Tanxugueiras esgotan todas as entradas para “O Derradeiro Diluvio”, o seu concerto de fin de xira no Coliseum da Coruña

Esgotáronse! A dúas semanas aínda para a celebración dunha das datas máis importantes na carreira de Tanxugueiras ata o momento, as artistas conseguiron despachar todas as entradas para asistir ao seu show fin de xira o próximo 16 de decembro no Coliseum da Coruña
 
8.500 asistentes celebrarán e corearán xunto ao trío galego os seus grandes éxitos nesta última parada da súa extensa xira, bautizada co nome de O DERRADEIRO DILUVIO, e serán partícipes dun fito histórico, ao converterse Olaia, Sabela e Aida nas primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto pechado de concertos do noroeste da Península Ibérica. 
 
Este show tan único e especial, para o que a banda e o seu equipo de PlayPlan levan ensaiando dende fai semanas, tal e como foron mostrando nas súas redes sociais, deparará moitas sorpresas e ao escenario subirán un bo feixe de convidados de luxo. Xa confirmaron a súa asistencia Rayden (a quen, á súa vez, elas acompañarán hoxe mesmo na súa despedida no Wizink madrileño), Rozalén, a nominada aos Latin Grammy e aos Premios Goya Valeria Castro, Guadi Galego ou Muerdo. Ademais, o repertorio do concerto incluirá novos temas que se incorporarán ao setlist da nova xira para o 2024. 
 
No que respecta á estrea de nova música, a recta final do 2023 tamén foi moi prolífica para as galegas, que estrearon novos temas con Juancho Marqués (“As que tiñan que estar“), Ruth Lorenzo (“Reina“), e a máis recente, “SANGUE“, xunto a Hard GZ.