Un ano máis, o Parque do Pasatempo de Betanzos encherase da mellor música en directo coa celebración dunha nova edición do Festival do Pasatempo. Co galego ben presente, o cartel estará encabezado por artistas da talla de Tanxugueiras, Carlos Núñez, ZETAK, Caamaño&Ameixeiras e Antía Muíño, en dúas xornadas que terán lugar o venres 27 e o sábado 28 de xuño. As entradas sairán á venda o xoves 29 cun prezo promocional de 37€ o abono de dous días (gastos de xestión incluídos) e 24€ a entrada de día (gastos de xestión incluídos) só para os primeiros compradores, que as poderán adquirir en Enterticket e na propia web do festival, www.festivaldopasatempo.gal. As persoas menores de 12 anos terán tamén dispoñibles abonos de dous días por 12€ (gastos de xestión incluídos).
O evento presenta unha forte aposta polo talento galego e polas linguas oficiais do estado, con bandas punteiras en galego e euskera. Propostas para todos os públicos que combinan artistas consagrados, como Tanxugueiras ou Carlos Núñez, con proxectos en vías de consolidación a nivel estatal, que se presentarán en Betanzos con shows completos e diferenciais dentro dos seus respectivos estilos musicais. Festival do Pasatempo propón unha experiencia irrepetible no corazón de Betanzos xuntando nun mesmo evento a mellor música do territorio coa natureza e historia dun recinto icónico.
VENRES 27 DE XUÑO
Os grandes atractivos do venres 27 de xuño serán Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras e ZETAK. Tanxugueiras é o grupo que está desafiando e cambiando o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Pola súa parte, desembarcará no Parque do Pasatempo unha das propostas máis exitosas da música en euskera, ZETAK. O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e a súa propia lingua. Para completar o primeiro dia de festival actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos maiores expoñentes a nivel internacional da nova música tradicional galega. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas.
SÁBADO 28 DE XUÑO
O sábado 28 de xuño destacan os nomes de Carlos Núñez e Antía Muíño. Carlos Núñez é un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Por outro lado, e completando esta segunda xornada, actuará Antía Muíño, que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.
O festival xorde como unha iniciativa para traer a artistas de primeiro nivel a un parque histórico, poñendo en valor a súa categoría de Ben de Interese Cultural. O espazo é un tesouro agochado da historia galega, construído no século XIX polos indianos da zona. A día de hoxe segue sendo un elemento impresionante en vías de restauración, polo que o evento, dende a liña gráfica creada por Rei Zentolo ata as actividades e comunicación do mesmo, tamén visibilizará os procesos de resignificación dun dos espazos máis históricos e culturais da contorna.
O Festival do Pasatempo de Betanzos é un festival promovido pola promotora PlayPlan, artífice de festivais como o SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra, Fumega Fest ou das carreiras artísticas de Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Hugo Guezeta, Sabela ou Vimbio entre moitos outros. Ademais, conta co patrocinio da Axencia Turismo de Galicia, Xunta de Galicia e Xacobeo, e coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos, así como co patrocinio de El Águila.
COÑECE AOS ARTISTAS DO FESTIVAL DO PASATEMPO 2025
Un dos grandes nomes desta edición é Tanxugueiras. O grupo está a desafiar e a cambiar o paradigma musical estatal. Aida, Sabela e Olaia, cun son totalmente diferente pero recoñecible, adaptan a música tradicional galega a estilos actuais para darlle una nova vida. Concertos masivos e históricos, millóns de reproducións, números 1 en vendas e colaboracións cos mellores artistas estatais avalan ao grupo.
Outro dos cabezas de cartel desta edición non é outro que Carlos Núñez, un dos maiores referentes internacionais históricos da música galega. A súa incursión no universo da folktrónica, xunto a produtores e creadoras que están a redefinir os sons da tradición, é outro exemplo da súa visión aberta e innovadora. Ao longo destes anos, Carlos Núñez vendeu máis dun millón de discos, obtendo un Premio Ondas, a Medalla Castelao e a de Galicia, dúas candidaturas en solitario aos Latin Grammy e galardóns arredor do mundo.
Dende Euskal Herría chegará ao Parque do Pasatempo ZETAK, unha das propostas máis exitosas da música en euskera. O navarro integra as tendencias musicais máis actuais ao seu propio universo, aderezándoo con referencias vascas, sonoridades que se relacionan coa súa terra e o propio euskera. Dende o inicio do proxecto, ZETAK provocou un tremor no panorama musical vasco, e evolucionou ata acadar concertos multitudinarios e históricos para a música no seu idioma.
Como parte destacada da nova música tradicional galega actuará Caamaño&Ameixeiras, un dos grandes expoñentes a nivel internacional da mesma. Resignificando a música e o baile de raíz cos sons máis contemporáneos, o dúo está expandindo o seu talento alén das fronteiras galegas. Cunha posta en escena impactante, coidada e atrevida, levan os seus directos a países como Italia, Bélgica, Francia, Portugal, Eslovaquia, República Checa ou Austria. Ademais, veñen de colaborar con artistas da talla de Tanxugueiras, Rodrigo Cuevas ou Fillas de Cassandra.
Completando o cartel desta edición estará Antía Muíño, artista que se converteu nunha das revelacións da nova canción galega. Con “Carta Aberta”, o seu álbum debut, acumulou case 2 millóns de reproducións e foi escollida embaixadora de Spotify España na súa playlist EQUAL, saíndo nas pantallas de Times Square, en Nova York. A súa proposta é unha viaxe entre o jazz-pop, a canción alternativa de autora e a música tradicional, perfectamente guiada pola maxia da súa voz.