Este ano o Día das letras Galegas está dedicado ás Cantareiras e desde Castiñeiro Milenario non podiamos deixar pasar a oportunidade para dedicarlles a Foliada de Inverno (15 de marzo) a esas mulleres, moitas delas anónimas, que foron as responsables de legar á posteridade, un dos grandes tesouros que temos, o inabarcable cancioneiro popular, cheo de coplas e melodías únicas. Por este motivo o obradoiro da Foliada vai estar dedicado ao estudo do xeito de tocar e cantar dos tres lugares das Cantareiras homenaxeadas este ano 2025: Agranzón, Mens e Vila da Igrexa. O obradoiro estará impartido por Roberto Rodríguez, mestre de pandeireta e gran coñecedor do canto e a percusión destas zonas. O obradoiro comezará as seis da tarde e terá unha duración aproximada de dúas horas. O prezo será de 10 euros para persoas non asociadas e de balde para asociadas.
Despois do obradoiro teremos uns petiscos para coller forzas e comezar, arredor das nove, a Foliada de Inverno. Como sempre arrancarán a festa os grupos locais de Foliadeir@s do Castro e Treitoira. A continuación as pandeireteiras de Xaora e Asubíos da Chaira para rematar. Como sempre agradecemos aos grupos convidados a súa disposición para vir tocar e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e ao Concello de Begonte por colaborar para facer esta gran festa na nosa cultura.
Esta foliada vai dedicada a Adolfina e Rosa Casás da Vila da Igrexa; a Eva Castiñeira de Agranzón e a Manuela Lema, Teresa García e Prudencia e Asunción Garrido, as pandeireteiras de Mens e, por suposto, a todas esas mulleres que gardaron e transmitiron a tradición oral da nosa música popular, sen elas, o idioma, a música e o país no que hoxe vivimos non sería o mesmo.
TRÉCOLA PRESENTA ESTE SÁBADO NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA O SEU ESPECTÁCULO DE MONICREQUES DE FÍO THE PICCOLE THEATRE
Este sábado, 8 de marzo, ás 17 hrs, poderemos disfrutar, na Casa-Museo Manuel María, dos monicreques de fío que nos traen Trécola Producións co espectáculo The Piccole Theatre. Un show protagonizado por grandes artistas de madeira e cartón pedra que realizan acrobacias, números musicais, de maxia ou cómicos.
Un espectáculo que sorprenderá, fará rir e participar os asistentes.
A actividade vai dirixida para nenas e nenos entre 4 e 11 anos e para asistir é necesario inscribirse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621
O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade
O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, é o festival de teatro máis destacado da cultura galega en 2024 segundo os seus xestores. O Consello da Cultura Galega ven de publicar o seu Barómetro anual da Cultura Galega, que inclúe música, literatura, audiovisual e artes escénicas, e o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ocupa o posto 31 da clasificación global, como a terceira actividade de artes escénicas mellor valorada e o primeiro festival de teatro da nosa comunidade. O FIOT segue a sumar así recoñecementos, tras ser distinguido o pasado mes de xaneiro como o cuarto mellor proxecto cultural galego de 2024 polo prestixioso ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea.
O BARÓMETRO DA CULTURA GALEGA
Iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, do Consello da cultura Galega (CCG)
O festival O Son do Camiño (12,7%), Manuel Rivas (5,7%), o Culturgal (4,7%), Fillas de Cassandra (4,2%) e a celebración do Día das Letras Galegas (4,1%) son os principais eventos, accións culturais, persoas ou entidades máis destacadas no ámbito da cultura galega en 2024, segundo a percepción das persoas responsables das entidades culturais en Galicia. Así figura no adianto da nova entrega do Barómetro da Cultura Galega, iniciativa realizada polo Observatorio da Cultura Galega, entidade dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que o FIOT ocupa un meritorio posto 31, como primeiro festival de artes escénicas de Galicia.
