O FESTIVAL ATLÁNTICA RETOMA A ACTIVIDADE EN SANTIAGO E TEO CUNHA QUINCENA DE ESPECTÁCULOS
· Victoria Siedlecky, Carme Varela, Anxo Moure, Celso Fernández Sanmartín, Dani Blanco e Félix Albo participan na xornada do xoves en Santiago
· En paralelo, Atlántica continúa programando espectáculos noutros concellos de Galicia
Logo dun breve descanso, o Festival Atlántica afronta a súa segunda metade con novos espectáculos por todo o país. No caso concreto de Santiago e Teo, están previstos un total de 15 funcións que se desenvolverán ata a clausura do encontro o vindeiro sábado, 9 de xullo. Esta intensa programación é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos de Santiago e Teo e máis as entidades participantes.
A actividade en Santiago comezará esta tarde, mércores 6 de xullo, ás 17:30 horas, co espectáculo ‘Maxia’ de Charo Pita na Aula de Pediatría do Hospital Clínico. A función, destinada exclusivamente para o público infantil do CHUS, conta coa colaboración de Asanog (Asociación de Ayuda a Niños Oncológicos de Galicia).
No tocante ao xoves, 7 de xullo, a primeira función vai ser á sombra do carballo centenario de Conxo e na compañía da arxentina Victoria Siedlecky. O espectáculo programado é ‘Pequeno país’ e está concibido para público familiar e infantil (nenos maiores de 4 anos).
Pola tarde, ás 19 horas, dará comezo o ‘Roteiro das desterradas’ con Carme Varela, autora da premiada obra ‘As desterradas’ que vai ser o fío condutor deste paseo narrado. Os convites para esta actividade así como para a outra edición prevista para o sábado están esgotados desde hai semanas. Esta actividade conta coa colaboración do Sorriso de Daniel, unha asociación que traballa a prol da divulgación e conservación do románico galego.
Un chisco máis tarde, ás 19:30 horas, o Museo do Pobo Galego acollerá a proxección da curtametraxe documental ‘Verbas no ar’ de Paco Paz e Ernesto Muleiro. Logo do visionado está previsto un coloquio no que participarán Muleiro e os contadores Anxo Moure e Celso Fernández Sanmartín, protagonistas do audiovisual.
A xornada picheleira rematará cunha dobre función na Carballeira de Conxo, a partir das 21:30 horas, protagonizada polas ‘Historias de boca a boca’ do galego Dani Blanco e as ‘Yayerías’ do valenciano Félix Albo.
MARATÓN DE CONTOS
Pero Atlántica segue a espallar contos por toda Galicia e mentres todo isto está a acontecer en Santiago, o xoves tamén haberá espectáculo en Ourense con Rilo e Penadique (11:30 h, Praza da República, soportais da Biblioteca Municipal Nós) e mais Boiro con María da Pontragha nun enclave singular: o Centro Arqueolóxico do Barbanza – Castros de Neixón (21:30 h).
Mais cómpre visitar a web do festival para estar informado do resto de funcións porque ata o vindeiro 9 de xullo tamén están programadas actividades en Cuntis, Dodro, Ribeira, Campo Lameiro, Paderne, Mondoñedo, Alfoz, Zas, A Pobra do Caramiñal, Outes, Sanxenxo e Carnota ademais de Santiago e Teo.
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.
+INFO: http://festivalatlantica.gal
20220706-NP-SANTIAGO_FestivalAtlantica