OASIS: As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Tierra de mujeres

Autora: María Sánchez

Editorial: Seix Barral

Ano de publicación: 2019

Para unha urbanita coma min, que naceu nunha gran cidade e pasou a maior parte da súa vida entre edificios e asfalto, ler a María Sánchez tras unha etapa de cambios importantes –cada vez máis próxima á raíz sanguínea e, por tanto, ao telúrico – é absolutamente revelador.

Nos últimos anos, nese proceso de identificación e achegamento á terra, teño lido con enorme entusiasmo a John Berger, autor que ocupa un lugar privilexiado na miña humilde biblioteca. Mais con Tierra de mujeres veño a constatar unha narrativa necesaria, imprescindíbel, que integra, xa desde o título, dous elementos cun vínculo especial: natureza e feminismo. Unha narrativa brillante, que furga no esquecemento para dignificar o rural desde a mirada das invisíbeis. Aquelas que, entre outras cousas, cultivaron a horta, aleitaron á prole e levaron o gando a pacer.

Asistimos, asemade, a unha lectura cálida, que nos arroupa con tenrura desde o principio, coa reprodución de escenas da infancia a cámara lenta. Unha especie de limiar das futuras aprendizaxes vitais. A autora consegue envolvernos nun relato verosímil, que non precisa de moitos ornamentos para sentilo propio e, que malia todo, posúe a capacidade de rexenerar coñecemento de maneira constante sobre un mundo que subestimamos con arrogancia –ou ignorancia- foránea. Quizais, non sería tan desencamiñado, volvermos ao discurso que Miguel Delibes pronunciaba na súa entrada na RAE, con aquela interpelación ao que denominamos progreso.

Mención á parte, merecen as referencias a outras autoras que labraron primeiro estas leiras do pensamento, como son Maria Gabriela Llansol ou Luz Pichel, porque escribir non é máis que ligarmos as mans unhas a outras. Do mesmo xeito, atopamos magníficas ilustracións e citas que abren cada capítulo do libro, enraizándose perfectamente no conxunto da obra, como esta de San Juan 4,38: “Otros se fatigaron y vosotros os aprovecháis de sus fatigas”.

Lede a María Sánchez, lede Tierra de mujeres, porque non sairedes indemnes desta inesperada turrada.

Ciclo Cine Galego: Proxección das películas finalistas dos Premios Mestre Mateo 2021 no Auditorio Municipal de Vilalba

O IESCHA, coa colaboración da Academia Galega do Audiovisual, da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba, organiza un Ciclo de Cine Galego, coa proxección das películas finalistas nos Premios Mestre Mateo’2021, previsto para varios sábados do mes de maio no Auditorio Municipal de Vilalba.

Adxúntase nota informativa.