O FESTIVAL ATLÁNTICA CLAUSURA A SÚA DÉCIMA EDICIÓN CON ACTIVIDADES EN ONCE CONCELLOS
· A Fortaleza da Rocha Forte de Santiago acolle o espectáculo de clausura con Francisco de Romualdo e o dúo formado por Santi Prego e Jorge de Arcos
· O maratón de contos comezará pola mañá co ascenso ao monte Pindo de Carnota na compañía das historias de Avelino González
· Tamén haberá funcións en Teo, Mondoñedo, Paderne, Alfoz, Zas, Outes, Cuntis, A Pobra do Caramiñal e Sanxenxo
O Festival Atlántica pon o ramo á súa décima edición este sábado, 9 de xullo, con trece espectáculos que se van desenvolver en once localidades distintas. Estas actividades son posibles grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e á colaboración dos concellos e entidades que operan como sedes do festival.
No caso de Santiago, a actividade vai comezar ás 11 horas co ‘Roteiro das desterradas’ de Carme Varela, a segunda edición que realiza do itinerario narrado a autora da premiada ‘As desterradas’ e que tamén ten os convites esgotados desde hai semanas. A mediodía, ás 12 horas, a Praza de Cervantes vai acoller o concerto-conto ‘As catro estacións de Vivaldi’ con ConcertArt e Sole Felloza. A xornada rematará co espectáculo oficial de clausura de Atlántica, a partir das 21:30 horas, e consistirá nunha función dobre co narrador non vidente Francisco de Romualdo e o dúo formado por Santi Prego e Jorge de Arcos. Os cantares de cego do primeiro e os improcontos dos segundos terán lugar nun escenario moi especial da cidade: a Fortaleza da Rocha Forte.
Mentres, en Teo, o público está convidado a achegarse ata a área recreativa do Xirimbado, ás 21 horas, para gozar coas historias de Avelino González e o seu espectáculo ‘No tempo en que as pontes falaban’. Precisamente, Avelino González será tamén o protagonista pola mañá, ás 9:30 horas, dunha das actividades máis singulares desta edición: un ascenso cheo de historias ao Monte Pindo de Carnota, considerado o Olimpo Celta.
Atlántica tamén chegará ata Mondoñedo con Caxoto (20:30 h, Alfar dos Muíños), a Paderne con Cris de Caldas (20:30 h, Praza de San Xulián de Vigo), ao Castelo de Castrodouro de Alfoz con Rilo & Penadique (20:30 h) ás Torres do Allo de Zas con Cándido Pazó e Vítor Fernandes (21:30 h), a Pontenafonso en Outes con Félix Albo (21:30 h), ao Castro de Castrolandín de Cuntis con Celso Fernández Sanmartín (21:30 h), á Pobra do Caramiñal con Carolina Rueda (21:30 h, Adro do Castelo) e a Sanxenxo con Victoria Siedlecki (22 h, Casa Mariñeira Don Fernando). Toda a información sobre os artistas e mais os espectáculos pódese consultar na web do festival (festivalatlantica.gal).
Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e de América Latina.
+INFO: http://festivalatlantica.gal
20220708-NP-CLAUSURA-FestivalAtlantica