HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: SÁBEO

Miguel Díaz, SÁBEO

Sábeo quen treme de medo sen aparente motivo. Unha presenza ameazante que te abanea, que te invade para consumirte. Sábeo quen sofre perda, quen sofre terrible perda, quen de súpeto se ve privado de piar fundamental. Sábeo quen non atopa as bágoas cando as precisa, quen as encontra cando non as chama. Sábeo quen coñece fonda tristura indefinible que non é quen de sacudir. Sabe da dor quen a padece. Cadaquén ao seu encontro de xeito distinto.

Sábeo e coñece os danos un mesmo, os danos que provocan os cambios. Quen o sufriu sabe a que sabe a amargura, a desfeita imparable que nos elimina. Que abate e derruba partes de nós que non volverán. Quen se viu axitado por cruel violencia, sabe o que é afogar en día soleado. Sabe que cando un regresa desa terrible negrura, non o fai sendo quen era.

Ti sabes que o sei. Eu sei que o sabes. E abre o día e un vese empurrado a encetar un bolo, a abrir outro rego, a erguerse coa caída da folla. Un vese irremediablemente empurrado a sorrirlle a un mundo de navallas e caricias, de violencia e pétalos, de despedidas e esperanza.

Elsa Muñiz presenta “Invisible Sadness”, o seu novo single que trata de poñer en valor a saúde mental

“Invisible Sadness” é o nome que recibe o primeiro sinxelo do novo traballo de Elsa Muñiz. A pianista galega retoma a súa carreira cunha mensaxe potente que trata de poñer un altofalante sobre a saúde mental e a falta de medios para tratala. A peza instrumental a piano está acompañada dun relato no que se narran os seus sentimentos e pensamentos con relación a este tema, así como o seu proceso compositivo. Este xénero, do que Elsa é precursora e máxima expoñente, bautizouse como “pianotelling”, e baséase na combinación de pezas instrumentais clásicas a piano e microrrelatos, democratizando así o acceso á música clásica e facilitando o seu entendemento ao público xeral.

Este tema, xunto co seu microrrelato, foron compostos en 2021 tras a morte da actriz Verónica Forqué, un feito que conmocionou ao país e foi obxecto de múltiples debates e coloquios nos medios cunha idea clara, a de que era necesario reforzar os medios dende a sanidade pública para tratala eficazmente. “Invisible Sadness” é unha alegación de empatía cara toda esa xente que está a pasar por malos momentos e á que a artista interpela para tratar de facerlles chegar que non están sós, buscando que se sintan comprendidas e queridas. Para iso, o 20% da recadación xerada polo single irá destinada a Stop Suicidios, unha plataforma de concienciación sobre o suicidio que busca conseguir un plan nacional de prevención e medios á altura para o tratamento de enfermidades mentais.

O novo camiño de Elsa Muñiz comeza con este primeiro sinxelo, que formará parte dun EP que sairá nos próximos meses. Este lanzamento discográfico estará acompañado dunha xira de presentación na que a pianista presentará o seu novo proxecto xunto aos grandes éxitos que a levaron a ser unha referente no seu xénero.

MÁIS SOBRE ELSA MUÑIZ

A vida de Elsa Muñiz é a da pianista que cambiou as tornas, que quixo ver máis aló e que foi quen de reinventarse para atopar unha nova forma de facer máis accesible a música clásica. Coas súas obras superando os dous millóns de escoitas, un libro publicado sobre o xénero musical do que ela é expoñente e varias pezas audiovisuais achegando a música clásica a localizacións insólitas como unha batea, Elsa conságrase como a artista polivalente que vén revolucionar o panorama instrumental clásico. Creadora de atmosferas únicas, delicadas e elegantes, Elsa é capaz de ambientar calqueira evento co seu virtuosismo.

Con máis de seiscentos mil oíntes repartidos ao redor do mundo, máis de dous millóns de escoitas nas súas cancións e concertos en salas nacionais e internacionais, Elsa é, ademais dunha das grandes referentes do seu xénero, unha pioneira. Súa é a autoría do xénero “pianotelling”, onde combinan as instrumentais clásicas para piano e os microrrelatos. Desta forma, o afastamento existente entre o público xeral e a música clásica disípase e faise accesible, democratizando así o entendemento do propio xénero.

Homenaxe a Bernardo García Cendán na Praza da Igrexa de Vilalba

sábado 30 de decembro de 2023, ás 12:30 horas, na Praza da Igrexa de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza a Homenaxe a Bernardo García Cendán no seu XI Cabodano, que terá lugar ao carón da lousa coa inscrición conmemorativa inaugurada o ano pasado (obra do canteiro José Gómez de Bernardo “Pepón”).

NOTA_INFORMATIVA_HOMEANXE-A-BERNARDO-XI

Presentación do libro 1916-1923: O IRMÁN PEÑA NOVO, de Alberte Currás Gato, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o xoves 28 de decembro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro 1916 1923: O IRMÁN PEÑA NOVO do que é autor ALBERTE CURRÁS GATO.

O acto contará co presenza do propio autor do libro, Alberte Currás Gato, e de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.

