O Festival Atlántica retoma a actividade en Santiago e Teo cunha quincena de espectáculos

O FESTIVAL ATLÁNTICA RETOMA A ACTIVIDADE EN SANTIAGO E TEO CUNHA QUINCENA DE ESPECTÁCULOS

·        Victoria Siedlecky, Carme Varela, Anxo Moure, Celso Fernández Sanmartín, Dani Blanco e Félix Albo participan na xornada do xoves en Santiago

·        En paralelo, Atlántica continúa programando espectáculos noutros concellos de Galicia

Logo dun breve descanso, o Festival Atlántica afronta a súa segunda metade con novos espectáculos por todo o país. No caso concreto de Santiago e Teo, están previstos un total de 15 funcións que se desenvolverán ata a clausura do encontro o vindeiro sábado, 9 de xullo. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Santiago e Teo e máis as entidades participantes.

A actividade en Santiago comezará esta tarde, mércores 6 de xullo, ás 17:30 horas, co espectáculo ‘Maxia’ de Charo Pita na Aula de Pediatría do Hospital Clínico. A función, destinada exclusivamente para o público infantil do CHUS, conta coa colaboración de Asanog (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia).

No tocante ao xoves, 7 de xullo, a primeira función vai ser á sombra do carballo centenario de Conxo e na compañía da arxentina Victoria Siedlecky. O espectáculo programado é ‘Pequeno país’ e está concibido para público familiar e infantil (nenos maiores de 4 anos).

Pola tarde, ás 19 horas, dará comezo o ‘Roteiro das desterradas’ con Carme Varela, autora da premiada obra ‘As desterradas’ que vai ser o fío condutor deste paseo narrado. Os convites para esta actividade así como para a outra edición prevista para o sábado están esgotados desde hai semanas. Esta actividade conta coa colaboración do Sorriso de Daniel, unha asociación que traballa a prol da divulgación e conservación do románico galego.

Un chisco máis tarde, ás 19:30 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a proxección da curtametraxe documental ‘Verbas no ar’ de Paco Paz e Ernesto Muleiro. Logo do visionado está previsto un coloquio no que participarán Muleiro e os contadores Anxo Moure e Celso Fernández Sanmartín, protagonistas do audiovisual.

A xornada picheleira rematará cunha dobre función na Carballeira de Conxo, a partir das 21:30 horas, protagonizada polas ‘Historias de boca a boca’ do galego Dani Blanco e as ‘Yayerías’ do valenciano Félix Albo.

MARATÓN DE CONTOS

Pero Atlántica segue a espallar contos por toda Galicia e mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o xoves tamén haberá espectáculo en Ourense con Rilo e Penadique (11:30 h, Praza da República, soportais da Biblioteca Municipal Nós) e mais Boiro con María da Pontragha nun enclave singular: o Centro Arqueolóxico do Barbanza – Castros de Neixón (21:30 h).

Mais cómpre visitar a web do festival para estar informado do resto de funcións porque ata o vindeiro 9 de xullo tamén están programadas actividades en Cuntis, Dodro, Ribeira, Campo Lameiro, Paderne, Mondoñedo, Alfoz, Zas, A Pobra do Caramiñal, Outes, Sanxenxo e Carnota ademais de Santiago e Teo.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220706-NP-SANTIAGO_FestivalAtlantica

Andanzas do Suso de Lameliña. UNHA NOITE CON DARCY E FUNGIE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

UNHA NOITE CON DARCY E FUNGIE

Era o segundo día de estancia en Dingle. Pola tarde saíra pola baía nunha ruta turística coa idea de observar a fauna mariña pero, sobre todo, coa ilusión de poder atoparse co golfiño Fungie, que sempre se amosaba cariñoso e amigable cos humanos . Aquela tarde non foi posible, non houbo maneira de avistalo; non era o normal, pero ás veces desaparecía por unhas horas e, precisamente, cadroulle ese día.

O golfiño Fungie aparecera a principios dos anos oitenta na pequena poboación do suroeste de Irlanda, Dingle (O Forte). Desde aquela a súa presenza fixo desta vila do condado de Kerry unha das maiores atraccións turísticas da Illa Esmeralda. Hai cousa de dous anos saíu en todos os medios de comunicación, non só irlandeses, a noticia da desaparición de Fungie; desde entón, e vai para máis de dous anos, non se volveu saber nada máis del.

Logo de regresar do paseo pola baía e de comer unhas ameixas á mariñeira e un bo rodaballo no Anchor Down, un dos mellores restaurantes de marisco e peixe da bisbarra e de facer tempo paseando polo porto e polas rúas da vila, dirixiuse ao pub onde xa estivera a noite anterior presenciando a actuación dun grupo de música tradicional que lle gustara moito.

