Guadi Galego presenta Síntese Horizonte, o seu novo directo, con tres concertos exclusivos

Guadi Galego presenta Síntese Horizonte, o seu novo directo, con tres concertos exclusivos nos que se acompañará dunha portentosa banda  

A cantante e compositora regresa aos escenarios galegos tras máis dun ano de ausencia cun espectáculo que presentará o 26 de xaneiro en Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro en Ferrol e o 13 de abril en Pontevedra

As entradas para o directo Síntese Horizonte no Teatro Principal de Santiago están á venda desde hoxe, mentres que as do Teatro Principal de Pontevedra estarán dispoñibles a partir de mañá e as do Jofre nos vindeiros días

Guadi Galego regresa aos escenarios galegos co seu novo espectáculo, Síntese Horizonte, unha proposta expresamente concibida para presentar, ao vivo, sobre as táboas dos teatros de Galicia. Serán tres concertos exclusivos nos que a cantante e compositora, acompañada dunha portentosa banda, ofrecerá en tres datas: o 26 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela, o 27 de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol e o 13 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, no marco do ciclo Resoan. As entradas para a actuación de Guadi Galego en Santiago están á venda en www.compostelacultura.gal, as de Pontevedra poderanse adquirir desde mañá en www.ataquilla.com e as de Ferrol estarán dispoñibles proximamente. 

Logo da Roibén (2022) e dunha simbólica ausencia nos escenarios do país,Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se o pasado mes de setembro presentaba O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre o concepto da madurez e a aceptación da vida, de cara ao inicio do 2024 regresa con Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi Galego pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.

En Síntese Horizonte, Guadi Galego reivindica a firme crenza do poder transformador da música ao vivo. Por iso, para estes tres primeiros exclusivos directos, a artista acompañarase dunha portentosa banda conformada por grandes artistas do país, reunida especialmente para a ocasión. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados) e dun coro conformado por Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Giménez. 

A produción de Síntese Horizonte destaca, tamén, tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolven, desde hai meses, con Guadi Galego baixo a premisa de ofrecer ao público unha experiencia musical única e transformadora.

GUADI GALEGO

 
É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. 

No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén, LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. Este outono lanza o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, pois O.D.A non é só un punto de chegada: marca o inicio dunha nova etapa na carreira da artista.


DATAS SÍNTESE HORIZONTE

26 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Principal de Santiago de Compostela
Entradas en www.compostelacultura.gal
27 de xaneiro, 20.30 horas – Teatro Jofre de Ferrol
Entradas á venda proximamente en www.ataquilla.com 
13 de abril, 20.00 horas – Teatro Principal de Pontevedra. Ciclo ‘Resoan’
Entradas á venda a partir do mércores 29 en www.ataquilla.com

20231128-NP-Guadi-Galego-Sintese-Horizonte

Dios Ke Te Crew publica este sábado 2 un disco-fanzine con 20 remixes e outras tantas ilustracións para celebrar os seus ‘Tremendos Anos 20’ sobre os escenarios

Artistas como Malandrómeda, CRNDS, Juait, Mundo Prestigio ou Grande Amore fan a súa propia revisión de 20 temas de DKTC, que estarán dispoñibles en todas as plataformas dixitais a partir das 00.00 horas do sábado 2 de decembro

As asistentes aos concertos deste sábado 2 na Sala Capitol e Malatesta recibirán agasallo o fanzine, que inclúe ilustracións exclusivas de creadores como Leandro Barea, Lidia Cao, Sekone, Miguel Peralta, Ana Langeheldt ou AL Crego, entre outras sinaturas

As entradas para a celebración dos ‘Tremendos Anos 20’, que terá lugar este sábado 2 entre as 19.00 e as 05.00 horas, están agotadas desde hai semanas

Dios Ke Te Crew festexará o seu viséximo aniversario o vindeiro sábado, 2 de decembro, cunha xornada maratoniana de concertos, mais tamén coa publicación dun disco-fanzine, no que 20 músicos e produtores reinterpretan outros tantos temas da mítica banda galega de rap, ás que tamén dan vida, a través de ilustracións, 20 artistas gráficos. 

Os remixes poderanse escoitar a partir das 00.00h do sábado 2 nas principais plataformas dixitais, mais tamén estarán dispoñibles través dos códigos QR que se inclúen no fanzine, texto editado en formato A5 e agasallo que a banda entregará ao público asistente aos directos da Sala Capitol. O recinto pendurou hai semanas o cartel de “entradas esgotadas” para a celebración das dúas primeiras décadas de DKTC sobre os escenarios.  

Músicos e produtores como Ortiga, Malandrómeda, Javi Fluzo, Grande Amore, Mundo Prestigio, Juait ou CRNDS fixeron novas versións de temas como Vas de verde, Ke traballe o rei, Todo da voltas, Mutant Roll, OG, Amolar ou Danza Maldita; por exemplo. Completan a lista nomes como 2pasos, Padre Murdock, Frank Juxley, DJ Mil, Hermano L, Karma Sound, Nashgul, Terrae, Coio, Figueroa, High Paw, Xurxo Master ou Mou. 

Os vinte temas que se poderán escoitar co gallo da celebración dos Tremendos Anos 20 contarán foron plasmados en ilustracións por outros tantos artistas gráficos de todo o Estado. Así, DKTC completa a súa celebración cos traballos de Maz, Twee Muizen, GR170, Lidia Cao, Nove Noel, Luís Sendón, Ana Langeheldt, Daan Botlek, Daniel Muñoz ‘San’, Xoana Almar, Alba Fabre Sacristán, A.L. Crego, Alegría del Prado, Mr. Difuz, Sortwo, Sokram, Leandro Barea, Sr. X, Miguel Peralta ou Sekone fan a súa propia versión, en imaxes, dos 20 temas que se inclúen neste disco-fanzine. 


FESTA TREMENDOS ANOS 20


Este sábado, 2 de decembro, a banda máis emblemática do hip hop galego celebrará por todo o alto as súas dúas décadas de traxectoria musicalA festa Tremendos Anos 20 preséntase, en palabras de DKTC, como unha ocasión “única” e “irrepetible” que, a modo de “exclusiva cerimonia litúrxica”, festexará vinte anos de vida a través dun “abraiante akelarre musical de amizades”.A banda acompañaranse de artistas como Malandrómeda, Grande Amore, Boyanka Kostova, Leo i Arremecághona, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Santino e Guillerme (Quempallou), con quen compartirán escenario con DKTC na noite do 2 de decembro na Sala Capitol, espazo no que tamén actuarán Hermano L, High Paw e DJ Mil desde as 19.30 horas. 

Os festexos continuarán na Sala Malatesta. Entre as 00.30 e as 05.00 horas, celebrarase o concerto de Los Rastreadores (Ortiga & Grande Amore) e os showcases de Rebeliom do Inframundo, Saibran Yi yi, Ra Velenosa e Rico Suávez, ademais dos dj sets de Chicho Selektor, Padre Murdock e Croma, e outras sorpresas adicionais. 


SOLICITUDE DE ACREDITACIÓNS
O prazo de recepción de solicitudes a través de correo electrónico (lucia.pita@theofficeco.es) rematará o mércores 29 ás 14.00 horas e as acreditacións confirmaranse antes das 14.00 horas do xoves 30. Grazas pola vosa paciencia e atención! 

20231127-DKTC-Disco_Fanzine