Aurora Boreal: Unha danza sobre a fugacidade da vida e a forza vital.
En Carballo dentro do programa Primavera en Danza na súa XXIII edición a compañía Paula Quintas&cia, presenta Aurora Boreal, unha peza de danza contemporánea que convida á contemplación e á reflexión sobre a fugacidade da vida e a súa conxelación fronte a unha sociedade de consumo fugaz. A obra explora a loita do ser humano ante as forzas da natureza e a percepción do tempo, creando un espazo onde o movemento e a atmósfera se entrelazan para ofrecer ao público unha experiencia única.
A través do corpo en movemento, Aurora Boreal reflexiona sobre a brevidade do existir, mostrando un combate entre a efemeridade da vida e a forza da natureza. A peza utiliza a metáfora dunha flor que loita por nacer e sobrevivir nun espazo hostil, resaltando a beleza da forza vital que, a pesar das adversidades, persiste e se manifesta. Este contraste entre a loita e a beleza que xurde da adversidade é un dos eixos centrais da obra.
Cunha estética nórdica e unha forte inspiración nas luminosidades fugaces das xeografías do norte, Aurora Boreal explora tamén a velocidade e a serenidade do efémero. As luces que iluminan o escenario imitan a intensidade e a fugacidade das auroras boreais, un fenómeno que só se manifesta en determinados momentos do ano e que, ao ser tan breve, deixa unha sensación de serenidade que se esfuma rapidamente.
Aurora Boreal non só é unha obra de danza contemporánea, senón un convite a experimentar a beleza do tránsito efémero da vida e da natureza. Un espazo para a reflexión, a paciencia e a admiración por aquilo que é breve pero significativo. O público terá a oportunidade de vivir un momento único, que se presenta como unha metáfora visual e emocional do noso propio paso polo mundo.
A peza será presentada no Pazo da cultura de Carballo o 28 de Marzo de 2025, e está dirixida a todos aqueles que desexan mergullarse nunha experiencia sensorial e poética, onde a danza, a luz e a composición musical se combinan para ofrecer unha reflexión profunda sobre a vida e o tempo.
Aurora Boreal é un proxecto apoiado pola Agadic a través das axudas á creación.
FICHA ARTÍSTICA E TÉCNICA
Dirección: Rut Balbís Asesoria de movemento: Tanit Cobas Interpretación: Paula Quintas Vestiario: Jandro Villa Iluminación: Octavio Mas Composición musical: Macarena Montesinos e Nacho Muñoz Composición audiovisual: Carla Andrade Asesoría artística: Manu Lago- Galicia Danza Contemporánea. Distribución: Lilian Portela- AMARELO Distribución Escénica Foto: Alberte Peiteavel Audiovisual: Miramemira
Colaboradores: Concello de Carballo, Teatro Ensalle, A Casa Vella, Ifgae, Fundación Granell, Paso a dos, Concello da Estrada, LaboGo Donosti, Centro coreográfico Galego, Arturo Cobas, Xacobo Torres, Javier Quintana.
É a canción de apertura do disco e reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza
‘E se queres’ pódese escoitar nas principais plataformas dixitais e chega cun videoclip dirixido por Sara Traba
A pezaadapta o arrolo ‘Durme meu filliño’ do arquivo de Alan Lomax e conta con arranxos de Hevi e FAIA
E se queres, o primeiro sinxelo de Alvela, o novo disco de FAIA, xa está dispoñible desde hoxe, martes 18 de marzo, nas principais plataformas dixitais. É a canción de apertura do disco e constitúese como un chamamento, un convite a deixarse levar pola escoita. E se queres reivindica a importancia do corpo e do pracer, do contacto co íntimo e coa natureza e acompáñase dun vídeo dirixido por Sara Traba: unha ollada poética dende a amizade que dialoga sutilmente coa música. A peza é unha adaptación dun arrolo tradicional, Durme meu filliño, do arquivo de Alan Lomax en Soutoxuste, onde se experimenta coa sonoridade da gravación de campo, coa repetición e coa calidez da voz.
