15 de xuño: Excursión ao Altar de Adai e taller de modelado 3D (con inscrición)
21 de xuño: Inauguración da exposición
11 e 25 de xullo e 1 de agosto, Visitas guiadas
(Presenza das artistas en lugo: ata o 22 de xuño)
🔹Información da presente residencia artística:
Desde hai unhas semanas o colectivo IVY ( Ida e volta ) formado por Raquel Vázquez e Laura Valdivieso atópase investigando sobre a creación de novas lendas ao redor do Altar de Adai, unha antiga estrutura de pedra con columnas gravadas, oculta entre os bosques de Lugo, vinculada a prácticas de agoiro e simbólicas. Na súa investigación, non só traballan sobre a dimensión material do territorio, tamén sobre os seus solapamentos mitológicos.
🔹Sobre as artistas:
Conformado por Raquel Vázquez e Laura Valdivieso, IDA E VOLTA (IVY) é un colectivo de investigación e experimentación artística fundado entre prácticas analóxicas e dixitais. O seu traballo desmonta e reconfigura narrativas sobre o territorio para repensalas críticamente no contexto dos tempos convulsos actuais. A través do cruzamento entre linguaxes estéticas e metodoloxías especulativas, IVY propón novas formas de ler e habitar as paisaxes contemporáneas.
🔹 Residencias artísticas 2025:
Visión Periférica é o programa de residencias artísticas do espazo de investigación, creación artística e produción cultural contemporánea de Leira Haus para 2025, premiado nacionalmente e financiado por las Axudas INJUVE á creación.
Non ciclo Corzas, penas e transparentes, Leira busca rescatar esas mitoloxías que permaneceron no limiar, reclamando novas formas de ser miradas, narradas e encarnadas.
Visión periférica: rede local de exploración contravisual, á súa vez é unha rede de investigación e creación artística que propón un marco crítico para repensar a construción de imaxinarios territoriais desprazando as visualidades hexemónicas sobre o territorio e as súas existencias, a través das tecnoloxías, o videoarte e as prácticas artísticas colaborativas situadas. Unha mirada desviada aos centros mediales e dixitais, e ao seu confinamento exclusivo aos grandes polos da cultura.
🔹 Seguintes pasos:
-Primeira residente : Marta Valverde (Nigran)
-Segunda residencia: Ida e volta (IVY) Laura Valdivieso e Raquel Vázquez (Vigo e Alacante)
-Terceira residencia: Antía Carreira (Lugo)
-Cuarta: por convocatoria pública nacional, Leira levará a Lugo á bienal artística Internacional THE WRONG
No marco das Residencias Paraíso 2025, impulsadas polo Colectivo RPM, o creador transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene está a traballar na súa proposta Tuerce desde o pasado 22 de maio en Santiago de Compostela
Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias
Tras finalizar a estadía da súa residencia artística na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do CDG, Euyín Eugene ofrecerá este venres, 13 de xuño, ás 20.00 horas, unha mostra aberta do seu traballo en proceso, no mesmo Salón Teatro, en Compostela, con acceso libre ata completar a capacidade da sala
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado por RPM que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
O pasado 22 de maio en Santiago de Compostela, o artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene iniciaba a súa andaina na novena edición das Residencias Paraíso, un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio, promovido polo Colectivo RPM. E o facía na Cidade da Cultura e no Salón Teatro do Centro Dramático Galego, en torno á súa proposta Tuerce.
Tuerce é un proxecto de investigación artística que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.
Agora, unha vez finalizada a súa residencia artística, Euyín Eugene ofrecerá unha mostra aberta do seu traballo en proceso, que terá lugar no mesmo Salón Teatro do CDG en Santiago de Compostela, a velada deste venres, 13 de xuño, a partir das 20.00 horas, con acceso libre ata completar a capacidade da sala. Paralelamente, o creador participará, xunto ao resto de ‘Artistas Paraíso 2025’, nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro na Illa de San Simón.
