O circo, a maxia e a danza do espectáculo familiar ‘Inventio’ chegarán a Ourense os días 2 e 3 de decembro

O circo, a maxia e a danza do espectáculo familiar ‘Inventio’ chegarán a Ourense os días 2 e 3 de decembro

  • Esta proposta escénica galega de gran formato inaugurará a tempada de Nadal cun total de tres funcións no Auditorio Municipal
  • Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
  • Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com

A maxia do Nadal chegará por anticipado a Ourense na primeira fin de semana de decembro da man do espectáculo Inventio, que tamén espallará na cidade boas doses de circo, fantasía e danza. Esta proposta escénica de gran formato concibida para público familiar brindará un total de tres funcións no Auditorio Municipal ourensán entre o venres 2 e o sábado 3 de decembro. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca. 

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe de doce artistas guiada por un ilusionista comproba que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Ourense, a xira de Inventio proseguirá por Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221117-Xira-Inventio-OURENSE

HENKO. A mirada de Miguel Díaz

HENKO

Miguel Díaz

Título: A PONTE

A PONTE, Miguel Díaz

Os principios quedan marxinados na cuneta, como cadáveres desprezados baixo as estrugas.

En aludes abátennos os mesquiños, coas súas palabras violentas.

E nós alleos, aquí ficando ante caldeiros baleiros, dicindo que non á tendencia.

Son sempre os mesmos.

Eles, coas súas caretas riseiras pero merdentas. Co seu cinismo en bandeiras.

Tratando de impor as leis da súa cobiza, da súa pobreza desatada.

Sempre os escuros, coas súas treboadas afiadas, coa repugnancia da ameaza.

Son sempre os mesmos, os miserables.

Odian, manipulan, terxiversan.

Calculan, emporcan, amedrentan.

E ante eles ti mais eu.

Ante eles, irmá, amigo, compañeira.

Ti mais eu, firmes no sentimento honesto, na mirada verdadeira, rexeitando a súa guerra.

Ti mais eu, irmá, amigo, compañeira. Feridos pero coa mirada ergueita.

Coa ponte conxugada. Aínda conxugada entre as nosas beiras.