E se queres é o primeiro petisco de Alvela, álbum que verá a luz no mes de abril. Nel albíscanse as liñas mestras dos dez temas que integran este traballo, complexo e sutil, que transita paseniño pola experiencia da maternidade, pola memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer.
No esperado novo traballo de FAIA atoparemos arrolos como este E se queres, mais tamén romances e outras cantigas tradicionais revisitadas e acompañadas unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
Alvela está producido por Hevi (Malandrómeda, Fluzo) e conta coas colaboracións de Bleuenn Le Friec, Antía Ameixeiras, Antía Muíño, De Vacas ou Suelen Estar Cuartet. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e as acuarelas e as animacións que acompañarán as cancións foron obra da artista plástica Blanca Gracia. A poeta Antía Otero acompañou na conceptualización xeral e no seguimento do proceso do disco.
Sobre FAIA
FAIA Díaz Novo é cantante, creadora e historiadora da arte. Compaxina a súa carreira musical en solitario coa participación en grupos como De Vacas, o Coro Encaixe e o trío Nacho.Faia.Lar. No 2018 publicou o seu primeiro disco en solitario, Ao cabo leirín, unha autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave feminista e contemporánea. Este abril presentará Alvela, o seu segundo traballo.
HUGO XÚNTASE COA BANDA ERRANTES PARA PUBLICAR EN ACÚSTICO QUIXERA SER, CLARIDADEk E PRESIÓN
O rapeiro Hugo Guezeta pásase ao acústico coa publicación de dous dos seus grandes éxitos en solitario e un tema exclusivo neste formato. Quixera ser, e Claridade ven a luz baixo unha nova pel, grazas á colaboración entre o rapeiro e a banda ponteareá Errantes, coa que xa creou unha conexión que transcende estas colaboracións e chega ata os escenarios. A maiores, Hugo deixa como agasallo Presión, un tema inédito do artista que pecha así este EP en acústico, e que polo momento só se poderá gozar nesta versión. Ante unha sinerxía aparentemente complexa entre unha banda e un rapeiro, ambos souberon adaptarse e empastar á perfección para poder destripar estes temas do repertorio de Hugo e darlle unha nova vida. Gravado en directo e cunha proposta moi diferente, este EP representa un achegamento ao que o público pode gozar nun concerto de Hugo Guezeta.
Estas tres versións son a constatación do bo facer ao vivo do rapeiro, que tras encher dúas das primeiras datas de presentación do seu novo disco está inmerso na súa xira de 2025. As próximas datas para poder ver a Hugo Guezeta en directo serán o 21 de marzo en Ourense (sala Auriense), 28 de marzo en Cambados (sala Krazzy Kray) e os festivais A Candeloria e Revenidas. As entradas para os concertos de salas están xa dispoñibles en www.enterticket.es.
Hugo Guezeta é un dos maiores representantes do rap en Galicia. Grazas ao éxito colleitado coas súas cancións, que supuxeron e supoñen o himno dalgunhas xeracións de galegos, o rapeiro figura no imaxinario colectivo como unhas das figuras máis significativas deste xénero. A súa carreira en solitario é o seguinte paso na carreira do artista tras SonDaRúa, grupo do que formaba parte e era unha das cabezas visibles, e que é considerado un dos grandes grupos de rap da historia de Galicia.
As súas marcadas letras cun alto carácter reivindicativo son grandes marcas de identidade a nivel social. Como letrista, Hugo é un dos mellores compositores do panorama actual, sendo clara influencia das novas xeracións de rapeiros que están xurdindo neste auxe da música en galego. Mais non só destaca polas súas letras, a súa capacidade de fluír sobre as bases e a súa capacidade para moverse dende ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae posicionan ao artista como un dos artistas máis completos e versátiles do movemento urbano.
