



O programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia contará na súa 10ª edición con Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do CDG en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados –entre 209 propostas recibidas– participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela
O proxecto, impulsado por RPM, como entidade independente adicada ao impulso da danza e as artes vivas de creación contemporánea en Galicia, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
As Residencias Paraíso –un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio– contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa 10ª edición, que se desenvolverá ao longo deste 2026 en 10 espazos de toda Galicia no ano do seu décimo aniversario.
Entre os 209 proxectos recibidos na actual convocatoria, a cifra máis elevada da súa historia, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– ven de seleccionar a Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo; Blanca Gómez Terán; BFlecha, Mwëslee, Diana Toucedo, Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld; Darío Bardam; Disiden.Cia; Fran Martínez; Jandross Rodríguez; Óscar Bueno; Pedro Vilela e Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü como ‘Artistas Paraíso 2026’.
As Residencias Paraíso, impulsadas por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Oleiros, Concello de Ponteareas, Concello de Ribadavia, Deputación de Pontevedra e Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
En palabras do Colectivo RPM: “Por décimo ano consecutivo, atravesamos o inspirador proceso de selección dos e das artistas que conforman as Residencias Paraíso. Grazas á colaboración e ao compromiso dos distintos espazos e institucións colaboradoras, impulsamos conxuntamente este programa interinstitucional de apoio á comunidade das artes vivas no noso territorio.
O proceso de lectura e análise de cada unha das propostas recibidas constitúe, sen dúbida, un dos momentos máis estimulantes do ano. Nos 209 proxectos presentados nesta edición, atopamos unha notable diversidade de enfoques, linguaxes e investigacións, así como un saber facer sólido e unha mirada crítica que nos interpela directamente sobre cuestións fundamentais da nosa contemporaneidade”.
A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2026 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Cristina Planas Leitão (artista e comisaria, directora artística de Materiais Diversos, Lisboa), Diego M. Buceta (artista, Artista Paraíso 2017 e 2019), Laura Tabarés (artista e comisaria, co-coordinadora de Leira. Lugo), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).
O programa Residencias Paraíso 2026 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio.
Residencias Paraíso 2026 conta cun importe total de 25.000€ e acollerá 10 propostas en residencia, 2 máis que na súa pasada edición, cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha, para favorecer as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
As residencias artísticas desenvolveranse entre maio e outubro de 2026 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, no marco da MIT, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Convento de Santa Clara en Pontevedra, a Fábrica de Oleiros, o Pazo da Cultura de Narón, Artistea en Ponteareas e o Espazo RPM na Coruña.
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán no Encontro Residencias Paraíso, unha cita anual promovida polo Colectivo RPM, que neste 2026 terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na Illa de San Simón, en Redondela.
Residencias Paraíso, do Colectivo RPM, é un programa nacido para acompañar procesos de investigación e creación arredor das artes vivas contemporáneas. A súa vontade é situar o concepto de residencia artística como unha ferramenta clave no desenvolvemento das políticas culturais en Galicia, poñendo no centro a práctica artística e protexendo as condicións necesarias para o desenvolvemento de proxectos de investigación e creación.
Un dos principais valores do programa Residencias Paraíso reside na súa rede de alianzas, estendida de norte a sur do territorio galego e conformada por espazos de natureza diversa, desde teatros e centros culturais até espazos non convencionais. Esta pluralidade facilita a acollida das distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación e a escritura até o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou as residencias de carácter técnico.
SOBRE OS PROXECTOS SELECCIIONADOS NAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2026
Os creadores galegos Álvaro Corral Cid & Gabi Reboredo mergullaranse nun proceso de creación titulado Asoballada por fentos no Pazo da Cultura de Carballo. Baseado na investigación artística de Corral Cid, o proxecto mestura arquivo e performance, acompañado pola música de Reboredo, para revisitar a memoria folclórica galega e repensar os arquetipos rexionais do franquismo.
No Vello Cárcere de Lugo contaremos con dous proxectos en residencia. A arquitecta e coreógrafa madrileña Blanca Gómez Terán investigará sobre Como cuando el pelo se eriza, unha proposta que xorde dunha reflexión sobre o capricho e o desexo. A través do movemento e do son, Blanca imaxina un corpo impaciente que habita a ausencia e a especulación, traducindo esta enerxía en danzas e cantares que flúen entre o erótico, o político e o sensorial.
No mesmo espazo, o músico e artista performativo asturiano Óscar Bueno desenvolverá La excitación del paisaje: La roca blanda / Parte II – La conferencia montañera. O proxecto entende a paisaxe non como algo dado, senón como unha relación entre quen mira e aquilo que é mirado. Corpo, imaxe e son actívanse como ferramentas para explorar esta relación e ensaiar novas formas de vincularnos co contorno, abrindo a percepción a outras escalas, texturas e experiencias sensoriais. A proposta toma a forma dunha conferencia expandida na que a montaña tenta desbordarse, abrandarse e contarse, transformando a relación entre espectador, corpo e entorno.
