O cantante e compositor actuará nos meses de febreiro e marzo en salas de concertos e teatros de Boiro, Ourense, A Coruña, Lugo, Vigo, Ferrol e Pontevedra; e as entradas están á venda desde hoxe a través das plataformas www.enterticket.es e www.ataquilla.com
Javi Maneiro iniciará no mes de febreiro a xira de presentación do seu último álbum, Un bonito despertar, por teatros e salas de concertos de Galicia. O cantante e compositor dará así a coñecer o seu cuarto disco, publicado a pasada primavera e que agora por fin poderá compartir ao vivo, plenamente, co público galego.
En total serán catro fins de semana nas que Maneiro visitará sete localidades galegas. A xira, que conta co apoio da Xunta de Galicia, comezará o 3 de febreiro en Boiro e, ao día seguinte, o domingo 4, o cantante desprazarase a Ourense. Despois do Entroido, Un bonito despertar presentarase no Playa Club de A Coruña o sábado 17, mentres que na Sala Jagger de Lugo o directo terá lugar o domingo 18. Xa de cara á fin de semana seguinte, Maneiro estará no Master Club de Vigo (sábado 24) e no Centro Torrente Ballester de Ferrol (domingo 25). Finalmente, a xira de inverno pecharase o sábado 2 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra.
Maneiro móstrase “moi ilusionado” por comezar esta serie de directos polas catro provincias logo da presentación oficial que tivo lugar, o pasado mes de xuño, na Sala Capitol. Agora, o cantante poderá compartir co seu público os temas do seu cuarto disco, no que asume tanto a autoría da música coma das letras. Sobre o escenario, Maneiro acompañarase dunha banda conformada por Manu Rey (batería), Pachi Cruz (baixo), Rubén Cores (guitarra), Fernando Calvo (Guitarra) e Iria Iglesias (teclados).
Os billetes (10 euros máis gastos de xestión) para asistir aos concertos de presentación de Un bonito despertarpódense adquirir desde hoxe mesmo a través das plataformas www.enterticket.es (para os directos de Boiro, A Coruña, Lugo e Vigo) e www.ataquilla.com (Ourense, Pontevedra e, proximamente, Ferrol).
Biografía Maneiro
Javi Maneiro é natural da Pobra do Caramiñal, mais reside en Ribeira desde hai 25 anos. Coñecido por ser vocalista de bandas como Heredeiros da Crus e Jabón Blue, no 2014 inicia a súa carreira en solitario, unha traxectoria que compaxinou co seu traballo nunha fábrica de conservas. No 2017 lanza o seu primeiro LP Furtivos e, dous anos despois, o segundo, Acaricia mis arrugas. A capacidade de composición de Maneiro é sorprendente: tan só un ano despois, no 2020, publica un disco acústico en formato videoálbum, Palabras de un desconocido.
No 2021, para celebrar os seus 30 anos na música, comeza a traballar no que será o seu cuarto disco, Un bonito despertar; mais no medio da gravación do disco e da xira con Heredeiros, sufre un accidente cerebrovascular. Logo do seu lanzamento o pasado mes de maio, da presentación ao vivo na Sala Capitol de Santiago no mes de xuño e dunha coidada recuperación ao longo destes meses, Maneiro iniciará o vindeiro 3 de febreiro unha xira de ateigada de vitalidade e entusiasmo polas salas de concertos e teatros de Galicia.
Datas e enlaces das entradas – Xira de presentación Un bonito despertar
03.02.2024Boiro| A Pousada das Galicia Imaxinaria, 22.00 horas 04.02.2024 Ourense| Teatro Principal, 20.00 horas 17.02.2024 A Coruña | Playa Club, 22.30 horas 18.02.2024 Lugo | Sala Jagger, 19.00 horas 24.02.2024 Vigo| Master Club, 22.30 horas 25.02.2024 Ferrol | Centro Torrente Ballester, 19.00 horas 02.03.2024 Pontevedra| Teatro Principal, 22.00 horas
O Auditorio de Galicia acolle este sábado 20 de xaneiro, ás 19.00 horas, o novo espectáculo de ButacaZero, unha revisión da figura de Fraga en clave de humor escrito por Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira
A función enmárcase dentro do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, programa de Compostela Cultura que esta temporada reunirá tres dos máis recentestraballos da dramaturga e actriz coa súa compañía ButacaZero: a mencionada IRIBARNE e as pezas O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada e Rapadas, que se van representar xa no mes de maio
Ademais, o venres 19 de xaneiro, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura
IRIBARNE é unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia
Este sábado, 20 de xaneiro, ás 19.00 h, IRIBARNE, o novo espectáculo de ButacaZero, aterra en Santiago de Compostela, coas entradas xa esgotadas desde hai semanas. Trátase da celebrada revisión da figura de Manuel Fraga Iribarne en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas, con dirección de Xavier Castiñeira. A peza foi estreada con éxito en Galicia a pasada fin de semana, no concello natal do político, Vilalba, con todo o patio de butacas en pé entre aplausos ao finalizar a obra.