SOBRE O PROXECTO
Tuerce é un proxecto de investigación artística do artista transmasculino nacido en Venezuela Euyín Eugene que, poñendo a disforia de xénero no centro, propón un espazo de diálogo e exploración expandida a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.
Esta proposta nace coa intención de xerar, a través da creación, espazos para compartir e reflexionar arredor da disforia de xénero coas persoas que a experimentan e desmarcala do estigma para comezar a construír novos rexistros e matices que sirvan non só á comunidade trans, senón tamén á sociedade en xeral.
Que diría a disforia se puidese falar a través dun corpo? pregúntase Euyín, e observa que o corpo trans e non binario, a través da súa experiencia, torce, vira, altera, desvía, mobiliza e permite desnaturalizar o sistema sexo-xénero.
Euyín propón xerar unha peza na que, poñendo o seu corpo no centro, conflúan voces, sons e texturas que evoquen o tránsito dun corpo que decidiu autodeterminarse no medio do sistema sexo-xénero, colaborando en escena con Íren Márquez Dos Santos para a creación das paisaxes sonoras que atravesarán o dispositivo escénico. Interésalle especialmente o papel do público dentro deste dispositivo, xa que, máis que interpelar, busca xerar pontes e abrir preguntas, dialogando co público, tamén atravesado polo mesmo sistema.
SOBRE O ARTISTA
Euyín Eugene é unha persoa transmasculina non binaria, nacida en Petare, Venezuela. É creador visual, escénico e xestor cultural, graduado en Arte Dramática pola Universidade Nacional Experimental das Artes (Caracas). A súa práctica artística centrouse na performance e na creación de espazos para o seu desenvolvemento. Traballa arredor de procesos nos que se entrelazan a experiencia encarnada e os acontecementos políticos e sociais que a atravesan e condicionan. Interésalle colectivizar os procesos e xerar espazos de diálogo. Son temas recorrentes nas súas propostas as relacións de poder, a migración, o xénero e a memoria histórica.
O seu traballo foi programado en diversos espazos e institucións como La Casa Encendida, La Parcería, Juf, Espacio Afro e o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía. Na súa traxectoria como xestor cultural en Madrid, colaborou na creación e coordinación de proxectos con La Parcería, Espacio Afro, Osikán e Madrid Negro.
Pola súa banda, Íren Márquez Dos Santos é une artista e produtore afrodescendente de Madrid que investiga e abraza as formas de resistencia e sanación das comunidades da diáspora a través do son. A súa investigación sonora céntrase no mar e na súa materialidade política, afondando no potencial do son submarino para expor realidades ambientais fracturadas e conflitivas que repercuten nas narrativas históricas coloniais e neocoloniais sobre a superficie da auga.
As súas producións sonoras máis recentes inclúen un espazo sonoro comisionado por Tomboysdontcry e Congregations para Lingua Lunga en Milán (Italia); un espazo sonoro para a versión curta de Más allá de la piel en Conde Duque (Madrid); o obradoiro sonoro Somos ruidos fluyentes para Hablar En Arte e 21Distritos; sesións de DJ para Una fiesta salvaje en Matadero Madrid e para o evento Plurrrii do Jokko Collective, en Foc Barcelona.
MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.
A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc.
Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.
Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.
Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.
O ilustrador Leandro Lamas dálles forma aos contidos de Manuel Gago neste ‘Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia’ que convida a explorar a riqueza da nosa sociedade tradicional
A publicación recolle 34 de seres míticos, tanto figuras espalladas por toda Galicia como outras vinculadas a espazos locais que son menos coñecidas
O mapa poñerase á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero tamén será posible adquirilo por correo
O Mapa de seres máxicos do Reino de Galicia é unha realidade grazas ao Festival Atlántica. Esta celebración da diversidade do imaxinario tradicional galego materialízase no papel grazas ao traballo conxunto de Manuel Gago e Leandro Lamas, responsables dos contidos e das ilustracións, respectivamente. O mapa estará á venda nas funcións do Festival Atlántica en Santiago de Compostela pero calquera persoa interesada poderá adquirilo a través da web festivalatlantica.gal.
