Conferencia sobre A VIOLENCIA CONTRA A MULLER NA OBRA DAS ESCRITORAS GALEGAS, de Cris Felpeto, na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza o venres 24 de novembro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha conferencia sobre A VIOLENCIA CONTRA A MULLER NA OBRA DAS ESCRITORAS GALEGAS, que será impartida pola filóloga CRIS FELPETO. Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA

Esta será a oitava conferencia correspondente ao ciclo MULLERES GALEGAS, e nesta ocasión coincide no tempo tamén co DÍA INTERNACIONAL CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS.

NOTA_INFORMATIVA_CRIS

‘Prima Facie’, con Vicky Luengo, gaña o Premio do Público do FIOT

Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo bota o pano da súa 32º edición nun ano no que contou con máis de 14.000 asistentes ao longo das súas 62 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas

O Programa de sala acadou a máxima puntuación da súa historia, 4,49 sobre 5, o que referenda a aposta por unha programación ateigada de diversidade, actualidade e contemporaneidade e que defendeu o teatro social como instrumento de reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación

O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, recibe o recoñecemento como Mellor Espectáculo no Certame Metro Cadrado, mentres que Carlota Mosquera é galardoada co premio é Mellor Interpretación polo espectáculo Ninguén tira fotos nos enterros

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo despide a súa 32ª edición dando conta do Premio do Público 2023. Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas, cuxa estrea en Galicia tivo lugar no FIOT32, foi recoñecido polas e polos asistentes como a proposta máis salientable deste ano, acadando unha puntuación total de 4,75 sobre 5 puntos. A peza, un texto asinado por Suzie Miller e dirixido polo peruano Juan Carlos Fisher, conta coa actriz Vicky Luengo como protagonista absoluta.  

Alén de Prima Facie, tamén obtivo unha puntuación notable Apaga o candil, a coprodución do FIOT coa Compañía Contraproducións sobre o narrador oral Carlos Díaz ‘O Xestal’, que logo da súa estrea absoluta en Carballo inicia o seu percorrido por Galicia; así como La comedia de los errores,producida polo Festival de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, peza que, baixo a dirección de Andrés Lima, Premio Nacional de Teatro 2019, pechou o Programa de sala desta edición. 

Precisamente esta liña de programación do FIOT acadou este outono a puntuación máis alta da súa historia, ao obter 4,49 puntos sobre os 5 posibles. Neste 2023, o Programa de sala (sobre o que o público emite os seus votos desde hai 27 anos) obtivo a puntuación de sobresaínte, o que referenda a excelencia da programación desta edición do festival, nun ano no que, baixo o lema (in)transixentes, o FIOT avogou non só presentar propostas de gran singulariedade e cunha marcada identidade, senón pola  integración, a transversalidade e a defensa do teatro social como instrumento para a reflexión, diálogo sobre a realidade e concienciación. 

Este FIOT32, ademais, foi unha edición na que o festival avanzou no reto da implementación da sustentabilidade, coa incorporación de espectáculos inclusivos, como a estrea absoluta de É meu amigo ou Sexpiertos, esta última en colaboración co programa Camiño Escena Norte; ademais de presentar unha estrea absoluta (Apaga o candil) con tradución á lingua de signos, da man do Centro Dramático Galego, e a creación dun soporte en vídeo con esta tradución, un recurso que acompañará a función na súa xira polo país. 

Ademais de dar a coñecer o Premio do Público 2023, o FIOT tamén dá a coñecer os galardóns do Certame de Micro Escenas Metro Cadrado. Neste caso, O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental, foi o espectáculo mellor valorado polo público, cun 4,63 sobre 5. No eido interpretativo, Carlota Mosquera fíxose co galardón á Mellor Interpretación ao obter un 4,89 sobre 5 polo seu traballo en Ninguén tira fotos nos enterros. 

Máis de 14.500 asistentes 

O Festival Internacional Outono de Teatro 2023 obtivo, ademais, unha excelente resposta por parte do público: máis de 14.000 persoas -de diversas procedencias e idades, tanto da comarca coma doutros puntos de Galicia- asistiron ás funcións ou ás actividades paralelas programadas ao longo desta 32ª edición, celebrada entre o 28 de setembro e o 31 de outubro. Entre elas, ademais, houbo unha importante presenza de profesionais do sector escénico que, un ano mais, acudiu a Carballo. Os 39 espectáculos programados no #FIOT32, que se representaron en 62 funcións (nos ciclos Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa, FIOT en Ruta, Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, Fiotiño, Fioteen), contaron con 7.137 espectadores. sumando así unha ocupación do 93,19% sobre o total posible no programa de exhibición. 