A función que chega agora a Santiago enmárcase dentro do ‘Foco Esther F. Carrodeguas’, programa de Compostela Cultura que esta temporada reunirá tres dos máis recentes traballos da dramaturga e actriz coa súa compañía ButacaZero: a mencionada IRIBARNE e as pezas O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada (proposta en primeira persoa na que Carrodeguas se ispe ante o público falando de gordofobia) e Rapadas (lectura performativa sobre as rapadas da Guerra Civil española que acontecerá na Igrexa da USC), que se van representar xa no mes de maio.
Máis aló da función do sábado 20, o venres 19 de xaneiro, ás 19.00h, tamén no Auditorio de Galicia, os artistas ofrecerán un encontro aberto ao público dentro das accións #conversando promovidas por Compostela Cultura (de acceso libre ata completar a capacidade da sala).
Logo da súa celebrada presentación en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo esgotando todas as entradas e acadando o aplauso unánime do público e da crítica, este 2024 IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia-atópase de xira por toda a xeografía galega e numerosas cidades españolas, con datas xa confirmadas en Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia, Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Tomiño, Cangas, Narón, Miranda del Ebro, Bilbao e Vitoria.
IRIBARNEé o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios, pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política.
Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e embarcarse neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.
POSTA EN ESCENA
A montaxe está formulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo, a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.
A posta en escena de IRIBARNEofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga– se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente divertida, moi tola, moi teatral de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, mirando dende aquí e agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que asina o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?
SOBRE A COMPAÑÍA
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.
Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas, case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.
MÁIS INFO:
XIRA IRIBARNE | DATAS CONFIRMADAS
VilalbaESTREA EN GALICIA
Auditorio Municipal Carmen Estévez | sábado 13 xaneiro | 19.00 h
O Festival Sinsal, que se celebra cada verán na illa de San Simón e que promove a produtora viguesa Sinsalaudio, mantense por segundo ano consecutivo como a 2º iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Así, Sinsal acada de novo esta posición manténdose, á vez, como o festival de música de Galicia mellor valorado segundo o informe “Lo mejor de la cultura 2023” da Fundación Contemporánea.
O Festival Sinsal apareceu por vez primeira no informe no ano 2016. Desde entón, sempre permaneceu entre as nove primeiras posicións da lista de Galicia. Cómpre destacar, ademais, que por segundo ano consecutivo é tamén a iniciativa cultural máis destacada da provincia de Pontevedra.
A nivel nacional, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, o Sinsal sube do 15 ao 9º posto da lista, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que reforza en cada nova edición. Precisamente, o pasado mes de outubro, o evento recolleu o Premio Fest 2023 (outorgados pola industria de festivais en España) pola Sostibilidade ambiental.
O informe completo pódese consultar neste enlace. Os directores do festival, Julio Gómez e Luis Campos, están dispoñibles para ofrecer declaracións.
A cita terá lugar o luns 22 de xaneiro ás 19:30 no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda
Trala publicación de Xarfas e A Paga, Alex Pernas (A Coruña, 1986) escribe este novo libro de relatos no que, camiñando da man dos seres e lugares da mitoloxía galega, amosa de novo o máis escuro da condición humana nuns textos nos que nada é o que semella.
A través de diferentes épocas e viaxando entre o urbano e o rural, estas páxinas farán un percorrido por todo o territorio galego escoitando, na propia voz de moitas das protagonistas e cos trazos dialectais que as caracterizan, a realidade que hai detrás dos contos de demos, trasnos, espíritos e meigas.
Este sábado, día 20 de xaneiro, ás 17 h, visíta a Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, TANXARINA, unha compañía de títeres con 40 anos de historia, que nos traerá (público: nenas e nenos a partir de 4 anos e familias) o seu espectáculo TITIRICIRCUS. A peza é un recordo ensoñador e festivo do grande circo de carpa alta e bicolor: a historia de dous traballadores daquel circo que lembran agora con monicreques de fíos as glorias do seu pasado na pista. Nun permanente xogo co público, irán aparecendo os números máis importantes daquel vello circo desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica; o malabarista máis divertido e bailador do mundo… Para asistir ao espectáculo cómpre facer a reserva (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621