O equipo multidisciplinar formado pola compositora e cantante galega BFlecha, o produtor musical galego Mwëslee, a cineasta e montadora galega Diana Toucedo, e os artistas performativos galego–madrileños Federico Vladimir & Pablo Lilienfeld, desenvolverá na residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro de Compostela o proxecto Stratos (La piedra siempre estuvo allí). Parte dunha viaxe sensorial na que se establece contacto con sistemas de comunicación bioquímica e seres unicelulares, o proxecto explora como o micro afecta ao macro e xera novas relacións e percepcións. Música viva, materia vibrante, imaxe, cinema e a intervención de voces pensadoras crean un espazo escénico onde o colectivo xera unha forza maior, capaz de entrelazar o humano e o non humano.
Tamén na residencia combinada entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro estarán os investigadores e artistas galegos Sara Somoza & Ismael Eirexas Romeü co proxecto Monxa Millo Sentinela. A proposta explora a cultura popular, os corpos e a paisaxe do territorio galego a través da desarticulación das promesas incumpridas que os atravesan. Partindo de tres corpos arquetípicos, o proxecto busca poñelos en crise, transformalos e pervertelos, creando unha investigación escénica situada no final da espera. A través desta práctica, Sara e Ismael cuestionan nocións de xénero, performatividade e memoria cultural, combinando ficción, documental e creación colectiva.
Na Residencia Paraíso combinada entre La Fábrica (Oleiros) e Espazo RPM (A Coruña), o bailarín e coreógrafo canario Darío Bardam desenvolverá o proxecto Phantom, unha investigación sobre a relación entre a figura do fantasma e as políticas de desidentificación. A través de beats, melodías e sets de DJ, Bardam constrúe un corpo fantasmagórico que se desvanece, deixando espazo a que todo baile emerxa. A proposta continúa a súa liña de exploración da danza como forma autónoma de coñecemento e da desidentificación como mecanismo de mediación, poñendo en primeiro plano o pracer de bailar e a enerxía do corpo en movemento.
Na residencia en Artistea (Ponteareas), o colectivo galego–navarro Disiden.Cia, formado polas bailarinas e coreógrafas Martina Los Arcos e Marcia Vázquez, desenvolverá o proxecto Botar de menos o futuro, unha investigación sobre a desorientación, a falta de pertenza e a nostalxia dun futuro que non viviremos. Situando a outredade e o “alien” no centro da súa exploración, a compañía crea corpos híbridos e andróxinos que cuestionan identidades normativas, a lóxica produtiva e os marcos cis-heteronormativos. O proxecto busca deterse, profundar na práctica artística propia e xerar unha linguaxe escénica disruptiva, transformando a sensación de exclusión nunha potencia creativa e absurda.
O bailarín e coreógrafo galego Fran Martínez desenvolverá o proxecto Transfixión nunha residencia situada no Convento de Santa Clara, dentro do marco da Bienal de Artes Vivas de Pontevedra. Unha peza sobre o facer e o misticismo de baixa intensidade. A través do ir e vir entre o dentro, escuro e introspectivo, e o fóra, visible e indescifrable, Martínez explora a espesura do movemento e da percepción, xerando un espazo onde corpo, tempo e sensación se entrelazan nunha experiencia sensorial e poética.
A Residencia Paraíso na Casa da Cultura de Vimianzo, complementada cunha residencia técnica no Pazo da Cultura de Narón, contará co bailarín e creador galego Jandross Rodríguez, que traballará no proxecto Suksen, unha investigación sobre o duelo e a tradición de velar. Dende o corpo, Suksen explora a fisicalidade límite e a capacidade residual dun corpo canso que segue a moverse, convidando á pausa, á intimidade e á reimaxinación do ritual a través dunha perspectiva cuir e contemporánea. Neste traballo Rodríguez conta coa dirección artística da coreógrafa e bailarina galega Julia Laport.
Por último, o artista brasileiro–portugués Pedro Vilela será o convidado na residencia artística na Igrexa da Madalena, dentro do marco da colaboración coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT). Alí desenvolverá o proxecto Zoombies, unha investigación escénica que utiliza a figura do zombi como metáfora para analizar a construción de inimigos externos ao longo da historia. Mesturando teatro, cultura pop e discurso político, o proxecto explora como o medo e a deshumanización se empregaron para xustificar guerras e reforzar o poder imperial e colonial.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto.
Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo, Sergio Marey, Bal Castro ou Isabel do Diego, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Oleiros, o Concello de Ponteareas, o Concello de Ribadavia, a Deputación de Pontevedra e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta coa colaboración do Centro Dramático Galego, o Centro Coreográfico Galego, o Vello Cárcere de Lugo, o FIOT de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, a MIT de Ribadavia, Artistea, o Padroado da Cultura do Concello de Narón e a Bienal de Pontevedra.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso –construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia– que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
MÁIS INFORMACIÓN
2026.04.07.-NP-resolucion-Residencias-Paraiso-2026