A orquestra folk SonDeSeu regresa a Lugo cun concerto acústico para celebrar o seu vinte aniversario 

A orquestra folk actuará este sábado 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:30 horas, e na web www.ataquilla.com aínda hai entradas dispoñibles para gozar desta actuación especial de aniversario

SonDeSeu recala este sábado en Lugo cun concerto que se enmarca na xira de celebración do seu vinte aniversario. A orquestra folk, un dos proxectos musicais máis senlleiros do país, actuará este sábado 21 de maio no Auditorio Municipal Gustavo Freire, ás 20:30 horas, e desta volta vaino facer dun xeito singular: en formato acústico e sen amplificación. Este concerto de SonDeSeu é posible grazas á colaboración do Concello de Lugo e as súas entradas poden adquirirse no espazo web www.ataquilla.com.

A primeira orquestra folk de Galicia regresa á cidade catro anos despois do seu concerto na inauguración das festas de San Froilán 2018. Nesta ocasión faino con a case totalidade dos seus 60 integrantes, entre eles os lucenses José Varela, violinista, e a cantante Carme López, que tamén forma parte de Raiceira e do grupo Os Minhotos, no que toca a gaita.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.

CONVOCATORIA

Xira XX Aniversario SonDeSeu | Concerto Lugo

Data: 
sábado 21 de maio
Hora: 
20:30
Lugar: 
Auditorio Municipal Gustavo Freire

Solicitude de acreditacións: até ás 14.00 horas do venres 20 vía correo-e a lucia.pita@theofficeco.es ou bea@theofficeco.es

SDS-dossier-XX-Aniversario

O Noia Harp Fest convoca o Premio de Composición Portus Apostoli para arpa e orquestra

A obra gañadora do certame, que contará cun xurado conformado por arpistas e directores de distintas nacionalidades, estrearase no 2023 da man da Real Filharmonía de Galicia

A IX edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrará concertos singulares e dunha notable calidade artística do 3 ao 7 de agosto

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia vén de publicar esta mañá na súa páxina web, www.noiaharpfest.gal, as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que nace ao abeiro do festival coa intención de promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía de Galicia o ano que vén. 

A convocatoria do Premio Portus Apostoli, que conta coa colaboración de Turismo de Noia, está aberta desde hoxe e até o vindeiro 23 de decembro de 2022 a todas e todos os compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade. Un xurado internacional, conformado por arpistas e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsable de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa -así como da orquestración-; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical. Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. 

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, de xeito que non poderán participar no certame pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos. A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos. Para máis información sobre as bases e o Premio Portus Apostoli, que se fallará antes do 15 de febreiro de 2023, pódese visitar a páxina web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal

IX Noia Harp Fest

A novena edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa, celebrarase do 3 ao 7 de agosto. No seu cartel conflúen artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos mais unidos pola interpretación musical a través da arpa. Artistas e agrupacións como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da nova edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre  -Praza do Tapal- coma no interior de recintos culturais da vila -Igrexa de Santa María A Nova, Teatro Coliseo Noela- de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

Noia Harp Fest, que dirixe o arpista Rodrigo Romanía, conta co patrocinio do Concello de Noia, coa colaboración de Cabaniñas do Bosque e da distribuidora dixital de música Altafonte, ademais do apoio do Liceo de Noia e da Asociación Terra de Outes.

20220518-GAL-Premio-Portus-Apostoli

“Contos arredor do lume”, espectáculo de Alba Grande, este sábado na Casa-Museo Manuel María

A actriz, titiriteira e contadora ourensá, ALBA GRANDE, levará a cabo este sábado, 21 de maio, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María, unha función de narración oral, Contos arredor do lume, dirixida para público familiar a partir de 5 anos. 

Será catro contos de tradicións populares que nos falarán de lumes grandes e pequenos, de fragas e paxaros e de cobras e mulleres. Un espectáculo que inclúe o son dun pandeiro redondo tradicional, coplas populares cantadas e escenas de títeres creados con obxectos.

Un fermoso alegato sobre o coidado da nosa contorna a través Vasalisa e Baba Iagá, Apaporroiba valente que loitou contra o lume que incendiaba a fraga, A paxariña que trouxo o lume á humanidade O rato e a rateira. 

