O concerto ‘Tremendos Anos 20’, para o que xa non quedan entradas dispoñibles, comezará ás 19.30h na Sala Capitol e continuará na Malatesta até as 05.00h
A cita contará coa colaboración de Hermano L, DJ Mil, High Paw, Grande Amore, Malandrómeda, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Santino, Vituco Neira (Ruxe Ruxe), Guillerme (Quempallou), Los Rastreadores, Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Rico Suávez, Ra Velenosa, Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma
Este sábado 2, a partir das 00.00 horas, poderanse escoitar nas principais plataformas dixitais os 20 remixes dos temas de DKTC incluídos no disco-fanzine que a banda edita co gallo da efeméride
Dios Ke Te Crew festexará mañá sábado 2, 20 anos de rap en galego sobre os escenarios. A banda de Ordes celebrará os seus Tremendos Anos 20 cunha xornada maratoniana de directos na que participarán, ademais deles, 18 bandas e solistas do país. A cita comezará ás 19.30 horas na Sala Capitol e estendarase até a madrugada na Sala Malatesta. As entradas para a ocasión esgotáronse hai un mes.
A festa Tremendos Anos 20 será unha ocasión única para celebrar dúas décadas da escena rap en Galicia. Para iso, DKTC prepara unha “exclusiva cerimonia litúrxica” na que a banda celebrará vinte anos de vida acompañada, como non podería ser doutro xeito, dun “abraiante akelarre musical de amizades”: Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou) subirán ao escenario na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán, previamente e desde as 19.30 horas, Hermano L, High Paw e DJ Mil.
Ao peche da Capitol (00.00 horas), a celebración continuará na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore), que dará paso aos showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Rico Suávez e Ra Velenosa, e tamén aos dj sets de Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma.
Co gallo da efeméride, o público recibirá, como agasallo pola compra da súa entrada, un disco-fanzine de edición exclusiva, formado por 20 ilustracións doutras tantas artistas gráficas que se corresponden á vez, con 20 novos remixes de temas de Dios Ke Te Crew, feitas por outros tantos produtores musicais. O traballo, editado en formato A5, poderase recoller na Sala Capitol mañá mesmo e contará con QR’s para a escoita directa das versións das cancións de DKTC, que estarán dispoñibles desde as 00.00 horas deste sábado 2 nas principais plataformas dixitais.
HORARIOS ‘TREMENDOS ANOS 20’
SALA CAPITOL
19.30h – Apertura de portas e inicio da ‘Cerimonia litúrxica’
19.40h – Dj Mil
20.40h – High Paw
21.15h – Hermano L
22.00h – Dios Ke Te Crew
SALA MALATESTA
00.30h – Los Rastreadores
01.40h – ‘Intervencións divinas’ (Show Cases):
– Rebeliom do Inframundo
– Saibran Yiyi
– Rico Suávez
– Ra Velenosa
02.50h – ‘Sesións Divinas’ (Dj sets):
– Chicho Selektor
– Padre Murdock
– Croma
20231201-Axenda-Tremendos-Anos-20