The Rapants inicia este venres 24 en Madrid, no Inverfest, a xira de concertos de 2025

O directo que estrearán esta fin de semana na sala But inclúe melloras respecto do show de 2024, coa intención de que o público “goce aínda máis do concerto”

Inverfest, Festa do Queixo, FIV, O Son do Camiño, SonRías Baixas e Caudal Fest son as primeiras confirmacións festivaleiras para este ano, no que os muradáns acompañarán a La Raíz no Coliseum da Coruña e no pavillón da Magdalena de Avilés


La máquina del buen rollo acende de novo o seu motor. Logo dunha pausa para preparar novos temas e mellorar o seu directo, The Rapants iniciará este venres, 24 de xaneiro, a tempada de concertos de 2025, unha xira que levará por título La máquina del buen rollo: cambiamos la rayita del peinado, e coa que os muradáns actuarán en distintos puntos da Península Ibérica. A primeira parada do percorrido é o Inverfest: a banda presentará o seu último disco o día 24 na Sala But de Madrid. Aínda é posible adquirir entradas no espazo web https://inverfest.com/events/the-rapants/

The Rapants aterrará esta fin de semana en Madrid tras unhs meses de pausa, nos que tiveron ocasión de descansar -tras unha intensa xira o ano anterior-, preparar novos temas e, especialmente, mellorar un directo que inclúe cambios con respecto do show presentado no 2024, coa intención de que as persoas asistentes aos concertos “gocen aínda máis” dunha proposta que destaca especialmente pola súa intensidade e conexión co público.

Logo da actuación no Inverfest, as seguintes paradas xa confirmadas pola banda son algunhas das citas musicais máis relevantes e coñecidas de Galicia. É o caso da Festa do Queixo de Arzúa, FIV de Vilalba, O Son do Camiño, SonRías Baixas ou Caudal Fest. Son os primeiros nomes que se coñecen dunha xira coa que a banda visitará novos escenarios. Ademais, os muradáns serán a banda de apertura dos concertos da nova xira de La Raíz, que regresa aos escenarios logo de seis anos de ausencia. Os rapantes abrirán os directos do grupo liderado por Pablo Sánchez nos concertos que estes ofrecerán o 22 marzo na no Coliseum da Coruña (últimas entradas á venda en Ataquilla.com) e o 26 de abril en Avilés, cuxas entradas xa están agotadas.

Primeiras datas confirmadas de La máquina del buen rollo. Tour 2025

24.01 | Inverfest (Sala But, Madrid)
15.03 | Festa do Queixo
22.03 | Xira La Raíz (Coliseum, A Coruña)

25-26.04 | FIV de Vilalba. 

26.04 | Xira La Raíz (Pabellón de La Magdalena, Avilés)

12-14.06 | O Son do Camiño 

02.08 | SonRias Baixas19-20.09 | Caudal Fest

Máis información: www.therapants.es 

20250121-The-Rapants-Nova-xira-2025

Conferencia A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN, de Ana María Iglesias, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a conferencia A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN, impartida por ANA MARÍA IGLESIAS, Doutora en Filoloxía, coa presentación de MARISA BARREIRO.

Esta acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 24 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas.

NOTA-INFORMATIVAANA-M-IGLESIAS

 Exposición FOLIADA PARA UN ‘TEMPUS FUGIT’, con pinturas de María Leal, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de inauguración da Exposición  “FOLIADA PARA UN ‘TEMPUS FUGIT’”, con pinturas de MARÍA LEAL, e coa presentación de MARISA BARREIRO

Esta acto terá lugar na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, o xoves 23 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas.

A exposición permanecerá aberta ata o 27 de febreiro de 2025.

NOTA-INFORMATIVA-EXPO-MARIA-LEAL-

LODE presentará o directo do seu proxecto o 4 de maio na Sala Capitol

O CONCERTO TERÁ LUGAR O DOMINGO 4 DE MAIO CON ENTRADAS Á VENDA ESTE VENRES A PARTIR DAS 12:00H EN WWW.SALACAPITOL.COM

ADEMAIS HOXE DESVELA ‘RECUERDO’, O SEU NOVO SINXELO

LODE arranca o ano con forza anunciando a estrea en directo do seu proxecto e comezo da súa xira, que terá lugar nun dos mellores recintos de concertos de toda Galicia, a sala Capitol de Santiago de Compostela. Desta maneira, o artista presentará a súa novidosa proposta, nunca antes vista no xénero urbano en Galicia, no que será o punto de partida do seu tour de 2025. O domingo 4 de maio o artista naronés subirá ao escenario da Capitol cun espectáculo que combinará a súa versatilidade vocal e musical coa súa destreza no baile, que dotará ao show dunha posta en escena moi diferencial dentro da escena. As entradas para este concerto saen á venda este venres 17 por 10€ en www.salacapitol.com.

