por martinho | Nov 21, 2022 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Paco Nogueiras chega este sábado á Casa-Museo Manuel María co seu novo espectáculo C@nta Contigo, unha proposta en que fai un percurso por cancións dos seus traballos “Brinca Vai!”, “Radio Bulebule” e “Extra!” e en que procura tirar a nosa lingua a voar de maneira lúdica e divertida. Nestes “grandes éxitos” haberá retrousos e cancións para participarmos activamente, bailando sen complexos e acompañando coa voz, coas palmas e con acenos.
Paco Nogueiras, cos seus instrumentos, percorrerá por un amplo abano de estilos musicais, desde o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, sen esquecer as influencias tradicionais.
Por tanto, temos este sábado unha boa oportunidade de cantar coas amigas e amigos nun singular concerto onde a música e o humor transformará o noso auditorio nunha festa moi especial onde todas e todos seremos protagonistas.
Para asistir, como sempre, é necesario realizar reserva previa (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.
O espectáculo vai destinado para crianzas e público familiar, a partir das 17 horas.
por martinho | Nov 21, 2022 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
Coincidindo co centenario do nacemento de Manuel Fraga, ButacaZero comparte co público o arranque do proceso de creación do seu novo espectáculo IRIBARNE
Iribarne é o título da nova peza de teatro político que Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira están a preparar con estrea prevista no 2023
Esta semana, no Teatro Principal de Santiago, terán lugar tres xornadas de traballo creativo e improvisación teatral os días 22, 23 e 24 de novembro
A iniciativa está enmarcada dentro do proxecto ‘Cruces’ de Camino Escena Norte, grazas ao cal a compañía galega acollerá á compañía vasca Hika Teatroa, cuxa directora, Agurtzane Intxaurraga, aportará a súa experiencia escénica ao proxecto ampliando as ferramentas dos creadores galegos
O martes 22 e o mércores 23, coincidindo co centenario do nacemento do político galego, as portas do teatro estarán abertas a aquelas persoas interesadas en coñecer o proceso de creación ou aportar o seu gran de area
A cita será ás 17h, as prazas son limitadas e é preciso inscribirse no e-mail iribarne@butacazero.net
ButacaZero arranca esta semana unha nova fase dentro da creación da súa nova proposta escénica, Iribarne, unha peza de teatro político que a compañía dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira estreará no 2023.
Iribarne, que está en proceso de creación na actualidade, afondará na figura de Fraga Iribarne tentando comprender o seu impacto no noso presente e tamén na nosa identidade.
Os días 22, 23 e 24 de novembro, con motivo do centenario do nacemento do popularísimo político, ButacaZero deseñará tres xornadas de creación con cinco intérpretes en escena e a colaboración da directora Agurtzane Intxaurraga, da compañía vasca Hika Teatroa. A cita será no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
O intercambio terá lugar grazas ao programa ‘Cruces’, de Camino Escena Norte, que ten por obxectivo favorecer que compañías de diferentes comunidades autónomas do norte de España poidan coñecerse creativamente e trazar lazos de unión.
O público está tamén convidado a formar parte deste proceso. O martes 22 e o mércores 23 de novembro (día do centenario do nacemento de Manuel Fraga) as portas do Teatro Principal de Santiago de Compostela estarán abertas para que cincuenta persoas poidan coñecer o proceso de creación e participar del. As persoas interesadas poden apuntarse no correo iribarne@butacazero.net, indicando cal dos dous días queren participar. A selección establecerase por rigorosa orde de chegada.
Así mesmo, ButacaZero convida ás persoas que o desexen a enviar informacións que consideren relevantes para o proxecto, dende anécdotas persoais a noticias, imaxes, vídeos ou anacos de xornais. A canle para facelo é o mesmo correo electrónico: iribarne@butacazero.net.
SOBRE O PROXECTO ESCÉNICO
Iribarne non será un biopic sobre a vida de Manuel Fraga Iribarne. O espectáculo parte dunha investigación sobre a súa vida e o seu percorrido político para chegar a entender non só a figura do político, senón, principalmente, a afectación que tivo -e segue a ter- nas nosas vidas. A obra está prevista cunha enerxía desbordante, un espírito irreverente e moita ironía -marca da compañía-, con referentes como Ubú rey, de Alfred Harry, ou La imaginación del futuro, do colectivo teatral chileno La Re-sentida.
Iribarne nace da necesidade de descubrir que implicacións ten no noso presente un dos políticos máis populares e interesantes da nosa pre-Transición. A piques de celebrar o centenario do seu nacemento, Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira queren facer balance dunha personalidade “particularísima e popularísima” que, en palabras do tándem artístico, “puido ter sucedido a outro galego, Francisco Franco, pero tivo que se conformar con ser o ‘grandísimo presidente dos e das galegas’. Porén, temos a impresión de que polo camiño deseñou non só o que agora é Galicia, senón mesmo o que é España: esa España do turismo, a do destape a dos paradores… Ou o mesmísimo PP”.
No seu anhelo de achegarse ao público dun xeito diferente, ButacaZero porá en pé con Iribarne un proxecto de investigación teatral compartido co público para tratar de interpretar a unha das personaxes referentes da política galega e española, que serán compartidas a través das redes sociais da compañía, convidando ao público a participar no proceso de creación colectiva do espectáculo. Nos vindeiros meses terán lugar numerosos eventos, entre eles entrevistas e novas sesións creativas multidisciplinares ou de improvisacións dramatúrxicas das cales nacerá, ao final do proceso, a peza teatral que se estreará no 2023.
SOBRE A COMPAÑÍA
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas ou 32m2, o tándem sitúase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego, grazas á súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a reflexión desde unha mirada crítica e irónica son as claves que definen as súas creacións, que se concretan en dramaturxias feitas a medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
NP_Iribarne_CENTENARIO_CRUCES_