Xisco Feijoó despídese da xira ‘Peixe’ con dous concertos finais en Lugo e Vigo

O cantareiro e bailador ofrecerá os derradeiros directos do proxecto o 29 de novembro no auditorio Gustavo Freire e o 1 de decembro no Teatro Afundación; serán citas nas que se acompañará dun feixe de colaboradoras e amizades, celebrando por todo o alto a despedida do espectáculo, que mutará noutra proposta
Peixe foi un reto e un soño. Foi un mundo de aprendizaxes, emocións e vivencias. É o fillo que nunca tiven. Levareino sempre gravado na alma e na pel”, asevera Xisco

Xisco Feijoó soterra Peixe este outono. O cantareiro, instrumentista e bailador despídese da actual xira de presentación do seu primeiro proxecto en solitario por todo o alto. Farao con dous derradeiros directos que terán lugar en Lugo e Vigo os días 29 de novembro e 1 de decembro, respectivamente, e nos que o artista se acompañará tanto da súa banda como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, Andrea Pousa, as pandeireteiras d’O Fiadeiro ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas. 

Cada concerto, ateigado de música, danza e arte, será único e irrepetible. Será a celebración da vida dun proxecto que, a partir do vindeiro ano, se transformará con novas cores e sonoridades. As entradas para estas actuacións, ou “metamorfose do Peixe”, como sinala o artista, xa están á venda nas platataformas www.enterticket.es (Lugo) e www.ataquilla.com (Vigo). 

Xisco Feijoó lanzou Peixe no mes de xullo de 2021. Desde entón o artista, unha das figuras clave na recuperación de música tradicional galega durante as décadas do 80, 90 e primeiros 2000 ofreceu case medio cento de actuacións en localidades das catro provincias galegas, ademais doutros municipios da península, como Madrid, Bilbao, Valencia, Segovia e Plasencia; ou mesmo de Europa, na que temas como Animal ou Caracoles soaron en Xenebra, Munich, Hamburgo, Frankfurt e Varsovia.

Agora, Xisco Feijoó regresa a dúas das cidades galegas que acolleron a presentación de Peixe. Volve para despedir, dun xeito único, un proxecto que marcou todo un fito na súa carreira artística: logo de máis de trinta anos de incesante labor de recuperación etnográfica, nos que recolleu e deu vida a numerosas melodías e ritmos tradicionais, e de colaboracións en numerosos proxectos do país; o artista publicou un traballo discográfico no que ofreceu unha novidosa mirada contemporánea sobre a música tradicional. Dous anos despois, o creador dá a despedida “a un ilusionante proxecto que naceu no cerne da pandemia e que agora tomará novas formas, como parte desa metamorfose que todas e todos os artistas experimentamos grazas ás experiencias vividas”. 

Peixe representou un reto de moitos anos”, sinala Xisco Feijoó, quen asevera que este album fixo que se aproximara “a un mundo e pantone enteiro de emocións, vivencias e aprendizaxes”. “A creación deste disco e do espectáculo foi unha experiencia única, un soño. Peixe é o fillo que nunca tiven e é algo que vou levar gravado na alma e na pel”, di, ainda que advirte que “non meterá os temas na caixa, senón que se transformarán para ter outra vida en futuros espectáculos”. 

Así, este outono Xisco Feijoó di adeus a Peixe tal e como lle deu a benvida: acompañado dun bo feixe de músicas do país e colaboradoras doutros recunchos do mundo. En primeiro lugar, contará cunha numerosa banda conformada por Miryam González, Pipo Alvariño, Galen Fraser, María San Miguel, José Manuel Díaz, Marilú Campos, Antón Pombar e Sandra Costa. En segundo, en cada un dos concertos haberá colaboracións especiais de instrumentistas, cantareiras, bailadores e pandeireteiras.

Así, a primeira das citas chegará o mércores 29 de novembro. Será no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo. Xisco Feijoó acompañarase, a partir das 20.30 horas, tanto da súa banda coma de Laura Burgué (gaita), Branca Villares (voz e percusión), David Vilares (voz), Xabi Iglesias (baile) e as pandeireteiras de Cántigas e Frores. As entradas para esta actuación están dispoñibles en www.enterticket.es 

A derradeira volta para darlle a despedida ao Peixe será na súa cidade, Vigo, e nun recinto moi especial para o creador, que visitou en numerosas ocasións con O Fiadeiro. O venres 1 de decembro, o Teatro Afundación (García Barbón) será o escenario que acolla o directo, a partir das 20.30 horas. Será un festivo e alegre “enterro” do Peixe, unha singular metamorfose na que Xisco sairá ao escenario con artistas como Natalie Haas (cello), Andrea Pousa (voz), Fran Sieira (baile), Luis Lavado (voz), María e Luís Prego (baile), María Vidal (voz e percusión) e das pandeireteiras de O Fiadeiro. As entradas xa están á venda no espazo web www.ataquilla.com

20231110-NP-GAL-Despedida_metamorfose-Peixe

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía

IX Congreso de Poesía Nova. Novas Voces da Poesía

Do 24 de novembro de 2023 ao 25 de novembro de 2023

Co apoio da Deputación da Coruña e CEDRO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza o Congreso de Novas Voces da Poesía os días 24 e 25 de novembro de 2023, que terá lugar no Pazo de Mariñán (Bergondo).

O programa é o seguinte:

Venres 24 de novembro:

– 12.00 Conferencia de prensa na Deputación da Coruña

Tarde

– 16:00 Recepción dos/as congresistas

– 16:15 Inauguración do Congreso

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Os novos públicos da poesía e vínculos con outras artes e soportes
Moderadora: Rosalía Fernández Rial
Relatoras/es: Nuria Vil, Lucía Aldao e O Rabelo

– 18:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Edición, profesionalización. Novos camiños?
Moderadora: Antía Otero
Relatoras/es: Berta Dávila, Alba Cid e Brais Lamela
 
Sábado 25 de novembro
 
Mañá

– 10:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Internacionalización da poesía galega e diálogo con outros sistemas poéticos
Moderador: Eduard Velasco
Relatoras/es: Lara Dopazo Ruibal, Jesús Castro Yáñez e Samuel Solleiro

– 12:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía. Unha visión de xénero e identidades
Moderadora: Andrea Nunes Brións
Relatoras/es: Daniel Asorey, Diana Kurich e Ánxela Lema París
 
Tarde

– 16:30 Mesa redonda (grupo de traballo) Poesía e lingua
Moderadora: Patricia Torrado Queiruga
Relatoras/es: Daniel Irimia, Martiño Maseda e Branca Trigo Cabaleiro

– 19.00 Acto poético-musical. Lois Pérez

Enlace á videoteca da actividade, onde se poden visualizar vídeos coas intervencións d@s poetas participantes no Congreso de Poesía Nova

https://www.aelg.gal/actividades/encontro-de-escritoresas-novosas/2023/11/24/ix-congreso-de-poesia-nova-novas-voces-da-poesia/video

*Información facilitada pola AELG