Recuerdo’, 5º e novo sinxelo do proxecto, ve hoxe a luz

LODE está de celebración por partida dobre, e segue dando pasos adiante afianzando o seu proxecto co lanzamento de ‘Recuerdo’, un novo reguetón que mestura toques de R&B e flows de hip hop, cunha temática íntima e profundamente persoal, tocando o desamor e a superación. Este tema exerce xa como cuarto adianto do seu seguinte traballo discográfico, que espera ver a luz proximamente.

O artista volve a amosar as súas capacidades para mesturar estilos, collendo os ritmos contaxiosos do reguetón para innovar e saír do establecido mediante elementos melódicos e actitudes doutros xéneros. A letra de ‘Recuerdo’ está infestada de sentimento, como xa é costume en LODE, tratando o desamor dunha maneira moi visceral e sincera coa que moitas persoas poden chegar a sentirse identificadas. Tras mergullarse en estilos como a cumbia, o EDM ou mesmo o afrobeat e pop urbano nos seus anteriores adiantos, o de Narón remarca a súa versatilidade e capacidade de adaptación a cada estilo.

MÁIS DE LODE

LODE é o futuro do xénero urbano. Cun estilo versátil e multidisciplinar, o artista galego está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras o seu éxito en redes sociais e o seu paso por programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, o de Narón presenta un ambicioso proxecto no que conflúen o seu talento como cantante coa posta en escena que desprende grazas ás súas capacidades como bailarín. A súa presenza non pasou desapercibida dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.

Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando o seu novo traballo discográfico, que verá a luz este ano baixo o formato de EP e que conta xa cos adiantos de Cárita de ÁngelTres TragosTKILA e Recuerdo. A presentación do mesmo terá lugar o domingo 4 de maio nun dos mellores recintos de concertos de Galicia, a histórica sala Capitol de Santiago de Compostela. Nel deixará patente a súa versatilidade e capacidade vocal, aos que se lles sumará o seu talento coreográfico e posta en escena, nun espectáculo nunca antes visto no xénero urbano en Galicia.

INFO DO CONCERTO

Domingo, 4 de maio – SANTIAGO DE COMPOSTELA – Sala Capitol

Apertura de portas: 18:30 h.

Concerto: 19:30h.

Prezo: 10€ anticipada / 15€ billeteira

Venda online: www.salacapitol.com

García MC rapéalle á súa nenez en PERMANECE SEMPRE

García MC comeza o ano retratando os seus primeiros anos de vida en ‘Permanece Sempre’, o seu novo sinxelo. O rapeiro ábrese nesta canción para falar da primeira etapa da súa infancia, dende o seu nacemento ata os primeiros anos de colexio. Mantendo sempre as súas raíces musicais e a súa esencia hiphopeira, García olla cara esta etapa da súa vida dende a mirada do seu eu actual e homenaxéaa nos seus versos. Este tema é o terceiro adianto de ‘Sergio Manuel’, o seu novo traballo discográfico que verá a luz proximamente e que terá un claro carácter autobiográfico.

Tras publicar ‘Quen Son Eu?’ xunto a Xisco Feijoó e ‘Aguardiente’ xunto a Julio Maloa (integránte de la Raíz), Ruzzo Mc e Roldán (integrantes de Orishas) e DJ Hazhe,  García MC lanza ‘Permance Sempre’, unha reivindicación da súa infancia manténdose fiel en todo momento ao estilo que o caracteriza. Cunha base de rap clásico composto por Peter Petrowski e producido por Iago Pico, o artista flúe sobre as súas vivencias, incorporando tamén versos poéticos na voz de Alfonso Pexegueiro.

O tema ve a luz xunto cun videoclip dirixido por Marcos Montiel de Kakun Filmes no que inmortaliza os seus primeiros anos de vida. Desta maneira, e tras retratar a súa adolescencia en ‘Quen Son Eu?’ e a súa segunda infancia en ‘Aguardiente’, García MC segue avanzando o que será o seu seguinte EP, artellando así a súa autobiografía sonora e abrindo o ano 2025 que traerá nova música e novos concertos para un dos precursores da cultura hip-hop en Galicia.

MAÍS SOBRE GARCÍA MC

García Mc é un dos grandes referentes da cultura hip-hop en Galicia. O rapeiro galego leva mudando o panorama musical os máis de 25 anos que leva en activo, destacando por levar as súas rimas lonxe das fronteiras galegas con diversas incursións por Latinoamérica, polo afán didáctico e divulgativo que o levou a impartir clases e obradoiros sobre cultura hip-hop e rimas, ou polo seu interese na combinación de xéneros con enfoque multicultural. Así como en numerosos concertos en países como Portugal, Dinamarca, Cuba, Guinea-Bissau ou México, ou na participación en grandes festivais como o SonRías Baixas en 2022 ou o Festival Noroeste da Coruña en 2023.