Paco Nogueiras actúa co espectáculo “C@nto Contigo” na Casa-Museo Manuel María

Paco Nogueiras chega este sábado á Casa-Museo Manuel María co seu novo espectáculo C@nta Contigo, unha proposta en que fai un percurso por cancións dos seus traballos “Brinca Vai!”, “Radio Bulebule” e “Extra!” e en que procura tirar a nosa lingua a voar de maneira lúdica e divertida. Nestes “grandes éxitos” haberá retrousos e cancións para participarmos activamente, bailando sen complexos e acompañando coa voz, coas palmas e con acenos.

Paco Nogueiras, cos seus instrumentos, percorrerá por un amplo abano de estilos musicais, desde o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias tradicionais.

Por tanto, temos este sábado unha boa oportunidade de cantar coas amigas e amigos nun singular concerto onde a música e o humor transformará o noso auditorio nunha festa moi especial onde todas e todos seremos protagonistas.

Para asistir, como sempre, é necesario realizar reserva previa (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. 

O espectáculo vai destinado para crianzas e público familiar, a partir das 17 horas.

ButacaZero comparte co público o arranque do proceso de creación do seu novo espectáculo IRIBARNE

Coincidindo co centenario do nacemento de Manuel Fraga, ButacaZero comparte co público o arranque do proceso de creación do seu novo espectáculo IRIBARNE

Iribarne é o título da nova peza de teatro político que Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira están a preparar con estrea prevista no 2023

Esta semana, no Teatro Principal de Santiago, terán lugar tres xornadas de traballo creativo e improvisación teatral os días 22, 23 e 24 de novembro

A iniciativa está enmarcada dentro do proxecto ‘Cruces’ de Camino Escena Norte, grazas ao cal a compañía galega acollerá á compañía vasca Hika Teatroa, cuxa directora, Agurtzane Intxaurraga, aportará a súa experiencia escénica ao proxecto ampliando as ferramentas dos creadores galegos

O martes 22 e o mércores 23, coincidindo co centenario do nacemento do político galego, as portas do teatro estarán abertas a aquelas persoas interesadas en coñecer o proceso de creación ou aportar o seu gran de area

A cita será ás 17h, as prazas son limitadas e é preciso inscribirse no e-mail iribarne@butacazero.net 

ButacaZero arranca esta semana unha nova fase dentro da creación da súa nova proposta escénica, Iribarne, unha peza de teatro político que a compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira estreará no 2023.

Iribarne, que está en proceso de creación na actualidade, afondará na figura de Fraga Iribarne tentando comprender o seu impacto no noso presente e tamén na nosa identidade.

Os días 22, 23 e 24 de novembro, con motivo do centenario do nacemento do popularísimo político, ButacaZero deseñará tres xornadas de creación con cinco intérpretes en escena e a colaboración da directora Agurtzane Intxaurraga, da compañía vasca Hika Teatroa. A cita será no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

O intercambio terá lugar grazas ao programa ‘Cruces’, de Camino Escena Norte, que ten por obxectivo favorecer que compañías de diferentes comunidades autónomas do norte de España poidan coñecerse creativamente e trazar lazos de unión.

O público está tamén convidado a formar parte deste proceso. O martes 22 e o mércores 23 de novembro (día do centenario do nacemento de Manuel Fraga) as portas do Teatro Principal de Santiago de Compostela estarán abertas para que cincuenta persoas poidan coñecer o proceso de creación e participar del. As persoas interesadas poden apuntarse no correo iribarne@butacazero.net, indicando cal dos dous días queren participar. A selección establecerase por rigorosa orde de chegada.

Así mesmo, ButacaZero convida ás persoas que o desexen a enviar informacións que consideren relevantes para o proxecto, dende anécdotas persoais a noticias, imaxes, vídeos ou anacos de xornais. A canle para facelo é o mesmo correo electrónico: iribarne@butacazero.net

SOBRE O PROXECTO ESCÉNICO

Iribarne non será un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. O espectáculo parte dunha investigación sobre a súa vida e o seu percorrido político para chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas. A obra está prevista cunha enerxía desbordante, un espírito irreverente e moita ironía -marca da compañía-, con referentes como Ubú rey, de Alfred Harry, ou La imaginación del futuro, do colectivo teatral chileno La Re-sentida.

Iribarne nace da necesidade de descubrir que implicacións ten no noso presente un dos políticos máis populares e interesantes da nosa pre-Transición. A piques de celebrar o centenario do seu nacemento, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira queren facer balance dunha personalidade “particularísima e popularísima” que, en palabras do tándem artístico, “puido ter sucedido a outro galego, Francisco Franco, pero tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas’. Porén, temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores… Ou o mesmísimo PP”.