Segundo entrou no local, xa a viu arrimada á barra e cunha pinta de Guinness na man. Desde ese intre soubo que algo especial ía ocorrer aquela noite, así que se dirixiu cara a onde estaba a muller loira e, poñéndose ao seu carón, pediu unha pinta. Agardou a que a compañeira de bebida rematase a mesma e cando esta se dispuña a saír, dirixiulle a palabra, convidándoa a outra cervexa. Aceptou cun sorriso amplo, e, a partir de entón, pinta tras pinta, estiveron toda a noite falando de Fungie, dos mariñeiros de Muros e das cancións de The Pogues, The Cramberries e de Van Morrisson. Aquela noite a actuación en vivo pasoulle desapercibida.

Cando o pub pechou, acompañou a Darcy (Escura), era o nome da moza, a un dos últimos locais en pechar e alí tomaron a arrancadeira, para logo dirixirse ao porto e facerlle unha visita ao famoso golfiño, que alí se atopa a xeito de escultura . Ao darlle unha caricia notou coma o cetáceo comezaba a moverse e a facer cabriolas; deixara de ser de chumbo para mudar en ser vivo.  Foi entón cando Darcy propuxo montar nel e dar unha volta polo océano. Iso fixeron, ou polo menos cre que así foi, para despois de navegar sobre os seu lombo durante case unha hora regresar ao peirao. Logo xa non se lembra de máis nada.

A mañá seguinte espertou na cama do seu hotel, preto xa do mediodía e , ao erguerse, para non ir parar ao chan do mareo que lle deu, tivo de novo que deitarse e estar un par de horas máis ata que se empezou a atopar mellor. Unha vez máis ou menos reposto e despois de pegarse unha boa ducha, ao regresar ao leito viu unha nota enriba da mesa de noite, tomouna nas mans e leu:

Mañá ás dez agárdote no John Benny´s. Deica entón.

Darcy

Ás dez estaba puntual no pub. Media hora despois, a moza loira non aparecía. Totalmente recuperado e xa coa segunda pinta empezada, por fin, ve coma entra e se coloca no outro extremo da barra. Coa xarra na man diríxese cara a ela e saúdaa. Ao ver que non lle prestaba atención, vai e saca a nota do bolso e poñéndollo diante dos ollos dille: “Eu só fago o que me mandaches, Darcy”. Entón ela botando unha gargallada que se escoitou en todo o local, colleu o papel e pedindo un bolígrafo ao camareiro escribiu:

Hoxe non podo acudir. A noite pasada foi moi agradable, pero faltou o mellor. Para outra vez, ten máis coidado coa bebida.

De parte de Darcy

Rematado o escrito entregoulle a nota e de novo botando outra gargallada continuou dicíndolle:

—Eu son a súa irmá xemelga e ordenoume, se é que te vía, que che comentara o que veño de escribir.

E despedíndose del cun aceno, colleu e marchou para o escenario, onde a agardaban os compañeiros de grupo, para iniciar a actuación da noite.

Rematou de tomar a pinta e unha  insoportable dor de cabeza foise apoderando del, polo que decidiu que esa noite non era a máis axeitada para seguir de cervexas. Colleu, profundamente abatido, e encamiñouse cara ao hotel

DILUVIO: así é o terceiro disco de Tanxugueiras

O álbum inclúe dez temas nos que as pandeireteiras cuestionan crenzas  

e presuntas culpas para reformulalas como aprendizaxes vitais transformadoras 

O disco, que estará dispoñible en tendas e plataformas dixitais a partir do 29 de xullo, xa se pode reservar a través da páxina web oficial www.tanxugueiras.gal  

O terceiro disco de Tanxugueiras xa ten título: ‘DILUVIO’. As pandeireteiras desvelan nesta xornada o nome, portada e títulos das cancións do novo álbum, que estará dispoñible nas plataformas dixitais e tendas físicas a partir do vindeiro 29 de xullo, e que xa se pode reservar a través do espazo web oficial  www.tanxugueiras.gal.  

 
Este terceiro traballo discográfico de Tanxugueiras, editado por Calaverita Records, referenda a liña musical de Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro, na que apostan pola reinterpretación da tradición galega a través da súa fusión con ritmos urbanos, próximos ao trap ou a electrónica. Neste sentido, ‘DILUVIO’, cuxa foto de portada é obra de Neelam Khan Vela, nace como unha viaxe de revisión e cuestionamento de crenzas ou presuntas culpas instaladas na sociedade. 