O éxito como rapeiro é intrínseco a Hugo Guezeta, xa que tras acumular grandes concertos, premios e fans baixo o paraugas de SonDaRúa, o seu proxecto en solitario non perdeu forza en ningún momento. O seu último álbum O Noso Tempoacumula centos de milleiros de reproducións en plataformas tras só dous meses publicado, confirmando que a pesar de saír no último mes do 2024, o seu foi un dos discos en galego máis destacados e 1importantes do ano.
Actualmente, e tras o enorme éxito nos concertos de presentación do disco en Mos, A Coruña e Santiago de Compostela, con dous dos tres concertos esgotando entradas, Hugo emprende a súa xira de 2025, onde deixará constancia da súa capacidade e versatilidade como rapeiro, trasladando o seu bo facer no estudo ás salas e festivais. Sen dúbidas, Hugo Guezeta é e será un dos grandes nomes a destacar do panorama urbano neste 2025.
ESTREARÁ ESTE TEMA EN DIRECTO NA SALA CAPITOL DE SANTIAGO O PRÓXIMO 4 DE MAIO
O artista naronés LODE fai público o seu último sinxelo, nomeado como Malo será, nunha clara reivindicación do famoso termo galego e a filosofía de vida que o envolve. Dende que se comezou a xestar a canción o artista tiña claro que buscaba un himno que o representara, e esta expresión tan galega, que representa que aínda que existan problemas no día a día nos seguimos cara adiante que seguro que todo mellorará, era a indicada. Convertida en canción, LODE busca coa súa música a internacionalización de esta expresión e a filosofía tan galega que leva consigo.
Para este sinxelo LODE tiña claro que quería contar con partes musicais que representaran ben a Galicia, e para iso quixo contar cun dos percusionistas tradicionais máis respectados e importantes do territorio, Xosé Lois Romero, peza fundamental de proxectos como Baiuca ou Xosé Lois Romeo & Aliboria. Segundo palabras do propio artista “colaborar con Xosé Lois Romero foi unha marabilla, foi súper divertido. Queriamos deixarlle toda a liberdade posible, e foi sacando trebellos seus que se adaptaban á perfección aos ritmos que queriamos introducir na canción”.
LODE defende que Malo será é dos temas máis potentes do seu proxecto musical, buscando que ritmos contundentes con percusións agresivas e de cadencia rápida estean presentes para favorecer ao baile. Un jersey club á galega que espera ser unha das cartas de presentación máis importantes do seu proxecto.
Presentación do proxecto na sala Capitol
Maloserá, así como o resto de éxitos da carreira de LODE serán protagonistas no seu concerto de presentación do proxecto, que terá lugar o domingo 4 de maio na gran sala de concertos de Galicia, a sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas está xa á venda en www.salacapitol.com, no que será un concerto moi especial para o naronés. A súa ambiciosa proposta, que combina a súa capacidade vocal e melódica co seu talento para o baile, é a carta de presentación do artista, que apostará por presentar un espectáculo nunca antes visto dentro do xénero en Galicia.
MÁIS SOBRE LODE
LODE é o futuro do xénero urbano. Cun estilo versátil e multidisciplinar, o artista galego está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, o de Narón presenta un ambicioso proxecto no que conflúen o seu talento como cantante coa posta en escena que desprende grazas ás súas capacidades como bailarín. A súa presenza non pasou desapercibida dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.
Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando o seu novo traballo discográfico, que verá a luz este ano baixo o formato de EP e que conta xa cos adiantos de Carita de Ángel, Tres Tragos, TKILA, Recuerdo, Engaño e Malo será. A presentación do mesmo terá lugar o domingo 4 de maio nun dos mellores recintos de concertos de Galicia, a histórica sala Capitol de Santiago de Compostela. Nel deixará patente a súa versatilidade e capacidade vocal, aos que se lles sumará o seu talento coreográfico e posta en escena, nun espectáculo nunca antes visto no xénero urbano en Galicia.