O dúo vigués dará a coñecer aos medios de comunicación o seu novo álbum a través dunha instalación escultórica que o público poderá visitar na tarde do martes 7 e ao longo do mércores 8

O acto inclúe unha pequena actuación e, ao remate, haberá un pequeno almorzo e as artistas atenderán aos medios presentes

Fillas de Cassandra presentarán este martes, 7 de abril, a exposición ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’. Trátase dunha experiencia única de preescoita do seu novo disco, que verá a luz nas plataformas dixitais o 24 de abril. 

‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’ agroma da portada do novo disco de Fillas de Cassandra. Trátase dunha imaxe poderosa ideada por María SOA e Sara Faro en colaboración coa fotógrafa Arancha Brandón, a deseñadora Kika V. Ramil e o colectivo escenográfico As dúas e punto. Protagonizada por doce cadeiras dispostas en círculo, a obra explora que forma, textura ou cor terían as cancións de Tertúlia se fosen obxectos.

Así, a  Fundación Granell acollerá os días 7 e 8 de abril unha instalación aberta ao público  na que as doce cadeiras da portada se transforman nun dispositivo no que a canción toma forma: cada unha delas, correspondente a un tema do disco, deixa de ser un simple moble para converterse nunha mensaxe en si mesma.

Ao igual que as letras de ‘Tertúlia’, estas pezas non perseguen a compracencia nin a comodidade neutral do mobiliario urbano. Polo contrario, toman partido e interpelan a quen as mira; algunhas son refuxio que acolle e protexe, mentres outras, na súa crueza, incomodan ou expulsan, obrigando a quen escoita a situarse fronte á obra.

A elección da cadeira como protagonista da portada e como símbolo non é casual: remite ás sobremesas infinitas e ás mulleres que sacaban o asento á rúa para saír á fresca, conversar e converter o espazo público nun lugar de transmisión oral, unha das ideas centrais que atravesa o disco.

A presentación á prensa terá lugar na mañá deste martes 7, a partir das 11:00 horas, na Fundación Granell.. As e os asistentes poderán escoitar por primeira vez o disco e conversar, de xeito distentido, coas artistas, que tamén ofrecerán unha pequena actuación ao vivo.

Haberá un pequeno almorzo, polo que se prega confirmación de asistencia e informar previamente das posibles intolerancias ou alerxias para que todas as asistentes poidan participar desta singular tertúlia.



PRESENTACIÓN ‘TERTÚLIA: DOCE CANCIÓNS, DOCE CADEIRAS’

Martes 7 de abril de 2026
11:00 horas
Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, 8. Santiago de Compostela)
Duración aprox.: 60 minutos (inclúe unha pequena actuación do dúo)

Presentación da exposición e experiencia de preescoita do novo disco de Fillas de Cassandra, que se publicará nas plataformas dixitais o 24 de abril.  Ao finalizar o acto, as artistas conversarán de xeito distendido coas asistentes e ofrecerán declaracións aos medios de comunicación presentes até as 14:00 horas.

* IMPORTANTEOs medios interesados en manter unha conversa en profundidade e presencial con María e Sara, poderán acordar unha entrevista co equipo de prensa de Tremendo Audiovisual para a tarde do martes 7 ou na mañá do mércores 8 *



HORARIO DE APERTURA DA EXPOSICIÓN AO PÚBLICO
Martes 7, de 17:00 a 20:00 horas
Mércores 8, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas

20260406-CONVOCATORIA-TERTULIA