A clasificación por sectores
Por sectores, o avance do Barómetro da Cultura Galega tamén salienta o bo momento do sector musical, que foi o que máis resposta reuniu nesta edición (57,3%). Dunha banda polo protagonismo dos festivais, que suman un 28,2% do peso total no conxunto entre os que se atopan, o xa mencionado Son do Camiño (12,5%), e outros como o Festival Internacional do Mundo Celta, de Ortigueira (2,5%), o Resurrection Fest (2,3% que duplica o 1,1% da pasada edición), o PortAmérica (1,6%), o Sinsal (1%), o Festival da Luz (1%), Revenidas (0,7%) ou o Festival de Pardiñas de Guitiriz (0,5%). Da outra pola mención individual de formacións e músicos como Fillas de Cassandra, As Tanxugueiras, Baiuca, Carlos Núñez, Sés, Guadi Galego, A Banda da Loba… máis tamén polo papel das bandas de música e os seus certames.
O libro e a literatura ocupan o segundo lugar, co 24,9% das mencións. Os premiados en 2024 como Manuel Rivas ou Chus Pato, destacan canda nomes como Yolanda Castaño, Ledicia Costas, Pedro Feijoo ou Paula Carballeira. O Salón do Libro infantil e Xuvenil de Pontevedra (0,8%), a concesión dos Premios Follas Novas (0,3%) ou o labor editorial de Kalandraka (0,5%) figuran entre os citados.
En terceiro lugar sitúase o audiovisual co 22,7% do total de mencións máis salientables para o ano 2024. Os Premios Mestre Mateo, os Premios Feroz (entregados en Pontevedra) ou o Festival de Cans e filmes que xa apareceran en 2023 como as As Neves, de Sonia Méndez (1,4%), O Corno, de Jaione Camborda (1,3%), Matria, de Álvaro Gago (0,8%), ou As Bestas, de Rodrigo Sorogoyen (0,6%) ou series como Rapa de Jorge Coira (0,8%), a coprodución galego portuguesa Lume (0,3%) ou os traballos de Bambú Producciones (0,5%). Tamén hai espazo para intérpretes que repiten na clasificación como Luis Zahera (2,1%) ou Luis Tosar (1,5%), xunto con nomes novos como Lucía Veiga (0,5%). Entre os espazos de televisión, destaca de forma específica o Dígocho eu da TVG (0,6%).
As artes escénicas sitúanse en quinto lugar, por detrás das institucións da cultura, e acadan un 13,8% das mencións. Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, máis o seu espectáculo Somos criminaise punto final son os máis citados. O FIOT de Carballo (1,1%), a obra Iribarne (0,6%), o Centro Dramático Galego (2,1%) e as compañías Sarabela Teatro (0.7%) e Chévere (0.5%) destacan tamén na clasificación.
O FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO (FIOT)
Máis de tres décadas creando teatro
O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) é un festival que ofrece un programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos máis prestixiosos do teatro actual. Está organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e conta coa colaboración do Concello de Carballo. Pola súa traxectoria, a calidade da programación, a variedade das propostas de intermediación cultural que ofrece e pola súa proxección, o FIOT sitúase como un dos festivais máis importantes de Galicia e referente cultural durante o outono: un mes completo de programación, con máis de 35 espectáculos e ducias de actividades paralelas, converten a Carballo na capital das artes escénicas da comunidade galega.
Desde hai 33 anos, o FIOT dá a coñecer en Carballo o traballo de compañías de referencia e de creadoras emerxentes. Mais, especialmente, busca atraer novos públicos ao teatro. O festival nace en 1992 como espazo para ofrecer unha progrmación de teatro de calidade na comarca de Bergantiños e impulsar unha estrutura creativa arredor das artes escénicas na zona. Desde entón, FIOT é o lugar de encontro entre artistas, compañías e programadoras, e aposta por estimular a creación e o traballo en rede tanto a través da oferta de espazos para residencias artísticas como da implicación, do propio festival, na produción e novos espectáculos, fundamentalmente de compañías galegas.
