O espectáculo “Fabulas e o ladrón de paraugas” e a webserie “Un ronsel de futuro, historias soterradas”, esta fin de semana, na Casa-Museo Manuel María

Esta fin de semana celebraranse dúas actividades na Casa-Museo Manuel María.

A primeira é un espectáculo para nenas e nenos maiores de tres anos e leva por título Fazulas e o ladrón de paraugas. Esta actividade é unha narración oral con monicreques e música que preparou Fran Campos, de Bandullo Azul, e que será o sábado, día 25 de novembro, ás 17 h. Está baseada no libro “O ladrón de paraugas” de Xosé Lueiro e conta a viaxe iniciada por Fazulas, o gato persa de dona Adelaida, na súa teima por saber de que cor é o vento. Para dar resposta a ese misterio, emprenderá unha fantástica aventura, collido da empuñadura dun paraugas.

Para asistir a este espectáculo é necesario facer reserva (billete 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A segunda actividade será o domingo, día 26 de novembro, ás 12.30. Trátase da presentación da webserie Un ronsel de futuro, historias soterradas, un filme de Señor López Producións, que trata de achegar a través do cinema toda a inmensidade dos catro museos que fan parte da Rede Museística provincial de Lugo. A historia de ficción ten o seguinte fío argumental: Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafites de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar, faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos todo encaixará na cabeza de Braulio.

Esta webserie que se presentou nos Cines Númax e en Bos Aires, da man da Universidade Nacional Tres de Febrero, agora preséntase cun formato espectáculo en distintas localidades da provincia de Lugo. A primeira localidade será Outeiro de Rei, e en concreto a Casa-Museo Manuel María, para posteriormente e en próximas datas pasar por Barreiros, O Courel, Sarria, Meira, Lugo…. 

Esta actividade vai dirixida para todos os públicos, é de entrada libre mais é necesario facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Proxección do documental ONDE MÁIS DOE, de Manane Rodríguez, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, coa Área de Cultura Vicepresidencia da Deputación de Lugo e co Concello de Vilalba, organiza a proxección (adiada o pasado mes de outubro) do documental ONDE MÁIS DOE, de Manane Rodríguez, continuando así coa programación do CICLO MESTRE MATEO que durante o ano 2023 bríndanos a oportunidade de poder disfrutar das películas finalistas (documentais e longametraxes) dos XXI PREMIOS MESTRE MATEO. 

Esta sexta proxección terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o DOMINGO 26 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 20:00H.

NOTA_INFORMATIVA_ONDE-MAIS-DOE