Esta publicación foi editada polo Instituto de Estudos Chairegos e financiada pola Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

NOTA_INFORMATIVA_ALBERTE-CURRAS

O EMHU vende nun día máis de 13.000 entradas para os espectáculos da súa nova edición

O Encontro Mundial de Humorismo está a piques de pendurar o cartel de “entradas esgotadas” para La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, no Coliseum; ao igual que en citas como Humoris Causa, Esto no es un show ou Mentes peligrosas, das que activa novas funcións

A venda de billetes abriuse onte ás 11 horas e tres dos catro tipos de abonos xa están esgotados; mais aínda é posible adquirir as últimas unidades do nomeado ‘Bueno, de lo bueno, lo mejor’

O Encontro Mundial de Humorismo vén de batir un novo récord na súa recente historia: en tan só 24 horas, o público adquiriu máis de 13.000 entradas para os espectáculos que se poderán ver na súa nova edición, que terá lugar do 25 de abril ao 5 de maio de 2024 na Coruña. Propostas como La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila, Humoris Causa ou Esto no es un show, de Galder Varas, están a piques de pendurar o cartel de “entradas esgotadas”.

O EMHU 2024 activou a venda de billetes onte, venres 22, ás 11.00 horas, a través da páxina www.emhu.es e da plataforma www.ataquilla.com. A alta demanda de entradas en citas como a gala Humoris Causa –na que se xuntarán por primeira vez sobre un escenario Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril- ou Esto no es un show deu pé a apertura de novas funcións nos dous casos; circunstancia que se repite esta mesma mañá, pois o EMHU vén de activar este mediodía unha segunda sesión de Mentes peligrosas, que contará con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.

A boa acollida da programación do EMHU 2024, que conta co apoio de Estrella Galicia, Concello da Coruña e Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, veuse reflictida tamén na importante demanda de abonos. Nas primeiras horas do venres 22, esgotáronse os nomeados ‘Bueno’ (60€), ’Bueno, bueno’ (78€) e ‘Bueno, de lo bueno lo mejor, de lo mejor, lo superior’ (162€). Este sábado 23 unicamente quedan dispoñibles as últimas unidades dos abonos ‘Bueno, de lo bueno, lo mejor’(87€), que inclúe o acceso aos espectáculos Tengo coas para hacer, La nueva normalidad, La ruina, Humoris Causa Fantastic Colofon.

O EMHU é a cita humorística máis relevante de España tanto polo número de espectadores que reúne en cada edición (máis de 15.000 personas no 2023) como polas múltiples funcións e producións propias que ofrece nun único evento. A programación de pago do EMHU 2024 contará con dez espectáculos que terán lugar en cinco recintos culturais. As sedes serán o Coliseum, no que estará Juan Dávila; o Teatro Colón, que acollerá boa parte do programa Celebreixon, Go Home, Esto no es un show, La nueva normalidad, La ruina e a gala de clausura Fantastic Colofon-; o auditorio do Palexco, no que se darán cita as Mentes peligrosas de Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez; a sede de Afundación, na que actuará a arxentina Dalia Gutmann; e o Pazo da Ópera, que acollerá o sábado 4 de maio a gala Humoris Causa.

Durante 11 xornadas, o humor e a improvisación provocarán o sorriso e o deleite do público grazas a algúns dos espectáculos máis seguidos do momento. É o caso de La capital del pecado 2.0, Mentes peligrosas ou Esto no es un show; mais tamén de producións propias como Fantastic Colofon Humoris Causa, citas nas que o EMHU xunta en exclusiva, en cada edición, un elenco de grandes figuras que se atopan, por vez primeira, nun mesmo escenario.

AVANCE PROGRAMACIÓN EMHU 2024

26/04, 21.00h – Coliseum | La capital del pecado 2.0, de Juan Dávila.
27/04, 19.00 e 22.00h – Palexco | Mentes peligrosas. Con Ana Morgade, Carolina Iglesias, Eva Hache e Henar Álvarez.
28/04, 20.00h- Teatro Colón | Celebreixon, de Roberto Vilar.
01/05, 19.30h – Teatro Colón | Go Home. Con David Amor e Josito Porto.
02/05, 20.00 e 22.30h – Teatro Colón | Esto no es un show, de Galder Varas.
03/05, 19.00h – Afundación | Tengo cosas para hacer, de Dalia Gutmann.
03/05, 21.00h – Teatro Colón | La nueva normalidad, de Álex Clavero.
04/05, 12.30h – Teatro Colón | La ruina. Con Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes.
04/05, 19.00 e 22.00h – Pazo da Ópera | Humoris Causa. Con Goyo Jiménez, Leo Harlem, Luis Piedrahita e Sílvia Abril.
05/05, 20.00h – Teatro Colón | Fantastic Colofon. Con As R(H)umorosas (Carmen Méndez, Ledicia Sola e Marta Doviro), David Cepo, Javier Veiga e Xosé. A. Touriñán.

20231223-NP-GAL-EMHU-vende-mais-de-13.000-entradas-nun-dia