ROSARIO
Rosario, cansa da monotonía de todos os días e de ser sempre a escrava da casa, sobre a que recaían todas as tarefas domésticas, sen que ninguén llo agradecese, un día botouse andar polo mundo. Ben, polo mundo é un dicir, xa que non saíu da bisbarra dos Ancares, onde nacera ía para sesenta anos.
Unha tarde calorosa do mes de agosto fixo un atado coa roupa máis decente que tiña e emprendeu viaxe. E para tal efecto arrancou, sen comunicarllo a ninguén, co patinete da súa neta Lauriña. Que desgusto o da nena cando viu que lle faltaba un dos seus xoguetes preferidos!, máis ca cando soubo que a avoa tamén desaparecera. Como chegada a noite, Rosario non aparecía por ningures deron parte a Garda Civil. Pronto se soubo do seu paradeiro, ao ser vista por unha veciña da aldea próxima marchando tan campante e feliz enriba do aparello con rodas. Cando as autoridades se puxeron en contacto con ela, deixou ben claro a súa intención de non retornar ao fogar e de percorrer aldea tras aldea, iso si, sen botarse fora da comarca. Non houbo nada que facer, e a aventureira continuou coa súa viaxe.
Marido e fillo, viúvo el, foron na súa procura co fin de convencela e ela díxolles que xa non estabamos no tempo da escravitude, que abondo aguantara e que se arranxasen como puidesen; polo único que sentía era pola súa netiña de seis anos.
Agora, Rosario, dous anos despois, segue de ruta pola bisbarra, parando aquí e acolá; hoxe comendo e durmindo cunha veciña, mañá con outra; hoxe en Donís, mañá en Doiras e ao cabo de tres días en Pedrafita, sempre montada no patinete, cando a estrada o permite ou con el ao lombo. E ese deambular xa se converteu en algo normal, ata o punto que a xente está desexando que apareza, para convidala. Rosario, xa case vai para tres meses que non te achegas por aquí, e logo que nos contas?, dinlle cando chega a unha casa. E Rosario comeza a relatarlles todas as novas das que tivo coñecemento durante ese tempo de ausencia. Non lles importa que logo, cando chegue a outra lugar, vaia contando asuntos seus. Que todo sexa por poder estar ao corrente dos contos dos de Piornedo ou de Quindous.