OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: Tierra de mujeres

Autora: María Sánchez

Editorial: Seix Barral

Ano de publicación: 2019

Para unha urbanita coma min, que naceu nunha gran cidade e pasou a maior parte da súa vida entre edificios e asfalto, ler a María Sánchez tras unha etapa de cambios importantes –cada vez máis próxima á raíz sanguínea e, por tanto, ao telúrico – é absolutamente revelador.

Nos últimos anos, nese proceso de identificación e achegamento á terra, teño lido con enorme entusiasmo a John Berger, autor que ocupa un lugar privilexiado na miña humilde biblioteca. Mais con Tierra de mujeres veño a constatar unha narrativa necesaria, imprescindíbel, que integra, xa desde o título, dous elementos cun vínculo especial: natureza e feminismo. Unha narrativa brillante, que furga no esquecemento para dignificar o rural desde a mirada das invisíbeis. Aquelas que, entre outras cousas, cultivaron a horta, aleitaron á prole e levaron o gando a pacer.

Asistimos, asemade, a unha lectura cálida, que nos arroupa con tenrura desde o principio, coa reprodución de escenas da infancia a cámara lenta. Unha especie de limiar das futuras aprendizaxes vitais. A autora consegue envolvernos nun relato verosímil, que non precisa de moitos ornamentos para sentilo propio e, que malia todo, posúe a capacidade de rexenerar coñecemento de maneira constante sobre un mundo que subestimamos con arrogancia –ou ignorancia- foránea. Quizais, non sería tan desencamiñado, volvermos ao discurso que Miguel Delibes pronunciaba na súa entrada na RAE, con aquela interpelación ao que denominamos progreso.

Mención á parte, merecen as referencias a outras autoras que labraron primeiro estas leiras do pensamento, como son Maria Gabriela Llansol ou Luz Pichel, porque escribir non é máis que ligarmos as mans unhas a outras. Do mesmo xeito, atopamos magníficas ilustracións e citas que abren cada capítulo do libro, enraizándose perfectamente no conxunto da obra, como esta de San Juan 4,38: “Otros se fatigaron y vosotros os aprovecháis de sus fatigas”.

Lede a María Sánchez, lede Tierra de mujeres, porque non sairedes indemnes desta inesperada turrada.