Conferencia “O legado de Dorothé Schubarth na tradición galega”, de Sabela Olivares, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o xoves 14 de decembro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha CONFERENCIA titulada O legado de Dorothé Schubarth na tradición galega”, que será impartida por SABELA OLIVARES, Titulada Superior de Música. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA

Esta será a novena conferencia correspondente ao ciclo MULLERES GALEGAS, poñendo o colofón ao mesmo no que atinxe ao presente ano 2023.

NOTA_INFORMATIVA_sabela-olivares

O ‘Foco Esther F. Carrodeguas’ trae a Santiago de Compostela tres dos traballos máis recentes da dramaturga e actriz galega

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura 2024 acollerá nos próximos meses os espectáculos IRIBARNE, O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas

IRIBARNE, a revisión da figura de Fraga en clave de humor coproducida por ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, chegará ao Auditorio de Galicia o 20 de xaneiro 

As entradas para as tres pezas do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’ están xa á venda tanto na web compostelacultura.gal como na Zona C Punto de Información Cultural

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura do primeiro semestre do 2024 incluirá un ‘Foco Esther F. Carrodeguas’ con tres dos máis recentes traballos que a dramaturga e actriz galega desenvolveu coa compañía ButacaZero. Trátase das pezas IRIBARNEO único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas que se van representar os días 20 de xaneiro, 24 e 25 de maio, respectivamente.

De feito, IRIBARNE vai ser o espectáculo responsable de inaugurar a programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura o 20 de xaneiro no Auditorio de Galicia. Esta revisión da figura de Fraga en clave de humor é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous fundadores da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores propostas escénicas, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. Conta cun texto de Carrodeguas, coa dirección de Xavier Castiñeira e cun elenco conformado Mónica García, Xurxo Cortázar, Anxo Outumuro, Lidia Veiga, Jorge de Arcos e a propia Carrodeguas.

A seguinte cita do foco vai ser o espectáculo unipersoal O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada o 24 de maio no Teatro Principal. Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de auto[non]ficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho da nosa sociedade obsesionada coa fermosura.

O ciclo pecharase coa representación de Rapadas 25 de maio na Igrexa da Universidade. Esta obra nace da necesidade de compartir co público a documentación recadada por Carrodeguas sobre as mulleres rapadas na posguerra civil, no seu intento por escribir unha obra de teatro. A partir destes feitos, a autora investiga arredor do concepto histórico de “rapada”: de Xoana de Arcos ás Femmes tondues (colaboracionistas), de Britney Spears a Jada Pinkett, de blogueiras descoñecidas a modelos internacionais. 

Neste camiño, Carrodeguas chega ata as mulleres que no 2022 se rapan a si mesmas en Ucraína tentando non resultar atractivas a posibles violadores durante a invasión. O elenco de Rapadas está integrado por Esther F. Carrodeguas, Juanma Lodo e Sabela Domínguez.

Alén dos espectáculos, grazas ás actividades #posfunción e #conversando, o público vai ter a oportunidade de dialogar con Carrodeguas e o resto do equipo dos espectáculos e coñecer o proceso de traballo que posibilita a realización das obras. Así, o venres 19 de xaneiro, ás 19 horas, está previsto un #conversando co equipo de Iribarne no Auditorio de Galicia, e ao remate da función d’O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, o 24 de maio no Teatro Principal, está programada unha #posfunción.

SOBRE ESTHER F. CARRODEGUAS
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.

20231205-NP-Foco-Esther-F.-Carrodeguas

Convocatoria DA MAN para selección de emerxentes en danza e acompañamento dos seus procesos

AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago convocan a artistas emerxentes en danza para ser acompañadas durante un novo proceso de creación durante o 2024.

Da Man nace como un proxecto colaborativo de AMARELO Distribución Escénica e Manu Lago apoiado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego para o acompañamento na creación de artistas emerxentes en danza seleccionadas mediante convocatoria cos obxectivos de impulsar novas artistas en danza, promover a creación e dinamizar o mercado con novas linguaxes.

