• O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres acolle ao longo de todo o día unha lectura pública da obra de Castelao
  • O resto da programación do festival pódese consultar na web festivalatlantica.gal

A lectura pública Como dicía Castelao que se está a desenvolver hoxe, martes 1 de xullo, no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, na Igrexa de San Domingos de Bonaval, promete deixar unha fonda pegada emocional e colectiva no corazón de Santiago. O acto inaugural da actividade, que se enmarca dentro do XIII Festival Atlántica, contou coas intervencións de Natividad González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Francisco José Prieto Fernández, arcebispo da Diocese compostelá; Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago; e Soledad Felloza, directora do festival, en calidade de condutora do evento.

Unha vez rematada a inauguración, comezaron as lecturas nas que participaron, alén das devanditas autoridades, outras persoas como Ramiro Rodríguez, cónsul da República Oriental do Uruguai, Mercedes Queixas, deputada da área de Cultura do grupo do BNG no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, deputada do grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, Miguel Anxo Seixas, presidente da Fundación Castelao, Xurxo Lobato, académico da Real Academia de Belas Artes, María Xosé Fernández, vicepresidenta do Museo do Pobo Galego, Ángeles Tilve Jar, directora do Museo de Pontevedra, Francisco Oti, secretario da Academia Galega de Teatro ou Cesáreo Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, por citra algúns.

O acto, aberto ao público, está a contar cunha notable afluencia de asistentes que acoden de xeito espontáneo xerando un ambiente de escoita viva e constante ao longo da xornada. As voces da cidadanía anónima mesturaranse ao longo da tarde con otras máis coñecidas da cultura como Faia Díaz, Avelino González, Mónica Caamaño, Vero Rilo, Evaristo Calvo, Víctor Mosqueira, Ángeles Goás ou a propia Soledad Felloza, entre outros nomes que poñerán corpo e emoción aos textos máis emblemáticos de Castelao. E todo desenvolverase atravesado polo mesmo espírito: celebrar a palabra viva como ferramenta de encontro, memoria e transformación.

A lectura pública Como dicía Castelao está organizado polo Festival Atlántica e conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, e coa colaboración do Arcebispado de Santiago de Compostela, a Fundación Castelao e o Museo do Pobo Galego.

FOTO NP: De esq a dereita: Antonio López, Valentín García, Goretti Sanmartín, Rosario Álvarez, José Prieto Fernández, Natividad González e Soledad Felloza (FOTO: Miguel Muñiz)

20250701-NP-Inauguracion-Como-dicia-Castelao-SANTIAGO