SonDeSeu leva a Narón este domingo, 2 de xuño, o seu novo directo ‘Entreterras’, no que tamén participan SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira
‘Entreterras’ é un proxecto semiacústico no que as músicas de raíz das artistas de Galicia, Canarias e Portugal transforman por completo o repertorio da orquestra
A cita no Pazo da Cultura de Narón é ás 19.00 horas do día 2 e as entradas pódense adquirir a partir de 12 euros na web do Padroado de Cultura do Concello de Narón
A Orquestra Folk de Galicia Sondeseu presentará na Ferrolterra este domingo, 2 de xuño, Entreterras, o novo proxecto do colectivo. Trátase dun directo especial, en formato semiacústico, que unirá músicas de raíz, de Galicia, Portugal e Canarias. A galega SÉS, o portugués Daniel Pereira Cristo e o canario Hirahi Afonso, todos eles artistas comprometidos coa innovación e o respecto ás músicas tradicionais dos seus territorios, compartirán escenario no Pazo da Cultura de Narón co medio cento de intérpretes que conforman a orquestra. As entradas están dispoñibles a través da páxina web do Padroado de Cultura de Narón.
Entreterras, que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Cultura, é un espectáculo que aposta pola visualización e reivindicación das músicas ibéricas. Preséntase cun rechamante cartel, coroado pola imaxe dun volcán en erupción, un fenómeno que transforma o territorio ao seu paso. Este volcán representa, segundo Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, “a creación e destrución da paisaxe, ao igual que as músicas de SÉS, Hirahi Afonso e Daniel Pereira transforman, dun xeito vibrante e ateigado de luz, o repertorio da orquestra”.
Nesta ocasión, SonDeSeu propón ao público unha viaxe sonora a través dun concerto semiacústico, con arranxos e adaptacións que nacen das creacións de artistas de referencia no eido da música tradicional nos seus territorios. “Escollimos figuras que destacan polo seu compromiso coa cultura de cadanseu lugar e mais pola súa innovación e o seu respecto á tradición tanto á hora de compoñer e producir como de interpretar”, sinala o presidente de SonDeSeu.
Así, desde a voz da cantareira e pandeireteira María Xosé Silvar, SÉS, creadora de himnos que transitan entre a tradición oral e o rock and roll, Entreterras percorre a música da creadora coruñesa para dar paso á discografía doutro grande activista cultural, neste caso do norte de Portugal, como é o cantante e tocador de corda pulsada Daniel Pereira Cristo. Coñecido pola súa destreza co cavaquinho, a súa arte entronca con outro instrumento irmán, dunha costa que –ao igual ca Cabo Verde, Azores ou Madeira– tamén baña o Atlántico: o timple, que nesta ocasión toca o canario Hirahi Afonso quen, con dous discos ás costas, “representa a esa nova xeración de intérpretes excepcionais, cunha narrativa creativa a cabalo entre a tradición e a contemporaneidade”, apunta Pintos.
A posta en relación das músicas e relatos de SÉS, Pereira e Afonso neste Entreterras non é casual. “Seguimos a tecer unha historia que tamén se pode narrar a través das cordas deses instrumentos que viaxaron polo Atlántico levando as tradicións peninsulares e insulares polo mundo adiante”, expón Pinto. Precisamente o director de SonDeSeu salienta o verso Lo puro es la mezcla. La mezcla es lo puro, do último traballo discográfico de Hirahi Afonso, para poñer en valor a confluencia que se dá neste proxecto. Ao cabo, tal e como expón Pintos, “Entreterras é unha mostra máis da mestura e da evolución que están a vivir as músicas de raíz. Tamén a galega”.
CONCERTO ENTRETERRAS EN NARÓN
2 de xuño | 19.00 horas
Pazo da Cultura (Narón)
Entradas: https://www.padroadodecultura.es/gl/espectaculos/evento/entreterras
20240527-NP-Concerto-Entreterras-de-SonDeSeu-NARON