As artistas son acompañadas durante o proceso de creación dunha nova peza a través de titorías de contido administrativo, loxístico, artístico, financieiro e de calquera outra temática que o proceso en concreto requira. Durante este acompañamento se lle trasladan os coñecementos e informacións necesarias para realizar unha produción profesional, búsqueda de residencias e recursos económicos, venda e distribución do espectáculo, redes e circuitos e contactos, etc. 

Bases da convocatoria:  

Que buscamos?
-Unha artista emerxente galega.
-Unha artista emerxente de ámbito nacional. 

Ambas artistas que, sen importar a súa idade, xénero, nin datos biométricos, teñan creados un máximo de 5 espectáculos integrados en circuitos/programacións profesionais e queiran iniciar o proceso de creación dunha nova peza de danza que pode ser en formato tanto de sala como de rúa/non convencional e máximo 2 intérpretes/creadoras.

Que ofrecemos?
1- Un acompañamento 360: facemos un acompañamento en todo o proceso de xestión de compañía, de produción e creación, plan de distribución e calquera outra etapa que contemplen os plans das creadoras.
2- A inclusión da peza no catálogo de AMARELO Distribución Escénica.

Que pedimos?
3 documentos en pdf:
1- Carta de motivación. Máximo 1 páxina.
2- Proxecto no que se mostren as claves da nova creación (formato, equipo, calendario previsto, … e todos os datos que se consideren relevantes).  Máximo 3 páxinas
3- CV con links a traballos anteriores (se os hai). Máximo 2 páxinas.

Onde e cando?
Prazo de recepción de solicitudes: Ata o 22 de decembro de 2023. Envía a documentación a lilian@amarelo.es co asunto Da Man Galega ou Da Man Estatal segundo corresponda.
O día 15 de xaneiro de 2024 publicarase a resolución en redes e web. 

Quen somos:

Lilian Portela – é a directora de AMARELO Distribución Escénica
Lilian Portela inicia o seu camiño nas artes escénicas no ano 2011, traballando en produción, distribución e xestión para distintas compañías de danza, teatro e música.
En 2022 decídese a crear a súa propia empresa e así nace AMARELO Distribución Escénica, un proxecto adicado á distribución nacional e internacional de artes escénicas coa intención de servir de corrente de transmisión entre artistas e programadores e facer chegar ao público espectáculos frescos, atractivos e de calidade.
En AMARELO apostamos por compañías emerxentes e novos valores que comezan a destacar no sector. Poñendo o foco na danza e as novas linguaxes, respaldamos espectáculos que procuren seducir a todo tipo de público.
www.amarelo.es

Manu Lago – é asesor de AMARELO Distribución Escénica e forma parte do equipo de xestión de A Casa Vella e a Plataforma Sólodos.
Máster en Xestión Cultural pola Universitat Oberta de Catalunya (2015), Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2000), Técnico superior en Artes Plásticas pola Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo (2002).
É o creador do Arquivo Online da Danza Contemporánea de Galicia e o catálogo de distribución (2017-2022)  Galicia Danza Contemporánea
Formou parte de proxectos como Festival Abanea, Festival Corpo(a)terra, 6coreógrafas, Paula Quintas Cía, Colectivo Glovo, Pisando Ovos, Matarile Teatro, Teatro Galán, En Pé de Pedra, …
Foi o coordinador de PROPULSA Danza + Paisaxe + Patrimonio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22 e coproduciu o espectáculo Clásicas Desfeitas Vol 3 ca Fundación Cidade da Cultura e Centro Dramático Galego, 2021.
www.manulago.com

Xunta de Galicia. Da Man é un proxecto apoiado pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego – Agadic. 
www.industriasculturais.xunta.gal

TANXUGUEIRAS fai ‘sold out’ no Coliseum da Coruña co seu concerto fin de xira

Tanxugueiras esgotan todas as entradas para “O Derradeiro Diluvio”, o seu concerto de fin de xira no Coliseum da Coruña

Esgotáronse! A dúas semanas aínda para a celebración dunha das datas máis importantes na carreira de Tanxugueiras ata o momento, as artistas conseguiron despachar todas as entradas para asistir ao seu show fin de xira o próximo 16 de decembro no Coliseum da Coruña
 
8.500 asistentes celebrarán e corearán xunto ao trío galego os seus grandes éxitos nesta última parada da súa extensa xira, bautizada co nome de O DERRADEIRO DILUVIO, e serán partícipes dun fito histórico, ao converterse Olaia, Sabela e Aida nas primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto pechado de concertos do noroeste da Península Ibérica. 
 
