grupo, o dúo pecha unha etapa reflexionando sobre a construción social do tempo e cun chamado á pausa necesaria que esixen os procesos creativos e artesanais. 

A través desta proposta, Fillas de Cassandra inicia a busca dun novo traxe e lanza un convite ao público: construír a man e fiar peza a peza, semanalmente, o universoHibernarse, un traballo conceptual no que o dúo fai reflexivos verbos que non o son para observarse desde ángulos non explorados até o de agora. 

O xoves 20 de marzo o dúo lanzará o sinxelo Hibernarse. Será a primeira entrega dunha serie de propostas artísticas que Fillas de Cassandra dará a coñecer, cada sete días, até o 10 de abril. Nese momento, o público poderá descubrir todo o que se agocha baixo o paraugas deste novo traballo, que se publicará da man de Tremendo Audiovisual e Altafonte Music Spain e que se poderá reservar, proximamente, a través da páxina web www.altafonte.com.

20250312-NP-GAL-Anuncio-Hibernarse