É necesario facer reserva (billete 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

Andanzas do Suso de Lameliña. SENSOMBRA

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

SENSOMBRA

Disque pouco antes de facer cinco anos perdeu a súa sombra. Un día solleiro do mes de maio que o levaba seu pai collido da man ao colexio viu como só se reflectía no chan a sombra del e nada máis. Ficou algo sorprendido pero nese intre non lle deu maior importancia. Pode que sexa debido á inclinación dos raios do sol, pensou. Mais ao saír das aulas volveu pasar o mesmo. Nin pegada da sombra do meniño. Preocupado, ao chegar á casa comentouno coa nai. Como non vai ter sombra? Ti toleaches!, díxolle a muller, que collendo o neno da man saíu con el á rúa, onde puido comprobar que o seu home non se volvera tolo, que non mentía, xa que efectivamente o neno non tiña sombra.

De nada serviu ir a diferentes médicos, non houbo un que dese unha explicación crible. Tampouco foron quen de atopar explicación ao fenómeno, curandeiras e bruxos. Nunca se viran cun caso igual. Remataron por non darlle importancia pois o neno, polo demais, atopábase ben de saúde. Só se queixaba de vez en cando de que lle faltaba algo. Os psicólogos opinaban que era máis ben subxectivo, ao ver que non era coma os outros nenos, os cales ao saber da súa doenza, mofábanse del e comezaron a chamarlle, “Sensombra”.

Xurxo, que así se chamaba o rapaz sen sombra, foi medrando sen problemas, pero en chegando á adolescencia e ao tempo do crecemento, o seu carácter mudou completamente, e non só debido ao cambio hormonal. Considerábase diferente , e empezou a tratar os seus compañeiros e compañeiras coma seres inferiores, dándolle as costas a quen ata de agora foran as súas amizades. Comentaba que tiña poderes sobrenaturais e que un día destes, todas e todos se prostrarían de xeonllos diante del. Por suposto, ninguén lle facía caso, é máis, burlábanse del e tratábano coma se fose un louco.

Un día, que unha compañeira de aula veu cunha tremenda gripe, foi Xurxo e tocoulle a fronte. Ao momento desapareceulle a doenza. A noticia correu coma a pólvora, e a xente comezou a falar de milagre. O tolo de Xurxo curoulle a gripe a Sofía, con só tocarlle na fronte, comentábase na aldea e bisbarra. E algo diso había, pois, a partir de entón, doente que tocaba Xurxo, doente que sandaba,  e se non sandaba de todo melloraba ou lle prolongaba a vida, sempre cunha aceptable calidade; mesmo chegou a curar cancros agresivos. 

A súa fama chegou a todos os recunchos do mundo e viuse tan agoniado que un día decidiu liscar e agocharse nos altos cumes do Courel, onde pasou preto de dez anos en absoluta soidade. Tempo suficiente para recuperar a sombra. Unha mañá ao erguerse, eran mediados de agosto, viu con sorpresa por primeira vez na súa vida,  o seu corpo reflectido no chan. Cos brincos que pegou case chega dun chimpo ao río Selmo. Por fin, el, que sandara a tanta xente, estaba curado e xa podía comezar unha nova vida. Non agardou un segundo e baixou do monte a todo correr ata chegar a Ferramulín, a aldea da que se atopaba máis preto naquel momento. Cando o viron chegar ninguén o coñecía do cambiado que estaba. Un veciño, ao saber quen era, arrincou con el a Visuña, a súa aldea natal. Familia e veciñanza non o podían crer. Pero era certo, regresara Xurxo,  e por riba con sombra.

Medios de comunicación de todo o mundo fixéronse eco do suceso. Desta volta a noticia chegou aos oídos de Doyun Kyong, un prestixioso científico de Namyangju, cidade do norte de Corea do Sur. Nada máis saber do caso, colleu un voo e presentouse  aos dous días en Visuña na casa de Xurxo. O profesor Doyun si coñecía un caso similar. Tratábase dunha muller filipina, Evelyn Panganiban , que durante dez anos careceu de sombra. Evelyn viviu na metade do século XVIII, e, durante ese tempo que careceu de sombra, fíxose famosa polas súas curacións.  Evelyn non foi quen de resistir a presión a que foi sometida, pero non optou pola fuga coma Xurxo, cortouse as veas e morreu desangrada. Non chegou por tanto a recuperar a sombra.

Agora Xurxo atópase en Seul, onde traballa o profesor coreano. A idea do citado científico é ver se é quen de explicar este raro fenómeno, analizando escrupulosamente o organismo do courelés. Pode que algún día saibamos o misterio da perda e recuperación da sombra por parte de certos humanos e a súa transformación en milagrosos curandeiros. Mentres tanto non nos queda outra que agardar e procurar que non fiquen no esquecemento os casos de Evelyn e Xurxo.