FAMILIAS E CATIVADA, NO CENTRO DA TERCEIRA XORNADA DO FESTIVAL ATLÁNTICA EN SANTIAGO

·        Virginia Imaz (Euskal Herria) e Carolina Rueda (Colombia) actuarán xuntas pola mañá e pola noite·        

. A ‘Gaitazumba’ de Luis Prego regresa este ano ao festival e tomará a Praza de Cervantes·        

. Os bebés terán unha cita con Atenea García no Parque de Bonaval

A Praza de Cervantes concentrará a actividade do Festival Atlántica durante a mañá do sábado. A partir das 12 horas, o público infantil e familiar ten unha cita cos ‘Contos do Cantábrico ao Pacífico’ da narradora guipuscoana Virginia Imaze mais a colombiana Carolina Rueda. Unha vez rematada a sesión, o público está convidado a participar no espectáculo de ‘Gaitazumba’ de Luis Prego, ás 12:45 horas, no mesmo lugar.

Pola tardiña, ás 19 horas, o Parque de Bonaval recibirá a función ‘Corochas’ de Atenea García, concibido para bebés de entre cero e tres anos. A quenda do público adulto comezará ás 21:30 horas, tamén en Bonaval, cando Virginia Imaz e Carolina Ruedavolvan compartir escenario coas historias da ‘Mitoloxía vasca’ e dos ‘Contos e sucedidos’, respectivamente.

O domingo, 3 de xullo, logo dunha pausa de dous anos por mor da pandemia, vaise celebrar de novo o ‘Vermú de contos’, unha xuntanza informal entre os artistas e o público nun ambiente distendido na leira de Barcia, en Ribóo, no concello da Estrada. As prazas para esta actividade son limitadas e para asistir cómpre inscribirse a través do correo festivalatlantica@gmail.com. Unha vez formalizada a inscrición, achegarase toda a información sobre a actividade e a localización exacta aos participantes.

Alén de Santiago

E mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o sábado haberá tamén contos atlánticos no auditorio do Concello de Pazos de Borbén (Vítor Fernandes e Estefânia Surreira, 12 h), na casa da árbore de Anxo Moure en Garabelos, Chantada, no hórreo de Carnota (Paula Carballeira, 20:30 h), no Castelo de Castrodouro en Alfoz (Santi Prego e Jorge de Arcos, 20:30 h) e na Eira de Traxeito de Dodro (Sofia maul e Charo Pita, 20:30 h). E o domingo, Lois Pérez estará en Mondoñedo na casa modernista Santa Emilia (21:30 h).

Pausa ata o mércores

O festival Atlántica descansará ata o vindeiro mércores 6 de xullo, cando os contos volvan tanto a Santiago como ao resto das sedes ata completar os 94 espectáculos previstos nesta edición por toda Galicia. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración dos concellos e entidades que acollen ao festival. Cómpre lembrar que Atlántica desenvolve a súa actividade nas localidades de Ferrol, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas, Teo e Padrón ademais de Santiago de Compostela. Toda a información sobre os espectáculos e os artistas está dispoñible na web do festival.

Festival Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.

+INFO: http://festivalatlantica.gal

20220701-NP-SANTIAGO_FestivalAtlantica