Mondra ten “caldo quente” e ofrece unha cunca para quen o queira probar

Teño caldo quente é o segundo avance do novo álbum do cantareiro e bailador, un tema evocador e retranqueiro que presenta de cheo a esencia musical do disco, producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz


Mondra presenta Teño caldo quente, o segundo prato do seu novo álbum, un traballo que verá a luz no mes de maio. “Teño caldo quente, quérelo probar?” pregunta o artista ao inicio desta evocadora e retranqueira peza que o público vai poder degustar nas plataformas dixitais a partir das 00.00 horas deste venres, 14 de marzo

Teño caldo quente é a segunda creación que Mondra dá a coñecer do que será o seu novo disco. O tema, que presenta unha sonoridade orgánica, fresca e contemporánea, influída por formas e timbres que caracterizan a tradición oral galega, presenta de cheo a esencia musical dun álbum producido integramente a carón de Hevi no Laboratorio Soyuz. 

Nesta ocasión, Mondra acompáñase dunha chea de comensais para gozar desta enchenta musical. Lucas de Centi ao vibráfono; María Prado, Paula López e Xiana Naval aos ventos; Andrés Real ao contrabaixo; e Xulia Sánchez e Artur Puga ás percusións sentan á mesa para probaren un caldo que “ule que arrecende” e que, como canta insinuante o bailador, “non lle fai mal a ninguén”. 

O lanzamento de Teño caldo quente complétase cunha proposta audiovisual codirixida por Adela Otero e mais o propio artista, quen tamén coproduce o video canda o estudio elmembrillo. Trátase da segunda das pezas visuais que conformarán o relato musical conxunto do novo álbum de Mondra. A súa dirección creativa global lidéraa Zeltia Iglesias, con quen xa traballou en ARDĒN. O videoclip poderase ver tamén este 14 de marzo na súa canle de VEVO.

Mondra

Artista, cantareiro e bailador, Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país. Co seu álbum debut, titulado ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023), acada o recoñecemento unánime de público e crítica, xunto a outros galardóns, como o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou candidaturas aos XXIII Premios Mestre Mateo polas pezas audiovisuais que acompañan os temas Marimondra Quererse ben, dirixidos polo propio Mondra. 

Na primavera do 2025 Mondra lanzará o seu segundo traballo discográfico, do que xa se coñece o pasodobre Vale máis un canciño e este novo Teño caldo quente.  


Pregarda Teño caldo quente nas plataformas dixitais