Nas súas 33 edicións, FIOT contou coa participación das compañías máis relevantes de Galicia e España, ademais do ámbito internacional, outorgando así espazo a numerosas disciplinas, novas linguaxes, xéneros e formatos; ademais de ofrecer estreas absolutas ou no territorio galego. Desde xeito, máis de 350 formacións e artistas presentaron os seus traballos no FIOT, con nomes tan salientables no marco do panorama escénico galego, nacional e internacional coma Blanca Portillo, Pablo Messiez, Rafael Álvarez ‘El Brujo’, Yllana, Ron Lalá, Pont Flotant, Titzina, Kamikaze Producciones, Compañía do Chapitô, Leo Bassi, Grupo Chévere, Timbre 4, Mofa e Befa, Xosé A. Touriñán, Quico Cadaval…
Ao longo da súa traxectoria, diversos recoñecementos acreditaron o intenso traballo do FIOT para achegar as artes escénicas do século XXI á cidadanía e recoñeceron o festival como unha das iniciativas teatrais do noroeste peninsular máis relevantes na actualidade. Entre outras distincións cítanse, ademais da ‘Insignia Cultural’ do ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea como mellor proxecto cultural de Galicia en 2022, o Premio da Cultura Galega 2018 no ámbito das artes escénicas outorgado pola Xunta de Galicia ou o Premio Galego do Ano 2018, entre outros.
O músico vasco participou esta mañá nun Almorzo ON/OFF do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no que conversou coa súa decana sobre a liberdade de expresión
O artista actuará o 15 de marzo no Multiusos Fontes do Sar no marco da xira internacional para celebrar os seus 40 anos de traxectoria musical
O artista vasco Fermin Muguruza participou esta mañá nun encontro coa prensa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O fundador de bandas como Kortatu e Negu Gorriak, que se atopa inmerso na xira mundial de celebración do seu 40º aniversario sobre os escenarios, abordou, da man da decana da entidade, Belén Regueira, a situación da liberdade de expresión no mundo da cultura.
O encontro, aberto ás xornalistas, deu pé a falar tanto do seu concerto en Santiago de Compostela do 15 de marzo (que terá lugar no Multiusos do Sar e no que, segundo avanzou na conversa, contará coa participación de Sés) como para facer unha revisión destes 40 anos a través de dous piares fundamentais na súa música, como son a defensa da lingua e da liberdade de expresión.
O cantante salientou o momento de “emerxencia lingüística” que está a vivir a sociedade, e a necesidade de poñer en valor estratexias que permitan manter vivas e amplificar a presenza de linguas como o galego ou o éuscaro nas rúas. No marco da conversa, Muguruza tamén destacou a “independencia” desta xira, “autoxestionada e sen grandes promotoras detrás”, mais apoiada polo talento local e axentes cos que leva a traballar desde hai décadas; así como persecución que sufriu tanto el coma unha parte do sector cultural nas últimas décadas. “Sempre tivemos que defender a liberdade de expresión. Nun momento no que o neoliberalismo depredador está máis presente ca nunca, esta defensa, especialmente na cultura así coma no xornalismo, é crucial”, aseverou.
Ao fío, Fermin Muguruza apuntou a necesidade de contar con “xornalistas conscientes” nos medios, alonxados de “intereses editoriais”, especialmente nos espazos en conflito ou en causas como Palestina. “O papel do xornalismo é imprescindible. Precisamos que se conte a realidade. As e os xornalistas son os ollos que nos fan ver o que está a acontecer”, sinalou.
Fermin Muguruza
Muguruza é unha das figuras de maior influencia e carisma no panorama musical vasco en diferentes sectores. Comezou a súa carreira musical creando xunto ao seu irmán Iñigo o grupo de música Kortatu. Cando a banda se disolveu, logo da edición do seu último disco exclusivamente en eúscaro, Muguruza formou Negu Gorriak xunto a Iñigo, Kaki Arkarazo, Mikel Txopeitia e Mikel Anestesia. O grupo converteuse nunha das formacións máis importantes da escena dos anos 90. Após a súa disolución, Muguruza iniciou a súa carreira en solitario, tomando como base o reggae e o dub e mesturando ritmos latinos ou elementos do rock, hip hop, funk, soul e drum and bass.
