Elsa Muñiz presenta “Invisible Sadness”, o seu novo single que trata de poñer en valor a saúde mental

“Invisible Sadness” é o nome que recibe o primeiro sinxelo do novo traballo de Elsa Muñiz. A pianista galega retoma a súa carreira cunha mensaxe potente que trata de poñer un altofalante sobre a saúde mental e a falta de medios para tratala. A peza instrumental a piano está acompañada dun relato no que se narran os seus sentimentos e pensamentos con relación a este tema, así como o seu proceso compositivo. Este xénero, do que Elsa é precursora e máxima expoñente, bautizouse como “pianotelling”, e baséase na combinación de pezas instrumentais clásicas a piano e microrrelatos, democratizando así o acceso á música clásica e facilitando o seu entendemento ao público xeral.

Este tema, xunto co seu microrrelato, foron compostos en 2021 tras a morte da actriz Verónica Forqué, un feito que conmocionou ao país e foi obxecto de múltiples debates e coloquios nos medios cunha idea clara, a de que era necesario reforzar os medios dende a sanidade pública para tratala eficazmente. “Invisible Sadness” é unha alegación de empatía cara toda esa xente que está a pasar por malos momentos e á que a artista interpela para tratar de facerlles chegar que non están sós, buscando que se sintan comprendidas e queridas. Para iso, o 20% da recadación xerada polo single irá destinada a Stop Suicidios, unha plataforma de concienciación sobre o suicidio que busca conseguir un plan nacional de prevención e medios á altura para o tratamento de enfermidades mentais.

O novo camiño de Elsa Muñiz comeza con este primeiro sinxelo, que formará parte dun EP que sairá nos próximos meses. Este lanzamento discográfico estará acompañado dunha xira de presentación na que a pianista presentará o seu novo proxecto xunto aos grandes éxitos que a levaron a ser unha referente no seu xénero.

MÁIS SOBRE ELSA MUÑIZ

A vida de Elsa Muñiz é a da pianista que cambiou as tornas, que quixo ver máis aló e que foi quen de reinventarse para atopar unha nova forma de facer máis accesible a música clásica. Coas súas obras superando os dous millóns de escoitas, un libro publicado sobre o xénero musical do que ela é expoñente e varias pezas audiovisuais achegando a música clásica a localizacións insólitas como unha batea, Elsa conságrase como a artista polivalente que vén revolucionar o panorama instrumental clásico. Creadora de atmosferas únicas, delicadas e elegantes, Elsa é capaz de ambientar calqueira evento co seu virtuosismo.

Con máis de seiscentos mil oíntes repartidos ao redor do mundo, máis de dous millóns de escoitas nas súas cancións e concertos en salas nacionais e internacionais, Elsa é, ademais dunha das grandes referentes do seu xénero, unha pioneira. Súa é a autoría do xénero “pianotelling”, onde combinan as instrumentais clásicas para piano e os microrrelatos. Desta forma, o afastamento existente entre o público xeral e a música clásica disípase e faise accesible, democratizando así o entendemento do propio xénero.