O Festival Sinsal SON Estrella Galicia publica as Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron na pasada edición
A partir do 5 de decembro, o público poderá descubrir as Sesións San Simón gravadas por Ichiko Aoba, Maestro Espada, Lapili, Fantasmage, Haya Zaatry, Clarissa Connelly, Brìghde Chaimbeul ou Sessa, entre outras figuras
As sesións, que se poderán tanto escoitar coma ver en www.sinsalaudio.es, realizáronse da man de Aleks Kolkowski e consisten no rexistro de cancións nun cilindro de cera
O festival Sinsal SON Estrella Galicia, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, dará a coñecer a partir deste xoves, 5 de decembro, as primeiras Sesións San Simón gravadas coas bandas e solistas que participaron durante a pasada edición do evento. Trátase dunha das actividades paralelas que se realizan na illa no marco do Sinsal e consiste no rexistro de cancións, ao vivo, nun cilindro de cera. A proposta, posta en marcha da man do experto Aleks Kolkowski, permite ao público viaxar a través do tempo grazas ao son: o tema, ao reproducirse, semella unha gravación de hai máis de cen anos.
Nas Sesións San Simón participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival e teñen lugar en distintos horarios e localizacións do arquipélago durante a súa celebración, sendo abertas para o público asistente. O pasado mes de xullo, figuras como a xaponesa Ichiko Aoba, os murcianos Maestro Espada, a manchega Lapili, a escocesa Brìghde Chaimbeul, a danesa Clarissa Connelly, o brasileiro Sessa, a palestina Haya Zaatry, as bandas galegas Fantasmage e Isius, as portuguesas Maria Reis e Glockenwise, ou mesmo a Orquesta Clásica de Vigo -que, tanto cun quinteto de metais coma cun de cordas, interpretaron fragmentos da zarzuela La leyenda del beso, do pontearerán Reveriano Soutullo, e que neste 2024 festexa o centenario da súa estrea-participaron desta proposta, cuxo resultado se poderá escoitar a partir deste xoves 5 na páxina web da promotora, www.sinsalaudio.es.
Neste espazo web de Sinsalaudio, o público tamén poderá ver en vídeo as sesións rodadas polo cineasta Álex Cancelo tanto desta edición coma de anteriores ocasións, e que contaron coa colaboración activa de artistas como Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Jesca Hoop, Hatis Noit, Lina & Raül Refree ou Esteban y Manuel, entre outros moitos nomes.
O sábado 14 de decembro volven as foliadas a Begonte, volve a Foliada de Outono de Castiñeiro Milenario. Nesta ocasión temos unha novidade importante, pois temos un cambio de escenario e por primeira vez, faremos a foliada no Centro Sociocultural de Begonte,
A foliada comezará ás 18 horas cun obradoiro de construción de instrumentos miúdos a cargo de Pablo Pintor. Un obradoiro para pequenos e grandes, onde recomendamos que os máis pequenos veñan acompañados dun adulto. Aprenderemos a facer algún deses instrumentos pequenos de percusión que, por ser pequenos, non deixan de ser ben interesantes na nosa música tradicional. Será un xeito de mellorar as nosas habilidades manuais, coñecer algún deses instrumentos e se cadra tocar algunha peciña con eles. O obradoiro vai ser de balde para todas as persoas socias de Castiñeiro, e terá un custe de 10€ para persoas non socias. É necesario anotarse para ter unha previsión de asistencia no seguinte correo electrónico da asociación begontina castineiromilenario@hotmail.com
Ao remate do obradoiro haberá uns petiscos e a partir das nove da noite comezará a foliada con catro grupos participantes, os residentes Foliadeir@s do Castro e Treitoira que, como sempre, serán os encargados de romper o xeo e despois teremos ao grupo Pena Viso, Petaticatúa e Xermolos. Ao remate haberá foliada libre ata que o corpo aguante.
O sinxelo é o segundo avance de PAVA 3, o novo álbum da formación liderada por Lucía Aldao, un EP que se publicará en decembro
PAVA, a banda de pop liderada pola poeta e compositora coruñesa Lucía Aldao, vén de publicar nas principais plataformas dixitais O himno da lesión, a súa nova creación. Trátase do segundo e novo avance do que será PAVA 3, o terceiro EP do grupo, e que verá a luz no vindeiro mes de decembro.
O himno da lesión é unha canción en modo supervivencia, unha oda á capacidade de seguir en pé con humor malia todas as tristezas. Podería ser un tema terrible pero a procesión vai por dentro —ou neste caso, por detrás da canción — e a ringleira de dores muta nun retrouso que é un berro. O himno da lesión puido ser un laído pero é un tema definitivamente animoso, con chiscadela verbal incluida.
PAVA é a banda liderada por Lucía Aldao que conta con Analís Guillín na batería, David Santos no baixo e Pablo Silva na guitarra. A poeta e compositora coruñesa é a responsable das melodías e letras dos temas mais o traballo dos arranxos é un labor de equipo ao que se suma Julián Goicoa, tamén produtor da banda.
PAVA é o resultado da evolución de Pava (2021), o primeiro EP de Lucía Aldao, e de Pava 2 (2022), unha segunda incursión que puxo de manifesto a necesidade dunha banda para consolidar o proxecto e ocupar un espazo baleiro no pop galego e en galego. Da boa acollida da proposta dan fe o segundo premio NARF no 2023 e mais o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie no 2024. A banda lanzará o seu EP Pava 3 -do que xa se coñeceCatastro, publicado en maio- a finais deste ano.
A narradora oral, dramaturga, actriz e directora, Carmen Conde estará, este sábado, 30 de novembro, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para contar O que non estaba escrito.
Unha contada onde Carmen falará de curas que se namoran, feixes de millóns en casas de pobres, bebés nados de hortas, mulleres evanxelizadoras do pracer ou o primeiro explorador de buracos negros, entre outros…
Carmen Conde leva 20 anos recollendo, escribindo e contando historias. Percorrendo toda a xeografía galega e conversando nos camiños con centos de persoas que lle legaron xenerosamente anacos marabillosos das súas vidas.
O que non estaba escrito, ten este título porque os relatos que vai contar este sábado non estaban escritos (certo!) mais tamén polo extraoficiais e polo especiais que son! Inspirados en todo canto apañou da oralidade, ficcionados pola propia narradora nunha mestura indistinguíbel entre realidade e imaxinación e devoltos á voz falada, a través de narracións desta sesión para público adulto. Unha escolma en que até a vida máis anónima roza o improbábel e a maior normalidade choca co delirio.
Para asistir a este espectáculo dirixido ao público adulto é necesario facer reserva (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a 2ª Sesión de Curtas, coa proxección de 4 CURTAMETRAXES:ILLA CORDURA, NENA, O MONSTRO E A NENA, IN HALF, continuando así co CICLO MESTRE MATEO que durante o último trimestre do presente ano 2024 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais, longametraxes e curtas) dos XXII PREMIOS MESTRE MATEO.
Esta sétima proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o venres 29 de novembro de 2024, ás 20:00 horas.