No seu anhelo de achegarse ao público dun xeito diferente, ButacaZero porá en pé con Iribarne un proxecto de investigación teatral compartido co público para tratar de interpretar a unha das personaxes referentes da política galega e española, que serán compartidas a través das redes sociais da compañía, convidando ao público a participar no proceso de creación colectiva do espectáculo. Nos vindeiros meses terán lugar numerosos eventos, entre eles entrevistas e novas sesións creativas multidisciplinares ou de improvisacións dramatúrxicas das cales nacerá, ao final do proceso, a peza teatral que se estreará no 2023.

SOBRE A COMPAÑÍA

ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín#camiños, Despois das ondas ou 32m2, o tándem sitúase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego, grazas á súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión desde unha mirada crítica e irónica son as claves que definen as súas creacións, que se concretan en dramaturxias feitas a medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.

NP_Iribarne_CENTENARIO_CRUCES_

O circo, a maxia e a danza do espectáculo familiar ‘Inventio’ chegarán a Ourense os días 2 e 3 de decembro

O circo, a maxia e a danza do espectáculo familiar ‘Inventio’ chegarán a Ourense os días 2 e 3 de decembro

  • Esta proposta escénica galega de gran formato inaugurará a tempada de Nadal cun total de tres funcións no Auditorio Municipal
  • Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
  • Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com

A maxia do Nadal chegará por anticipado a Ourense na primeira fin de semana de decembro da man do espectáculo Inventio, que tamén espallará na cidade boas doses de circo, fantasía e danza. Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Auditorio Municipal ourensán entre o venres 2 e o sábado 3 de decembro. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca. 

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Ourense, a xira de Inventio proseguirá por Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221117-Xira-Inventio-OURENSE

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A PONTE

A PONTE, Miguel Díaz

Os principios quedan marxinados na cuneta, como cadáveres desprezados baixo as estrugas.

En aludes abátennos os mesquiños, coas súas palabras violentas.

E nós alleos, aquí ficando ante caldeiros baleiros, dicindo que non á tendencia.

Son sempre os mesmos.

Eles, coas súas caretas riseiras pero merdentas. Co seu cinismo en bandeiras.

Tratando de impor as leis da súa cobiza, da súa pobreza desatada.

Sempre os escuros, coas súas treboadas afiadas, coa repugnancia da ameaza.

Son sempre os mesmos, os miserables.

Odian, manipulan, terxiversan.

Calculan, emporcan, amedrentan.

E ante eles ti mais eu.

Ante eles, irmá, amigo, compañeira.

Ti mais eu, firmes no sentimento honesto, na mirada verdadeira, rexeitando a súa guerra.

Ti mais eu, irmá, amigo, compañeira. Feridos pero coa mirada ergueita.

Coa ponte conxugada. Aínda conxugada entre as nosas beiras.

A ópera electrónica ‘Papagena’ pecha a súa xira de inverno co foco no Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Papagena, inspirada nas persoas-paxaro d’A frauta máxica de Mozart, é un espectáculo con perspectiva de xénero que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica
As vindeiras funcións desta ópera en galego de pequeno formato van ser en Boiro, Bueu e Foz os días 18, 19 e 25 de novembro, respectivamente
Papagena, que rematará a súa xira o 25-N, pretende rachar tamén cos clixés asociados ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público ou o formato

Logo de itinerar por unha ducia de vilas galegas, Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vai pechar a súa xira de inverno con tres funcións enmarcadas nas accións do 25-N. Así, as vindeiras funcións van ser en Boiro este venres 18, en Bueu o sábado 19 e en Foz, coincidindo co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o venres 25 de novembro.

Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada na persoas-paxaro da célebre A frauta máxica de Mozart. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que está a levar a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Concibido para público adulto e adolescente, a trama de Papagena expón unha relación marcada polos celos e o control e narra o proceso que leva ao personaxe interpretado por Esperanza Mara a se liberar da súa cárcere vital. Un dos maiores avances político-social dos últimos tempos, a loita contra o sexismo, é a base para analizar e reescribir a Papagena mozartiana e darlle as ás que lle permitan voar e escapar da gaiola. Hai tamén na ópera de ButacaZero unha mensaxe clara que nas redes sociais da compañía condénsase no cancelo #nonsexaspapageno.

Coas vindeiras funcións en Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro), Papagena vai pechar unha intensa xira de inverno que comezou en setembro en Rianxo e que xa levou a peza ata unha ducia de vilas galegas ao longo do trimestre. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena están dispoñibles na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptouse a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo deste trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. Ademais, a entrada está a ser de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

PAPAGENA BOIRO | Venres 18 de novembro | 21 h | Entrada libre ata completar o aforo
Casa da Cultura ‘Ramón Martínez López’ [Av. da Constitución, 30, Boiro]

PAPAGENA BUEU | Sábado 19 de novembro | 20 h | Entrada libre ata completar o aforo
Centro Social do Mar [Rúa de Montero Ríos, Bueu]

PAPAGENA FOZ | Venres 25 de novembro | 20.30 h | Entrada libre ata completar o aforo
Casa da Cultura [R. de Lugo, 1, Foz]

20221116-NP-ButacaZero-Papagena-25N

Dossier PAPAGENA

Dossier-Papagena