A programación escénica, ademais, completouse con máis de 20 actividades paralelas organizadas polo FIOT ou coa colaboración doutros axentes, nas que participaron máis de 7.480 persoas. É o caso da exposición sobre Carlos Díaz ‘O Xestal’, das xornadas profesionais, das accións teatrais en institutos da comarca da man de Galetatro, do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, da entrega do galardón Xograresa de Outono a Ana Romaní, das sesións de formación da Escola do Espectador nas Ondas, da proxección do documental Hay alguien en el bosque, das emisións ao vivo e gravacións con público de RTVE desde o Pazo da Cultura, do Zoom FIOT (tanto da mostra sobre a iniciativa no 2022, coma a edición deste 2023), do programa do voluntariado ou mesmo dunha ruta  dramatizada de sendeirismo polo espazo vital de O Xestal, que contou con membros da Aula Municipal de Teatro. Todas elas conformaron unha ampla programación paralela que, novamente, deu conta do interese do FIOT pola creación de públicos e da consolidación do seu compromiso pola creación de teatro. 

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo quere agradecer e recoñecer tamén o acompañamento e apoio das 31 institucións, patrocinadoras e entidades colaboradoras que fan posible o desenvolvemento do FIOT e que este ano medraron considerablemente. Ademais de institucións como Concello de Carballo, Xunta de Galicia a través da Agadic, Deputación da Coruña, Ministerio de Cultura y Deporte a través do INAEM e Fundación Luis Calvo Sanz; aos novos patrocinadores do festival, Cafés Lúa, Bodegas Martín Códax e Libraría Brañas; e a Camiño Escena Norte -que este ano seleccionou o FIOT como iniciativa destacada de Galicia-, Escena Galega e RTVE. O festival tamén quere salientar a colaboración dos locais de hostelería de Carballo así como nos 26 espazos nos que se realizaron actividades do programa; das asociacións culturais Alpendre de Oza, Veciños San Salvador, Mulleres Rurais de Sofán ou Senda Nova; e do Centro da Terceira Idade, Centro Dramátigo Galego, Grupo Dimolk, Colectivo RPM, Obradoiro Dual de Emprego do Concello de Carballo, Bodegas Carballo, Radio Nordés – Cadena SER e centros de ensino secundario de Carballo. 

Por último, a dirección do #FIOT32 quere recoñecer especialmente o labor do seu equipo de voluntariado e agradecer a presenza, compromiso e entrega do corazón do FIOT: o seu público.

PALMARÉS FESTIVAL INTERNACIONAL OUTONO DE TEATRO DE CARBALLO 2023

Premio do Público 2023
Prima Facie, de Producciones Teatrales Contemporáneas

VII Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado
Mellor espectáculo: O mundo derrúbase e nós tomamos chocolate, da Compañía Accidental
Mellor interpretación: Carlota Mosquera por Ninguén tira fotos nos enterros, de Carlota Mosquera

20231118-NP-Premio-do-Publico-FIOT32-e-balance

Andanzas do Suso de Lameliña. ROSARIO

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

ROSARIO

Rosario, cansa da monotonía de todos os días e de ser sempre a escrava da casa, sobre a que recaían todas as tarefas domésticas, sen que ninguén llo agradecese, un día botouse  andar polo mundo. Ben, polo mundo é un dicir, xa que non saíu da bisbarra dos Ancares, onde nacera ía para sesenta anos.

Unha tarde calorosa do mes de agosto fixo un atado coa roupa máis decente que tiña e emprendeu viaxe. E para tal efecto arrancou, sen comunicarllo a ninguén, co patinete da súa neta Lauriña. Que desgusto o da nena cando viu que lle faltaba un dos seus xoguetes preferidos!, máis ca cando soubo que a avoa tamén desaparecera. Como chegada a noite, Rosario non aparecía por ningures deron parte a Garda Civil. Pronto se soubo do seu paradeiro, ao ser vista por unha veciña da aldea próxima marchando tan campante e feliz enriba do aparello con rodas. Cando as autoridades se puxeron en contacto con ela, deixou ben claro a súa intención de non retornar ao fogar e de percorrer aldea tras aldea, iso si, sen botarse fora da comarca. Non houbo nada que facer, e a aventureira continuou coa súa viaxe. 

Marido e fillo, viúvo el, foron na súa procura co fin de convencela e ela díxolles que xa non estabamos no tempo da escravitude, que abondo aguantara e que se arranxasen como puidesen; polo único que sentía era pola súa netiña de seis anos.

Agora, Rosario, dous anos despois,  segue de ruta pola bisbarra, parando aquí e acolá; hoxe comendo e durmindo cunha veciña, mañá con outra; hoxe en Donís, mañá en Doiras e ao cabo de tres días en Pedrafita, sempre montada no patinete, cando a estrada o permite ou con el ao lombo.  E ese deambular xa se converteu en algo normal, ata o punto que a xente está desexando que apareza, para convidala. Rosario, xa case vai para tres meses que non te achegas por aquí, e logo que nos contas?, dinlle cando chega a unha casa. E Rosario comeza a relatarlles todas as novas das que tivo coñecemento durante ese tempo de ausencia. Non lles importa que logo, cando chegue a outra lugar, vaia contando asuntos seus. Que todo sexa por poder estar ao corrente dos contos dos de Piornedo ou de Quindous.