Cada 2 de novembro, data na que se cumpre o aniversario da Declaración Balfour de 1917, celébranse os Días de Cine Palestino arredor do Mundo (Palestine Cinema Days Around the World), unha iniciativa global de resistencia cultural impulsada por FilmLab Palestine. A proposta reivindica o cinema como espazo de memoria e de expresión colectiva, e convida a públicos de todo o mundo a achegarse a miradas palestinas que moitas veces quedan fóra dos circuítos habituais dde exhibición.
Nesta ocasión, o Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, a partir dunha proposta de Martin Pawley, ten a sorte de poder ser o organizador dun dos pases da película en Vilalba, Será o mesmo día que en todos os lugares do mundo, é dicir o LUNS 2 DE NOVEMBRO, ás 20:30 horas, na CASA DA CULTURA DE VILALBA.
PELÍCULA QUE SE PROXECTA
WITH HASAN IN GAZA(Con Hasan en Gaza) é un documental de 2025 do cineasta palestino Kamal Aljafari, moi ben recibido pola crítica.
Con que violencia se fai presente a creba nesta descomposición da comunidade, nesta lamentábel disposición das circunstancias. Con que submisión nos empequenecemos, nos permitimos non ser ata transformarnos en monicreques articulados por mans voraces e insaciábeis. Defendemos a creación dun soldado que quizais nunca foi necesario, porque nos sinalan inimigos onde só hai semellantes. Modifícannos o paso, a velocidade, para que absurdamente apurados e axitados, non sexamos capaces de cuestionar quen e como nos manexa.
Aceptamos pobremente unha norma que nos nega, que nos deshumaniza, en beneficio de feras que manipulan seres humanos coma se fosen meras pezas nun taboleiro. E o máis terríbel é que acabamos por asumir como propio o lugar que nos asignan. A fractura convértese nunha fronteira que defendemos, mesmo cando nos separa daqueles cos que compartimos a mesma fraxilidade, incluso cando nos distancia daqueles cos que poderiamos construír unha forza común capaz de pór en cuestión a orde que nos mantén sometidos e coas espadas erguidas contra quen ten feridas similares ás nosas.
Quizais a primeira forma de resistencia, a primeira posibilidade de atopar un camiño de volta e reverter a deriva vixente, sexa parar. Sentar para frear procesos impostos que nos empurran a renunciar á nosa humanidade sen reparar sequera no prezo que pagamos diariamente ao tempo que alimentamos un odio que, irremediabelmente, acabará por aniquilarnos.
Talvez a primeira rebeldía naza de contemplar a beleza que nunca nos detemos a observar, case invisíbel por cotiá.
Se cadra a silva na que prendemos só intenta axudarnos a non diluírnos.
A Casa da Cultura de Vilalba acollerá o vindeiro xoves 29 de outubro, ás 20:00 horas, a conferencia Otero Pedrayo e a Xeración NÓS, que será impartida por Victorino Pérez Prieto. A actividade está organizada polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración co Concello de Vilalba, e con entrada libre ata completar a capacidade.
A charla estará dedicada á figura de Ramón Otero Pedrayo, unha das personalidades máis destacadas da cultura galega do século XX e membro fundamental da Xeración NÓS, o grupo de intelectuais que desempeñou un papel decisivo na renovación cultural, literaria e política de Galicia nas primeiras décadas do pasado século.
A Casa da Cultura de Vilalba acollerá do 23 de outubro ao 10 de novembro a exposición «O Herbario de Agustín», un proxecto que nace dun coidado proceso de lectura e investigación arredor das obras de Agustín Fernández Paz e que busca poñer en valor a riqueza do patrimonio literario e natural a través das especies vexetais que aparecen nos seus textos.
O herbario é froito do traballo colaborativo do alumnado do Club de Lectura, do equipo da Biblioteca e do Club de Ciencia do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, que se mergullaron nos libros do autor cunha mirada atenta para identificar e documentar cada referencia ás plantas. Unha lectura que foi moito máis alá da interpretación literaria para converterse nunha auténtica exploración botánica, na que cada páxina podía agochar unha nova especie por descubrir.
NARRACIÓN ORAL, MONICREQUES E MÚSICA FAN PARTE DESTE ESPECTÁCULO DE INACIO VILARIÑO
O tranvía Leonardo é un espectáculo de narración oral para a infancia (de catro anos en diante) con marionetas e música en que se conta a historia do primeiro tranvía a vapor de Galiza, que, como era lento, suxo, pequeno, estreito e descarrilaba a miúdo, foi motivo de mofa e protagonista de innumerábeis cancións e anécdotas. A música é o fío condutor deste espectáculo en que se cantan acompañados de caixa de música e reque reque as seguintes cancións: Caramba!, O trole do tranvía, Chucurruchú, O miudiño, Tango do billete, Romance de Guillermo, A Maturragaina e O trabalinguas das trisílabas.
Pepe Tafall, xefe do tranvía de Marín a Pontevedra e ademais cómico amador e dramaturgo, conta a historia do tranvía Leonardo desde o seu nacemento en Bruxelas até a súa vellez, coa intención de que o propietario, o Marques de Riestra, o xubile e lle dea o seu merecido retiro. Alén das historias do tranvía Leonardo, Tafall, conta algunhas das anécdotas máis simpáticas dos seus tripulantes: Moncho o maquinista e Ramón o do fogón; e dalgúns dos seus pasaxeiros mais famosos: Xosé Echegaray, o médico Guillermo, a cega Morcega, a mestra Trini Trapa e o loro Ravachol. Para asistir, este sábado, ás 17 hrs, a este espectáculo é necesario reservar (billete 2 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.