Volta Pakolas á Casa-Museo Manuel María, este sábado, día 4 de novembro, ás 17 horas para presentar o seu último traballo “A Ramona pequena vai á lúa”. Cantará e contará a historia de Ramona pequena que a través da máquina do tempo volta á súa infancia, para nos convidar unha nova aventura cantareira e didáctica. Cómpre reservar billete (2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. A actividade vai dirixida para nenas e nenos entre 3 e 10 anos.
A versión libre sobre a comedia de Shakespeare, á vez baseada nunha de Plauto, contará con seis actores en escena, entre eles, Pepón Nieto, Antonio Pagudo e Rulo Pardo- que interpretarán 24 personaxes diferentes
A obra, que se poderá ver mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00h, no Pazo da Cultura de Carballo, coas entradas xa esgotadas, será o ramo do Programa de sala do #FIOT32, cuxa derradeira actividade chegará o 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, despídese coa programación do derradeiro espéctáculo desta 32ª edición. Mañá martes, 31 de outubro, ás 21.00 horas, o Pazo da Cultura acollerá, no marco do Programa de sala, a representación de La comedia de los errores, dirixida polo laureado Andrés Lima. O director, recoñecido, entre outros, con numerosos galardóns Max e co Premio Nacional de Teatro 2019, regresa a Carballo logo da función de Prostitución, que se puido ver no FIOT en pausa de 2020.
La comedia de los errores, producida polo Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo, é unha divertida versión libre da comedia de William Shakespeare, á súa vez baseada nunha obra de Plauto, no que seis excepcionais actores -Pepón Nieto, Antonio Pagudo, Fernando Soto, Rulo Pardo, Avelino Piedad e Estaban Garrido- interpretan un total de 24 personaxes. Enredos e equívocos, encontros e desencontros, débedas, xoias, cruzamentos danse cita nunha comedia ateigada de erros que se producen sen parar ata que o desastre se converte nunha festa que celebra a diversidade.
Nesta peza, Andrés Lima constrúe un vertixinoso xogo teatral no que convidará ao público carballés a poñerse no lugar do outro e cuestionar os límites entre o verdadeiro e o falso. Con esta singular adaptación do texto do bardo inglés, o #FIOT32 pecha unha edición marcada pola diversidade e a excelencia, con voces persoais e singulares e dunha notable calidade artística.
Alén da programación de exhibición, estes días o público todavía pode visitar as exposicións Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’ e Zoom FIOT 2022, situadas no andar -1 e 0, respectivamente, do Pazo da Cultura. Finalmente, a actividade desta edición do #FIOT32 pecharase o vindeiro domingo 12 de novembro coa gala final do XXII Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, na que se dará a coñecer o nome dos grupos gañadores desta proposta escénica radiofónica dirixida, especificamente, ao alumnado de Bergantiños. Os audios quedarán pendurados na web do FIOT, www.fiot.gal, no apartado Onda FIOT.
AXENDA #FIOT32 | 31 DE OUTUBRO
Martes 31, 21.00 horas. Auditorio do Pazo da Cultura La comedia de los errores, do Festival Internacional de Teatro Clásico de Mérida e Mixtolobo
Todos os días, de 16.00 a 21.00 horas. Sala de exposicións do Pazo da Cultura (andar -1) Vida e legado de Carlos ‘O Xestal’
Todos os días, no Pazo da Cultura. Pazo da Cultura (andar 0) Exposición Zoom FIOT 2022
A rúa de casas sen portas, os vans que conducen á ruína interior. Todo o que un xa non quere ser. A ausencia da brasa no medio da cinza. A boca do forno. A boca sen palabras pendentes. Sen o murmurio da esperanza.
Afogados os momentos de corazón emerxido, brincador en melodía. Anegados todos os tempos nos que un pretendeu ser, amar, plantar. Todo disipado. As faragullas dunhas letras nun caderno, testemuñas dun paso insignificante. O home sente, a pedra permanece. Que importa xa. O papel arde, podrece. O home arde, podrece. Que no conxunto axitado se dilúa un, irrelevante, mentres galopa teimuda unha conxunción de tebras, que pode importar. Que pode importar o que nun habite ou o que nas entrañas se forxe para ser desprezado. Insuficiente, nulo. Que pode importar xa a fornada, a leña de xesta, o rascadoiro. Que pode importar a boca do forno, silenciada, abandonada.