Alarbios, urcos, maruxainas, lobishomes, xigantes, xacias, trasnos…, ata completaren unha escolma de trinta e catro personaxes fantásticos, aparecen representados nesta publicación que homenaxea o primeiro mapa do reino de Galicia elaborado por Hernando de Oxea a principios do século XVII.
O mapa inspírase tamén nos cartelóns dos cegos das feiras que, apoiados nas ilustracións, cantaban os seus romances. De feito, chega acompañado dun folleto que explica a historia de cada un dos seres para facilitar o seu uso como soporte para a narración do noso imaxinario tradicional e a exploración do noso territorio nestes novos tempos.
Moitos dos personaxes están asociados ás localidades ou comarcas nas que se recolleron os mitos e outros pertencen ao acervo común de Galicia. O mapa reivindica a riqueza de figuras míticas da tradición oral galega e aposta pola diversidade da súa representación e mais pola recuperación de figuras de noso hoxe desaparecidas da memoria e coñecidas grazas á documentación da Idade Moderna e do século XIX.
O urco, a Santa Compaña, a moura coa tenda e a vella. Na marxe inferior, a coca (cortada)
A Orca vella, as bruxas do Pindo, a raposiña de Morás, o nubeiro e a Raíña Lupa. Na parte inferior, o alarbio (cortado)
OS AUTORES
Manuel Gago é xornalista, escritor e comisario de exposicións. Dirixe culturagalega.gal, a plataforma de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega, e é profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Ten unha ampla traxectoria como divulgador do patrimonio cultural galego.
Leandro Lamas é un dos ilustradores máis coñecidos de Galicia. Cunha traxectoria iniciada a finais dos 90, aborda a pintura e ilustración en cadros, libros, portadas de discos ou murais. O seu singular estilo convérteo nun dos artistas cun estilo máis significativo e querido á hora de representar unha Galicia soñada.
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlanticista. Mantén o seu obxectivo de indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural do Atlántico. Traballa a prol da posta en valor dunha arte escénica amarrada ao territorio, antiga pero adaptada aos tempos, e ampara, xera e difunde unha narrativa integradora, igualitaria e sostible.
Un arboreto vén sendo un espazo natural protexido no que se desenvolven coleccións de árbores e plantas vasculares cunha lóxica paisaxística e con fins pedagóxicos. En Begonte, no lugar de Reiriz, na parroquia de San Vicente de Pena, temos a fortuna de contar, desde o ano 2010, co Arboretum de Galicia.
Despois de falar cos responsables do Arboretum, temos a sorte de poder facer, de xeito excepcional, unha visita guiada o domingo 22 de xuño a partir das 10:30 horas.
A actividade poder durar entre 2 a 3 horas e está indicada, en principio, para todos os públicos., cumprindo sempre as regras do espazo. Para organizar ben a actividade (as prazas son limitadas) cómpre anotarse no noso correo electrónico (castineiromilenario@hotmail.com) ou nas nosas redes sociais.
O documental trata temas tan fundamentais como a invisibilidade e infravaloración das músicas e cantares das mulleres desde unha perspectiva feminista e galeguista. Tamén se afonda no pouso da violencia presente nas letras tradicionais, na remuda xeracional e no machismo “que segue pesando sobre os grupos de pandeireteiras e cantareiras actuais”. Ademais, ponse en cuestión a posibilidade de que a música tradicional funcione como porta de entrada ao galego, “unha lingua fundamental para a nosa cultura”. Neste senso, o documental tamén sitúa o foco no impacto da represión franquista sobre a música de tradición oral feita por mulleres en Galicia, un capítulo escuro da nosa historia que é preciso lembrar e analizar.
A proxección, de balde ata completar aforo, será na Casa da Cultura de Begonte o sábado 21 de xuño ás 19:30 horas.