Se con ‘Contrapunto’ as cantareiras propoñían un particular xogo de espello entre o lado bo e malo da vida, co novo álbum pretenden provocar un auténtico ‘DILUVIO’ sobre o establecido: é un camiño que as pandeireteiras percorren a través de verbos como ver, escoitar, equivocar, lembrar ou apoderar. Apoiadas sobre estes, as músicas apostan por reformular esas crenzas ou máximas e convertelas nunha serie de aprendizaxes transformadoras para a vida

  
‘DILUVIO’ inclúe dez temas –e outros dous instrumentais de apertura e peche do disco-, dos que o público xa coñece éxitos como ‘Midas’, ‘Figa’ ‘Averno’ ou ‘Terra’, ademais dos sinxelos recentemente publicados: ’Seghadoras’, ‘Desidia’ e ‘Pano Corado’. Precisamente estes tres últimos temas dan boa conta da conceptualización do disco e reverte os discursos de odio e a opresión coa dignidade das ‘Seghadoras’, defende o dereito ao autocoidado con ‘Desidia’, ou chama pola defensa do amor libre en ‘Pano Corado’. O venres 29 de xullo, día do lanzamento do álbum, daranse a coñecer os cinco novos temas que pechan o DILUVIO: ‘Treboada’, ‘Arica’, ‘Sorora’, ‘Fame de Odio’ e ‘Acougo’. 

20220701-NP-GAL-DILUVIO-e-o-novo-disco-de-Tanxugueiras

Familias e cativada, no centro da terceira xornada do Festival Atlántica en Santiago

FAMILIAS E CATIVADA, NO CENTRO DA TERCEIRA XORNADA DO FESTIVAL ATLÁNTICA EN SANTIAGO

·        Virginia Imaz (Euskal Herria) e Carolina Rueda (Colombia) actuarán xuntas pola mañá e pola noite·        

. A ‘Gaitazumba’ de Luis Prego regresa este ano ao festival e tomará a Praza de Cervantes·        

. Os bebés terán unha cita con Atenea García no Parque de Bonaval

A Praza de Cervantes concentrará a actividade do Festival Atlántica durante a mañá do sábado. A partir das 12 horas, o público infantil e familiar ten unha cita cos ‘Contos do Cantábrico ao Pacífico’ da narradora guipuscoana Virginia Imaze mais a colombiana Carolina Rueda. Unha vez rematada a sesión, o público está convidado a participar no espectáculo de ‘Gaitazumba’ de Luis Prego, ás 12:45 horas, no mesmo lugar.

Pola tardiña, ás 19 horas, o Parque de Bonaval recibirá a función ‘Corochas’ de Atenea García, concibido para bebés de entre cero e tres anos. A quenda do público adulto comezará ás 21:30 horas, tamén en Bonaval, cando Virginia Imaz e Carolina Ruedavolvan compartir escenario coas historias da ‘Mitoloxía vasca’ e dos ‘Contos e sucedidos’, respectivamente.

O domingo, 3 de xullo, logo dunha pausa de dous anos por mor da pandemia, vaise celebrar de novo o ‘Vermú de contos’, unha xuntanza informal entre os artistas e o público nun ambiente distendido na leira de Barcia, en Ribóo, no concello da Estrada. As prazas para esta actividade son limitadas e para asistir cómpre inscribirse a través do correo festivalatlantica@gmail.com. Unha vez formalizada a inscrición, achegarase toda a información sobre a actividade e a localización exacta aos participantes.

Alén de Santiago

E mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o sábado haberá tamén contos atlánticos no auditorio do Concello de Pazos de Borbén (Vítor Fernandes e Estefânia Surreira, 12 h), na casa da árbore de Anxo Moure en Garabelos, Chantada, no hórreo de Carnota (Paula Carballeira, 20:30 h), no Castelo de Castrodouro en Alfoz (Santi Prego e Jorge de Arcos, 20:30 h) e na Eira de Traxeito de Dodro (Sofia maul e Charo Pita, 20:30 h). E o domingo, Lois Pérez estará en Mondoñedo na casa modernista Santa Emilia (21:30 h).

Pausa ata o mércores

O festival Atlántica descansará ata o vindeiro mércores 6 de xullo, cando os contos volvan tanto a Santiago como ao resto das sedes ata completar os 94 espectáculos previstos nesta edición por toda Galicia. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concellos e entidades que acollen ao festival. Cómpre lembrar que Atlántica desenvolve a súa actividade nas localidades de Ferrol, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas, Teo e Padrón ademais de Santiago de Compostela. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220701-NP-SANTIAGO_FestivalAtlantica