SENSOMBRA
Disque pouco antes de facer cinco anos perdeu a súa sombra. Un día solleiro do mes de maio que o levaba seu pai collido da man ao colexio viu como só se reflectía no chan a sombra del e nada máis. Ficou algo sorprendido pero nese intre non lle deu maior importancia. Pode que sexa debido á inclinación dos raios do sol, pensou. Mais ao saír das aulas volveu pasar o mesmo. Nin pegada da sombra do meniño. Preocupado, ao chegar á casa comentouno coa nai. Como non vai ter sombra? Ti toleaches!, díxolle a muller, que collendo o neno da man saíu con el á rúa, onde puido comprobar que o seu home non se volvera tolo, que non mentía, xa que efectivamente o neno non tiña sombra.
De nada serviu ir a diferentes médicos, non houbo un que dese unha explicación crible. Tampouco foron quen de atopar explicación ao fenómeno, curandeiras e bruxos. Nunca se viran cun caso igual. Remataron por non darlle importancia pois o neno, polo demais, atopábase ben de saúde. Só se queixaba de vez en cando de que lle faltaba algo. Os psicólogos opinaban que era máis ben subxectivo, ao ver que non era coma os outros nenos, os cales ao saber da súa doenza, mofábanse del e comezaron a chamarlle, “Sensombra”.
Xurxo, que así se chamaba o rapaz sen sombra, foi medrando sen problemas, pero en chegando á adolescencia e ao tempo do crecemento, o seu carácter mudou completamente, e non só debido ao cambio hormonal. Considerábase diferente , e empezou a tratar os seus compañeiros e compañeiras coma seres inferiores, dándolle as costas a quen ata de agora foran as súas amizades. Comentaba que tiña poderes sobrenaturais e que un día destes, todas e todos se prostrarían de xeonllos diante del. Por suposto, ninguén lle facía caso, é máis, burlábanse del e tratábano coma se fose un louco.
Un día, que unha compañeira de aula veu cunha tremenda gripe, foi Xurxo e tocoulle a fronte. Ao momento desapareceulle a doenza. A noticia correu coma a pólvora, e a xente comezou a falar de milagre. O tolo de Xurxo curoulle a gripe a Sofía, con só tocarlle na fronte, comentábase na aldea e bisbarra. E algo diso había, pois, a partir de entón, doente que tocaba Xurxo, doente que sandaba, e se non sandaba de todo melloraba ou lle prolongaba a vida, sempre cunha aceptable calidade; mesmo chegou a curar cancros agresivos.
A súa fama chegou a todos os recunchos do mundo e viuse tan agoniado que un día decidiu liscar e agocharse nos altos cumes do Courel, onde pasou preto de dez anos en absoluta soidade. Tempo suficiente para recuperar a sombra. Unha mañá ao erguerse, eran mediados de agosto, viu con sorpresa por primeira vez na súa vida, o seu corpo reflectido no chan. Cos brincos que pegou case chega dun chimpo ao río Selmo. Por fin, el, que sandara a tanta xente, estaba curado e xa podía comezar unha nova vida. Non agardou un segundo e baixou do monte a todo correr ata chegar a Ferramulín, a aldea da que se atopaba máis preto naquel momento. Cando o viron chegar ninguén o coñecía do cambiado que estaba. Un veciño, ao saber quen era, arrincou con el a Visuña, a súa aldea natal. Familia e veciñanza non o podían crer. Pero era certo, regresara Xurxo, e por riba con sombra.
Medios de comunicación de todo o mundo fixéronse eco do suceso. Desta volta a noticia chegou aos oídos de Doyun Kyong, un prestixioso científico de Namyangju, cidade do norte de Corea do Sur. Nada máis saber do caso, colleu un voo e presentouse aos dous días en Visuña na casa de Xurxo. O profesor Doyun si coñecía un caso similar. Tratábase dunha muller filipina, Evelyn Panganiban , que durante dez anos careceu de sombra. Evelyn viviu na metade do século XVIII, e, durante ese tempo que careceu de sombra, fíxose famosa polas súas curacións. Evelyn non foi quen de resistir a presión a que foi sometida, pero non optou pola fuga coma Xurxo, cortouse as veas e morreu desangrada. Non chegou por tanto a recuperar a sombra.
Agora Xurxo atópase en Seul, onde traballa o profesor coreano. A idea do citado científico é ver se é quen de explicar este raro fenómeno, analizando escrupulosamente o organismo do courelés. Pode que algún día saibamos o misterio da perda e recuperación da sombra por parte de certos humanos e a súa transformación en milagrosos curandeiros. Mentres tanto non nos queda outra que agardar e procurar que non fiquen no esquecemento os casos de Evelyn e Xurxo.