Muguruza colaborou con artistas como Manu Chao, Banda Bassotti, Amparanoia, Tijuana No!, Todos Tus Muertos, Albert Pla, Zebda, Desorden Público, Reincidentes, Angelo Moore de Fishbone, Raúl Refree, Obrint Pas, El Columpio Asesino, Preservation Hall Jazz Band, Toots, U-Roy, Rita Marley, Peret ou decenas de artistas ao longo destas catro décadas.
Ademais, nestes últimos anos, Muguruza ten traballado no mundo do cinema e do documental. Creou unha infinidade de traballos de temática social, entre eles, a serie Next Music Station (2011), que reúne once pezas sobre música árabe para a cadea Al Jazeera, o documental NOLA? Irun meets New Orleans (2015), as películas de animación Black is Beltza (2018) e Black is Beltza II: Ainhoa (2022), esta última finalista dos Premios Goya, ou o filme documental BIDASOA 2018-2023 (2023), entre outros.
Vindeiras datas da xira mundial de Fermin Muguruza
15 de marzo: Santiago de Compostela – Fontes do Sar
21 de marzo: Paris – La Cigale
22 de marzo: Bordeaux – Salle du Grand Parc
28 de marzo: Toulouse – Le Bikini
29 de marzo: Marseille – Espace Julien
11 de abril: Zurich – Rote Fabrik
24 de abril: London – Scala
25 de abril: Dublin – Button Factory
10 de maio Mérida – IFEME
16 de maio: Belin – SO36
20 de maio: Santiago de Chile – Teatro Cariola
22 de maio: Montevideo – Sala del Museo del Carnaval
24 de maio: Buenos Aires – Estadio Obras
28 de maio: Bogotá – Calle 13
31 de maio: México – Skatex (Texcoco)
07 de xuño: Roma – Circolo Concetto Marchesi
14 de xuño: Donostia – Anoeta Estadioa
23 de xullo: Tokio – Radical Music Network
4 de outubro: Iruñea – Nafarroa Arena
Ademais, xa se anunciou a presenza de Fermin nos seguintes festivais.
O artista conseguiu canalizar a súa paixón pola cultura pop e a música nun álbum que te fará bailar, rir e sentir nostalxia a partes iguais.
Prepárate para mergullarte nun universo musical único con “súbete ao EVA”, (ALENDE/Altafonte, 2025), un álbum que captura o espírito dunha xeración conectada e creativa.
Este novo traballo sorprende cunha explosión de hiperpop e ritmos electrónicos, acompañados de letras cheas de referencias a animes icónicos, videoxogos clásicos e modernos e aos memes máis virais de Internet.
Filloas leva xa uns meses adiantándonos o seu novo son, o cal chega ao seu cumio con “súbete ao EVA”. Como adiantos, puidemos escoitar “22 minutos”, con videoclip de Xaime Miranda e “despawn”, un acelerado tema electrónico no que reflexiona acerca dos problemas da súa xeración.
Filloas consegue, grazas ao seu característico vestiario, o atrezzo que o acompaña nos directos e a dirección artística dos seus videoclips, que el mesmo idea, traer á realidade o seu imaxinario.
Filloas presenta unha declaración de intencións, destacando como un dos artistas emerxentes máis inquedos da escena galega.
O movemento Filloas é imparable e así o demostrou sendo o artista gañador do concurso Novos Valores 2024 do Festigal.
Coa festa por bandeira, en directo atoparás autenticidade, diversion e risas.
PRÓXIMOS CONCERTOS FILLOAS
28/02/25 Entroido Rianxeiro, Rianxo
11-14/09/25, Festival Revenidas, Vilaxoán de Arousa