Este show tan único e especial, para o que a banda e o seu equipo de PlayPlan levan ensaiando dende fai semanas, tal e como foron mostrando nas súas redes sociais, deparará moitas sorpresas e ao escenario subirán un bo feixe de convidados de luxo. Xa confirmaron a súa asistencia Rayden (a quen, á súa vez, elas acompañarán hoxe mesmo na súa despedida no Wizink madrileño), Rozalén, a nominada aos Latin Grammy e aos Premios Goya Valeria Castro, Guadi Galego ou Muerdo. Ademais, o repertorio do concerto incluirá novos temas que se incorporarán ao setlist da nova xira para o 2024. 
 
No que respecta á estrea de nova música, a recta final do 2023 tamén foi moi prolífica para as galegas, que estrearon novos temas con Juancho Marqués (“As que tiñan que estar“), Ruth Lorenzo (“Reina“), e a máis recente, “SANGUE“, xunto a Hard GZ. 

Dios Ke Te Crew celebra este sábado 20 anos de rap en galego sobre os escenarios

O concerto ‘Tremendos Anos 20’, para o que xa non quedan entradas dispoñibles, comezará ás 19.30h na Sala Capitol e continuará na Malatesta até as 05.00h

A cita contará coa colaboración de Hermano L, DJ Mil, High Paw, Grande Amore, Malandrómeda, Boyanka Kostova,  Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Guillerme (Quempallou), Los Rastreadores
, Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Rico Suávez, Ra Velenosa, Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma

Este sábado 2, a partir das 00.00 horas, poderanse escoitar nas principais plataformas dixitais os 20 remixes dos temas de DKTC incluídos no disco-fanzine que a banda edita co gallo da efeméride


Dios Ke Te Crew festexará mañá sábado 2, 20 anos de rap en galego sobre os escenarios. A banda de Ordes celebrará os seus Tremendos Anos 20 cunha xornada maratoniana de directos na que participarán, ademais deles, 18 bandas e solistas do país. A cita comezará ás 19.30 horas na Sala Capitol e estendarase até a madrugada na Sala Malatesta. As entradas para a ocasión esgotáronse hai un mes. 

A festa Tremendos Anos 20 será unha ocasión única para celebrar dúas décadas da escena rap en Galicia. Para iso, DKTC prepara unha “exclusiva cerimonia litúrxica” na que a banda celebrará vinte anos de vida acompañada, como non podería ser doutro xeito, dun “abraiante akelarre musical de amizades”: Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou) subirán ao escenario na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán, previamente e desde as 19.30 horas, Hermano L, High Paw e DJ Mil.

Ao peche da Capitol (00.00 horas), a celebración continuará na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore), que dará paso aos showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Rico Suávez e Ra Velenosa, e tamén aos dj sets de Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma.

Co gallo da efeméride, o público recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas que se corresponden á vez, con 20 novos remixes de temas de Dios Ke Te Crew, feitas por outros tantos produtores musicais. O traballo, editado en formato A5, poderase recoller na Sala Capitol mañá mesmo e contará con QR’s para a escoita directa das versións das cancións de DKTC, que estarán dispoñibles desde as 00.00 horas deste sábado 2 nas principais plataformas dixitais.

HORARIOS ‘TREMENDOS ANOS 20’


SALA CAPITOL

19.30h – Apertura de portas e inicio da ‘Cerimonia litúrxica’ 

19.40h – Dj Mil

20.40h – High Paw

21.15h – Hermano L

22.00h – Dios Ke Te Crew



SALA MALATESTA

00.30h – Los Rastreadores

01.40h –Intervencións divinas’ (Show Cases):

– Rebeliom do Inframundo

– Saibran Yiyi

– Rico Suávez
– Ra Velenosa

 

02.50h – ‘Sesións Divinas’ (Dj sets):

– Chicho Selektor

– Padre Murdock

– Croma

20231201-Axenda-Tremendos-Anos-20