A cuarta edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das citas audiovisuais da tempada máis senlleiras, Programa na súa cuarta xornada as películas documentais A Foreign Song e No somos nada. O acceso a ambas as dúas proxeccións será de balde, con entrada libre, por orde de chegada, ata completar o aforo.

O programa do venres 17 de marzo iniciarase coa proxección, ás 20.00 h, de A Foreign Song, peza dirixida por César Souto e producida por Matriuska. O documental, inspirado na obra e biografía do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens, obtivo os galardóns á mellor película española e ao mellor director español do FICXixón, certame onde tivo lugar a súa estrea mundial. Tanto o seu director, César Souto, como o produtor Daniel Froiz participarán na presentación no Colón previa á proxección de A Foreign Song.

Algo máis tarde, ás 22.00h, o público poderá gozar de No somos nada, dirixida por Javier Corcuera e con produción de Gael Herrera, Miguel Paredes e Natalia de Ancos. O documental, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk nacional, tivo a súa estrea no Festival de San Sebastián e gañou o Premio do Público no In-Edit Barcelona 202. Os asistentes á proxección no Colón terán a oportunidade de departir con Gael Herrera, produtora executiva, Xaime Barreiro, produtor da película, e Manuel Viqueira, director da parte de animación.

Os equipos de A Foreign Song e No somos nada posarán para os medios mañá venres, ás 19.00 h, no Palco da Música dos Xardíns de Méndez Núñez, e, a continuación, ás 19.30 h, no interior do Teatro Colón. A actividade comezará ás 20.00 h e cada proxección estará precedida por un coloquio guiado polo xornalista especializado Javier Trigales no que participará o equipo do documental presente no Colón.

A Foreign Song de César Souto
Traballou nunha compañía de seguros durante 40 anos. Todos os días erguíase ás 6 e deitábase ás 9. Nos seus días tranquilos non hai peripecias salientables, nin grandes dramas. Ninguén diría que este home de vida ordinaria e aburrida é o autor dunha das obras poéticas máis singulares do século XX. Cando se lle pediu un texto biográfico para presentar a súa obra, o poeta modernista estadounidense Wallace Stevens negouse a escribila. Cría fondamente que a poesía non era persoal e que a voz que estaba detrás dos seus poemas era en realidade a voz dun Outro.

Alguén, ao lonxe, observa as casas idénticas nos arrabaldes solitarios de Estados Unidos. Na cidade dos cartos, onte e hoxe, unha multitude camiña sen descanso. Voces sen rostro len fragmentos das cartas do poeta. Un paxaro de plumas douradas canta unha canción.

No somos nada de Javier Corcuera
Tras anos de silencio, a lendaria banda vasca La Polla Records regresa aos escenarios por sorpresa. Evaristo Páramos, o seu carismático vocalista, anúnciao en rolda de prensa. Os seus milleiros de fans corren a voz e prepáranse para o acontecemento. Evaristo fai memoria desde a súa pel de punk aldeán. O seu relato enrédase con cancións, fotografías, fragmentos de animación e vellos vídeos da banda. Mil e un concertos quedan na lembranza.

20230316-Axenda-SCG-venres-17