O festival, impulsado pola promotora viguesa Sinsalaudio, recolle este ano un segundo premio da industria, logo do recoñemento pola súa Contribución á Igualdadeque se lle outorgou nos Iberian Festival Awards, celebrados en marzo
O festival Sinsal SON Estrella Galicia vén de sumar un novo galardón polo seu traballo a prol da sostibilidade. Os Premios FEST recoñeceron este martes 25 de outubro, durante a gala celebrada no marco do encontro profesional BIME Live & PRO, en Bilbao, o labor de Sinsal no eido do coidado e respecto pola contorna, unha das premisas clave do evento e eixo fundamental de traballo desde hai máis dunha década. O codirector de Sinsal, Luis Campos, recolleu o premio ao festival máis relevante en canto á Sostibilidade Medioambiental.
Trátase do terceiro galardón que consegue Sinsal nos Premios FEST, que recoñecen os mellores festivais celebrados en España da tempada. O primeiro deles chegou no 2015, ano no que foi escollido como o Mellor festival de pequeno formato. Catro anos despois, gañou o Premio FEST 2019 ao Festival máis sostible. Pasados outros catro anos, o sector segue a atopar a proposta de Sinsalaudio como a máis sostible, a nivel medioambiental, do Estado.
Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros máis singulares e coidados do panorama estatal de festivais, celébrase desde o ano 2010 na Illa de San Simón. O evento nace coa intención de ofrecer ao público de todas as idades unha pequena mostra do máis estimulante da creación contemporánea do momento, á vez que promove o coñecemento e posta en valor do patrimonio cultural, natural e histórico da illa. Así, artistas emerxentes da escena galega, nacional e internacional viaxan cada verán até o corazón da Ría de Vigo, nas Rïas Baixas, para presentar as súas propostas, Todas elas conforman un cartel secreto que o público descoñece ata o momento de desembarcar: a filosofía de Sinsal é ofrecer unha proposta especial e única a 800 persoas cada día (o evento desenvólvese en horario diurno), a través dunha experiencia singular na que a auténtica cabeza de cartel do evento é a propia illa de San Simón, declarada Ben de Interese Cultural.
O coidado da illa, tanto no aspecto ambiental -cun impacto mínimo negativo na natureza grazas á aplicación de numerosas políticas sostibles, como a reutilización de materiais, a eliminación total de plásticos ou o consumo de enerxías limpas, por exemplo- como no da conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural -coa promoción de actividades ligadas ao territorio e a realización de propostas paralelas á programación musical durante a celebración do festival-, inciden, precisamente, na intención de Sinsal de contribuír a achegar e promover a sostibilidade como motor de cambio.
Ademais, Sinsal SON Estrella Galicia destaca pola súa aposta pola diversidade cultural, que demostra a través dunha programación aberta a todos os estilos e experiencias, desde os sons máis populares e até a música experimental, pasando pola electrónica, a psicodelia ou mesmo as músicas urbanas. Na recente edición de 2023, pola illa pasaron 26 bandas de 18 países chegadas de Angola, Arxentina, Bélxica, Burkina Faso, Colombia, Corea do Sur, Estados Unidos, Estonia, España, Francia, Holanda, Xapón, Marrocos, Nixeria, Portugal, Reino Unido, Sudán e Uganda. Unha aposta que permite afondar a Sinsal no seu compromiso pola igualdade, tal e como recoñeceron este ano os Iberian Festival Awards (IFA 2023), ao sinalar o Sinsal SON Estrella Galicia como o evento musical de España máis destacado pola súa Contribución á Igualdade: a presenza feminina é moi relevante tanto nas súas propostas musicais (como líderes ou por estar conformadas 100% por mulleres) coma no seu staff ou mesmo na súa programación, que pon o foco na diversidade lingüística de todo o territorio estatal, ademais de atender e visualizar artistas queer.