100 VOLTAS, proxecto musical liderado por Verónica Codesal, compoñente de IALMA, soará este domingo na Casa-Museo Manuel María

100 VOLTAS, proxecto musical liderardo por Verónica Codesal, soará este domingo, día 12 de novembro, ás 12.30 h, na Casa-Museo Manuel María. A música galaico-belga, que ten as súas orixes familiares en Guitiriz, estará acompañada polo acordeonista belga Didier Laloy e o violinista italiano Damien Chierici. O concerto da Casa-Museo Manuel María será o único concerto, desta nova xira do grupo por Galiza, que se leve a cabo na provincia de Lugo. 

Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (billete 5 euros) no whatsapp 698177621 ou en contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

Teatro do Noroeste presenta o 1 e 2 de decembro a estrea absoluta de ‘As damas de Ferrol’

O espectáculo poderase ver no Teatro Jofre de Ferrol o venres 1 e o sábado 2 de decembro, ás 20.30 horas

‘As damas de Ferrol’ é un texto en clave feminista dirixido por Clara Gayo, protagonizado por Mónica Camaño e Casilda Alfaro, con música orixinal de Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso

Trátase dunha comedia de humor negro a ritmo de jazz onde dúas irmás maiores repasan a súa vida entre disputas e absurdos, cunha morte como trasfondo e coa cidade de Ferrol como protagonista

A lonxeva compañía regresa a Ferrol cunha proposta que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio abrindo agora unha renovada liña de traballo

As entradas para ver ‘As damas de Ferrol’ xa están dispoñibles na plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro


Teatro do Noroeste dá un xiro á súa liña de traballo coa estrea absoluta do espectáculo As damas de Ferrol. A peza poderase ver os días 1 e 2 de decembro, ás 20.30h, no Teatro Jofre de Ferrol. Trátase dun texto en clave feminista, que está dirixido por Clara Gayo e que conta con Mónica Camaño e Casilda Alfaro como protagonistas, con música orixinal firmada por Chefa Alonso, escenografía e vestiario de Carlos Alonso e dramaturxia de Eduardo Alonso. A veterana compañía presenta así unha proposta coa que revisita un dos textos máis senlleiros do seu repertorio, que xa montara hai máis de 20 anos, entón baixo a dirección do propio Eduardo Alonso, abrindo agora unha nova senda estética e escénica.

As damas de Ferrol é unha comedia circular onde se debaten a realidade e a fantasía. Dúas irmás, xa maiores, repasan sobre as táboas a súa vida e amosan unha realidade cruel e implacable… aínda que quizais todo é froito da súa imaxinación. Absurdos e disputas danse a man nunca peza cunha marcada crítica social, na que unha morte e a cidade de Ferrol protagonizan tamén a historia.

Producida por Teatro do Noroeste, trátase dun espectáculo no que a compañía conta cunha directora externa ao fronte, Clara Gayo. Eduardo Alonso asina o texto, protagonizado nesta nova posta en escena por Mónica Camaño e Casilda Alfaro. O equipo complétase cunha escenografía e vestiario a cargo de Carlos Alonso, mentres que Eduardo Alonso é o responsable do deseño de iluminación e a produción é de Eva Alonso.

As entradas para ver As damas de Ferrol están xa dispoñibles a través da plataforma Ataquilla.com e, o mesmo día da función, na billeteira do teatro.

SOBRE O ESPECTÁCULO

As damas de Ferrol é unha comedia onde a realidade e a fantasía debátense por ter a mesma carta de natureza. A liña argumental avanza e retrocede, léase e desléase como un nobelo imaxinario imposible de descifrar. As personaxes son Lourdes e Maruxa, dúas supostas irmás, xa maiores, que falan sobre elas mesmas, sobre a súa situación actual e sobre os acontecementos que as levaron a ela. Pechadas na súa vella casa, debullan a súa realidade que ben pode ser a súa fantasía ou a verdade máis cruel e implacable. Entre elas érguese constantemente a evocación dun home, Manolo, que, disque condicionoulles a vida e elas condicionaron a del até levalo a unha suposta e terrible morte.

Ambas as dúas establecen as súas disputas tratando de comer, ou quizais de devorar, todo o que ante elas sitúase, realidade ou ficción, cunha ansia só posible nos límites da demencia. E como marco infinito, tanto físico como mental, sitúase Ferrol. Unha cidade esfollada, fermento de frustracións, pero tamén xermolo de novas vidas: renacendo sempre das súas desgrazas co seu humor retranqueiro de mil batallas, todas perdidas. 

O jazz será o protagonista do espazo sonoro que acompaña ao espectáculo. O diálogo por veces caótico, por veces melódico, que tradicionalmente establecen os instrumentos neste xénero musical é perfecto para amparar a acción escénica e reforzala, tanto nos momentos de ritmo máis intenso como nos máis íntimos. Sobre el, a compositora Chefa Alonso apunta: “baseadas esencialmente no dúo musical, o mínimo, o agudo e o ferruxento está representado nas texturas sonoras das cordas do kechapi e do contrabaixo, que inspiran motivos musicais abstractos. E engade que “a humanidade da vellez, a desmemoria, o amor e a familia exprésanse en temas máis melódicos e tonais coa dozura da kalimba e a melancolía do saxo soprano”, forxando “ unha música para un texto desapiadado en un mundo sen esperanza”.

SOBRE A COMPAÑÍA

Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada por Luma Gómez e Eduardo Alonso en 1987. Na súa dilatada traxectoria leva producido e distribuído unha gran cantidade de espectáculos. Entre estas pezas atópanse textos clásicos, como Rei LearMacbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; textos máis contemporáneos, como Os xustos, de Albert Camús; de autores galegos, como Historias peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre outros.

Tamén realizou montaxes de textos infantís como Piratas, tamén de Alonso, ou Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño. Outras das súas grandes producións foi o musical Imperial Café Cantante, Vigo 1936, de Eduardo Alonso, que recibiría os Premios María Casares ao mellor texto, mellor escenografía, mellor vestiario, mellor música e mellor iluminación. As súas montaxes Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) Último cowboy alzáronse co Premio Max ao mellor espectáculo en galego nos anos 2008 e 2011, respectivamente.

NP_As-damas-de-Ferrol