O IESCHA, dentro do ciclo PREMIOS MESTRE MATETO, organiza a proxección da longametraxe TRES, de Juanjo Giménez, que terá lugar o sábado 19 de novembro de 2022, ás 20:00 h. no Auditorio Municipal de Vilalba.
Chega a Pontevedra Inventio, un espectáculo para todos os públicos inspirado no universo Xacobeo
Trátase dunha proposta escénica galega de gran formato concibida para a diversión de toda a familia que mestura circo, maxia e danza
Inventio brindará ata cinco funcións no Auditorio Sede Afundación Pontevedra entre os días 11 e 13 de novembro e os billetes están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com
O espectáculo está a desenvolver unha intensa xira por España e Portugal que durará ata mediados de xaneiro do 2023
Xa está todo listo para o desembarco do espectáculo familiar Inventiono Auditorio Sede Afundación Pontevedra esta fin de semana. Esta proposta escénica de gran formato que mestura circo, maxia e danza brindará ata cinco funcións entre o venres 11 e o domingo 13 de novembro. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xosé e os menores de dous anos non pagan sempre que non ocupen butaca. Inventio chega a Pontevedra logo da boa acollida recibida no seu paso por Ferrol, Santiago, Salamanca e mais Lugo.
Inventio é un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
Logo do seu paso por Pontevedra, a xira de Inventio proseguirá por Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.
PARAÍSO CANTO, en concerto, este sábado, 12 de novembro, ás 20 horas na Casa-Museo Manuel María
Martiño Malleiro e Gabi Reboredo, PARAÍSO CANTO, parten da música de tradición oral galega, procurando un son persoal con arranxos propios, e experimentando tamén con outras sonoridades do mundo.
A persoal e expresiva voz de Gabi xunto ao latir dos seus pandeiros é acompañada con gusto e delicadeza polos clarinetes baixo e soprano e mais polo acordeón cromático de Martiño. Deixámosvos aquí dúas mostras:
O seu canto é un canto comunitario. O canto do pobo, ese legado marabilloso que nos acompaña sempre: na casa, na aldea, nas tabernas… E eles lévano ao palco deixando que se transforme procurando un son minimalista, mais cun repertorio diverso e emocionante.
Para asistir ao concerto é necesario facer reserva (o prezo do billete é de 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
Aproveitar este correo para vos comunicar que o sábado, 19 de novembro, á mesma hora, 20 hrs, teremos a posibilidade de desfrutar con Uxía e Germán Díaz que virán presentar un traballo de Alalás e cantigas do Camiño. Para este concerto que vos iremos informando nos próximos días tamén será necesario facer reserva.