O Teatro Jofre activa a venda de entradas de Síntese Horizonte, o novo directo de Guadi Galego con banda

A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia, cun espectáculo que tamén presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, cuxos billetes xa están esgotados, e o 13 de abril en Pontevedra

Guadi Galego actuará no Teatro Jofre o vindeiro 27 de xaneiro. A cantante e compositora presentará na Ferrolterra o seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Desde esta mañá é posible adquirir as entradas para asistir á cita no recinto ferrolán a través da plataforma en liña www.ataquilla.com.

Guadi Galego quere ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora a través de  Síntese Horizonte. O directo presentarase con tres citas exclusivas nas que se acompañará dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, e que se reunirá especialmente para esta feliz ocasión. Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e un coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez participarán nesta tríade de actuacións, que tamén destacarán tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira, da Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento). 

Síntese Horizonte presentarase, ademais, o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, cuxas entradas se esgotaron en menos de 24 horas desde que saíron á venda, e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan, no que máis da metade das butacas xa están ocupadas. Estes billetes pódense adquirir tamén a través do espazo web www.ataquilla.com

GUADI GALEGO

É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. 

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país,Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.



DATAS SÍNTESE HORIZONTE

26 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Principal de Santiago de Compostela. Entradas esgotadas. 
27 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Jofre de Ferrol. Entradas á venda en www.ataquilla.com 
13 de abril, 20.00 horas – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’. Entradas á venda en www.ataquilla.com

20231213-NP-Guadi-Galego-Sintese-Horizonte-en-Ferrol

Proxección da película-documental JULIA este próximo sábado na Casa-Museo Manuel María

A Casa-Museo Manuel María acolle este próximo sábado, 16 de decembro, ás 19 horas o filme Julia, do director vilalbés Jacobo Lagüela Castro. Após a súa estrea en cinemas en setembro e o seu exitoso percurso internacional por festivais de tres continentes, a película mergúllanos na conmovedora historia dun neto emigrado no Reino Unido e a súa avoa Julia. 

Filmada durante as vacacións de Jacobo Lagüela no concello de Vilalba, o filme non só captura a vida de Julia, senón que tamén resgata arquivos históricos doutros directores que filmaron nos mesmos lugares de Galiza desde os anos vinte até os anos 60. A banda sonora, de Xosé Lois Romero e Aliboria e Baiuca, guía o espectador a través do presente, pasado e futuro, recollendo as últimas vontades da avoa Julia. O seu desexo é claro, que os seus bisnetos comprendan a súa forma de vivir e se esforcen en preservala.

Logo de finalizar o filme, o director manterá un coloquio cos espectadores.

Para ver a película é necesario facer reserva (billete: 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

Trailer de Julia: